A Praza de Dona Vicenta

Será que os horarios da miña profesión obríganme a ir a contracorrente da xente, pero para min o día no que máis disfruto da cidade é o domingo. O andar polas rúas faise relaxante e o paseo pola muralla,inevitable. Xa polo adarve decátome de que somos uns privilexiados por ter este monumento aberto día e noite a unha reflexiva andaina na que segundo se avanza podemos ver a maioría dos edificios emblemáticos da cidade que están agora no candeleiro: o Vicerrectorado, o cuartel de San Fernando, o vello cárcere… Pero quedo durante un anaco paralizado diante dun que sempre me chamou a atención, o Pazo de Sangro, en plena Tinería. Está en fase de restauración, ao igual que un entorno que nos seus tempos foi coñecido en todo o norte de España por ter algunhas das máis afamadas casas de citas; de putas, vamos, con ata máis de trinta locais, concentrados en catro rúas. Cando era cativo e paseaba cos amigos pola muralla, paraba diante dese pazo a mirar cara o barrio e os fellinianos persoeiros que por alí andaban. Agora só quedan dous deses locais e xa teñen data límite de peche. Comendo recentemente cuns veteranos amigos falaban ata con nostalxia daquel ambiente decadente e mentaban a Dona Vicenta, unha emblemática madama como merecedora de levar o nome dunha das rúas da rehabilitada Tinería. A proposta non é formal, como tampouco o eran os que ían desfogarse ao burdel da citada meretriz, pero o rueiro non ten por que ser patrimonio dos bos e xenerosos, tamén debe ser testemuña da historia, e tras de cada pedra da Tinería seguro que hai un cento delas.

P.C.(Por certo): Di a tradición que o nome da Piringalla ven dunha cantina que había á saída de Lugo na que paraban dilixencias e xinetes, e onde os cabalos, tentando cubrir as eguas, levantaban os seus piringallos. Aquí semella logo que o rueiro tivo en conta a historia.

Un comentario a “A Praza de Dona Vicenta”

  1. Froilán Miño

    Pois sí, xa era hora de que alguén reivindicase o nome de aquela madame. A atinada idea de dar a aquela praciña o nome de Dña. Vicenta e coherente cos bos oficios da restauración que se está a facer. Non será por falta de xenerosidade, máis de ún recorda o
    “Ya pagarás”. Mesmo de relixiosidade. Non era raro ver na súa cociña, cando lle correspondía, unha daquelas capeliñas que se veneraban con periodicidade e alternancia en moitos fogares. Polo tanto, “Nihil Obstat”. Dña. Vicenta, exemplo de profesionalidade, ten que permanecer
    inmorrente naquela noble zona. Xa que logo, nunca mellor dito o de “Sursum Corda”.Parabéns pola idea