Referéndum

A  pregunta era: ¿está de acordo con que Catalunya se converta nun estado de dereito independente, democrático e social integrado na UE? Moitos catalanistas soñan con facérllela non só os seus paisanos, senón mesmo aos españois e aos europeos, pero de momento só viron colmada a aspiración de ter un referendo de autodeterminación no pequeno concello barcelonés de Arenys de Munt.

A polémica iniciativa, sen valor legal, encheu de colorido o que debía ser un plácido domingo na vila catalá, ata a que mesmo se desprazaron case un cento de falanxistas para amosar o seu compromiso coa indisolubilidade de España. A cita podería ter centrado noutras circunstancias o debate político e mesmo provocalo no Congreso ou demandas ante a Xustiza para pedir que se impidan este tipo de consultas. Pero o certo é que ata Arenys só se achegaron os nostálxicos dun e doutro bando, posto que os actores principais da contenda están ocupados noutra feira, a que nos amosa que nin a Catalunya soberanista se está a librar da crise. Porque Catalunya, en caso de ser un estado independente integrado na UE, tería o privilexio de lucir bandeira e embaixadas polo mundo, ou de dedicar os seus impostos a cubrir as necesidades dos seus cidadáns sen ten que solidarizarse con ninguén. Pero o que está claro é que ía sufrir tan de cheo a crise como a está a padecer agora, pois as súas empresas e sectores produtivos dependen en gran medida de como lle vaia a España.

A falta de coñecer o resultado, que de seguro non será moi extrapolable, outros concellos do entorno preparan consultas similares e se cadra a extrema dereita tamén as súas concentracións de protesta. Mentras, moitos cataláns practicarán o equilibrismo para chegar a fin de mes. Aínda así, é certo que en algo hai que ocupar o domingo.


Tags: , ,

Comments are closed.