Afogados en leite
O sector lácteo galego leva décadas en crise. Antes de termos un sector como tal xa estaba en crise e agora que mesmo se doen da recesión ata os cepillos das igrexas os gandeiros volven tomar as rúas, encadéanse diante das empresas e ameazan con sacar os tractores ás estradas como xa fixeran hai dúas décadas.
Seica Europa, ese ente que vixía ata o sabor de todo o que comemos, é o culpable dos males do agro galego, aínda que grazas a ter copiado en Galicia o modelo dos franceses moitos labregos atoparon como facer rendible un xeito de vida que en séculos non sacou da pobreza aos seus devanceiros. Agora son eses mesmos gandeiros galos os que semellan estar afogando xa non só ás explotacións galegas, senón tamén ás empresas. Os sindicatos agrarios din que están a facer ‘dumping’, é dicir, vender por baixo do prezo de mercado, unha práctica que vén sendo usada desde que o capitalismo é ciencia económica para eliminar ao competidor e facerse coa súa cota de mercado, para logo subir os prezos e compensar o perdido. Nesta tarefa contan coa axuda das grandes superficies, a maioría tamén de capital francés, que usan o leite envasado en marcas brancas como reclamo para atraer clientes.
O caso é que desde esta semana unha empresa con fábrica en Lugo, Leche Pascual, deixou de recollérllelo leite a varios centos de gandeiros e os sindicatos din que o próximo vai ser o peche da factoría. Esta marca, que basea a súa estratexia comercial na calidade, está sendo unha das máis afectadas polo auxe desas marcas brancas, que xa representan máis da metade da leite envasada en España. Este dato vén nun estudo que se acaba de publicar e que desmonta en parte a teoría de que a importación masiva de leite francesa é a principal causa da crise do sector en Galicia. Fálase de que o consumo baixou en España a pesar de aumentar a poboación, de que a atomización das explotacións é aínda excesiva e provoca custes engadidos na loxística de recollida ou que o valor da materia prima representa o 40% do prezo final, o que deixa unha marxe de beneficio moi pequena para a rede de distribución.
As solucións, coma sempre, falan de reestruturacións que implican o peche de granxas ou a concentración en grandes explotacións, así como o apoio a aquelas empresas que apostan por darlle un valor engadido ao que se esperaba ía ser o ouro branco de Galicia, como por exemplo as queixerías. Hoxe celébrase en Vilalba a feira do queixo de San Simón da Costa, un produto singular que con algo de pulo podería gañar fama en Europa e dar unha alternativa a todo ese leite que agora podrece nos tanques. Iso ou volver a lamentarnos da mala sorte que ten Galicia.