Transición axitada
Logo de dúas semanas de psicoanálise entre os partidos que forman parte do defunto bipartito comezaron as primeiras reaccións ante a presa do futuro presidente da Xunta por coller canto antes o bastón de mando. Un dos primeiros en darlle un toque a Alberto Núñez Feijoo foi o deputado electo por Lugo Ismael Rego, moi ligado a Emilio Pérez Touriño e se cadra un dos damnificados no PSdeG pola caída do patrón. O mariñán recordoulle ao popular que aínda non era presidente e nin sequera parlamentario. Porén, a advertencia soa a berro de lamento, pois cedo ou tarde o equipo de Feijoo vai asumir o mando mal que lle pese aos que o tiveron nos últimos anos.
De todos os xeitos tivo que ser no primeiro Consello da Xunta trala noite electoral cando Touriño deu de novo a cara para responder a todas a alusións feitas polo seu rival nas urnas durante as innumerables entrevistas concedidas nestas dúas semanas. Cualificou de “intolerable” as presións do presidente do PPdeG para acelerar o traspaso de poderes ao tempo que denunciou que se estivo a crear unha imaxe falsa sobre a actuación do seu goberno no tocante por exemplo aos gastos en coches oficiais ou despachos. Neste asunto contraatacou aludindo á dotación orzamentaria para vehículos deste tipo feita polos gobernos de Fraga. Tarde piache, di o refraneiro galego, pois o que semella claro é que o discurso do PP durante a campaña sobre o suposto despilfarro da Xunta callou no electorado e agora que o bipartito está en retirada semella que o máis acertado é pasar páxina e esperar a ver se o novo goberno cumpre as súas promesas.
E iso precisamente é o que xa están a pedir algúns alcaldes como o lucense José López Orozco, quen nunha das súas últimas comparecencias dixo que lle recordará a Feijoo a súa intención de financiar desde a Xunta a chegada do AVE a Lugo. Malia que o Ministerio de Fomento se comprometera xa a traer un tren rápido ata a capital luguesa, a incredulidade dos populares coas promesas de Magdalena Álvarez levounos a incluír no seu programa electoral o financiamento desta infraestrutura e por iso o rexedor tómalles agora a palabra e de seguro que insistirá neste asunto durante os vindeiros anos. Tamén dixo que espera que non se paralicen proxectos como o novo auditorio de Lugo, aínda que vendo a sorte que está a ter a cidade con este asunto, que a ninguén lle estrañe se a futura Xunta decide cambiar o proxecto ou mesmo a ubicación. Outras dotacións como o novo hospital ou o parque empresarial das Gándaras semella que non se verán afectadas polo cambio de goberno, aínda que o museo da romanización en San Fernando podería quedar no aire. Eso si, Feijoo dixo que non se vai esquecer de Lugo. Esperemos que cumpra.