Erros
Os policías que tentaron deter ó presunto asasino de Ponte Caldelas descríbeno como unha besta desbocada. Mirando as imaxes de Maximino Couto a comparación cun xabarín mesmo semella un piropo, aínda que o certo é que dalgún xeito este personaxe chegou a engaiolar a unha muller, coa que tivo catro fillos e á que estivo maltratando durante anos, e mesmo logo de ser condeado por estes feitos foi quen de atopar outra noiva á que finalmente acabou matando.
Esa falsa apariencia seguro que foi a que acabou convencendo ás autoridades penitenciarias da necesidade de darlle permisos para favorecer a súa reinserción, aínda que un diagnóstico errado sobre a situación do preso foi o primeiro detonante dun suceso que puido acabar en matanza. No segundo erro tamén tivo algo que ver a Administración, xa que a alarma GPS que levaba o homicida para ser detectado en caso de achegarse á casa da súa ex muller activouse, aínda que non foi detectada polos funcionarios do servizo.
E malia que os políticos lle quixeran quitar importancia dicindo que a morte da noiva non se tería evitado, as responsabilidades deberían ser asumidas por alguén. O terceiro erro é da sociedade, que malia as leis e as denuncias non é capaz de acabar coa lacra da violencia machista. E se cadra ese fallo, por colectivo, é o máis grave.