O amigo americano
O alcalde de Lugo, José López Orozco, recibiu no seu despacho ao embaixador de Estados Unidos en España, Eduardo Aguirre, que está a percorrer as cidades galegas con motivo da apertura dunha oficina consular na Coruña. A protocolaria visita do dirixente americano foi recollida polos medios de comunicación con retranca ‘berlanguiana’, posto que non é habitual que cidades de provincia reciban autoridades da primeira potencia mundial, aínda que nesta ocasión non houbo tal mobilización como a caricaturizada en ‘Bienvenido Mr. Marshall’.
Pero o caso é que se nos poñemos a analizar a historia económica da provincia podemos decatarnos de que o amigo americano ten ou tivo moito que dicir nela. Á marxe de que o capital estadounidense está hoxe en moitos dos productos de consumo habitual, empresas radicadas en Lugo como a cárnica Frigsa, que chegou a ter uns cincocentos traballadores e ser o motor económico da cidade, viu como a mediados dos oitenta pasaba a mans dunha empresa, Saprogal, participada pola multinacional americana Conagra. A xestión naquel caso só supuxo unha progresiva redución da plantilla e logo de novos cambios de dirección tivo que ser unha empresa de capital galego a que conseguira reflotala.
Pero sen dúbida o gran padriño estadounidense que ten agora a provincia é a multinacional Alcoa, propietaria da factoría de aluminio de San Cibrao e que xenera nada menos que a terceira parte do PIB de Lugo. Cunha plantilla de preto de 1.300 empregados, sen contar as empresas auxiliares, esta compañía é o auténtico motor económico da Mariña e do seu futuro e tamén das decisións que se toman ao outro lado do Atlántico depende tamén a provincia.
Así mesmo, entre as últimas incursións do capital estadounidense en Lugo atopámonos coa compra por parte dunha multinacional de investimento en fondos inmobiliarios do centro comercial As Termas por uns cen millóns de euros.
Nesta visita do embaixador de EE.UU. Orozco pediulle que trasladase ás empresas americanas as oportunidades con que conta Lugo. Entre elas citou esa man de obra que aínda hoxe se ve obrigada a emigrar por falta de traballo e tamén os novos espazos industriais, como vai ser o futuro polígono empresarial das Gándaras. Non sabemos da influencia que pode chegar a ter Mr. Aguirre, que por certo podería deixar o cargo se accede Obama á Casa Branca, pero por intentalo que non quede. O que si se presume máis complicado é a outra petición que lle fixo, a de facer de mediador con George Bush para que permita que España estea representada na vindeira reunión do G-8. Pois vai ser que aí o americano xa non é tan amigo.
Tags: Alcoa, EE.UU., embaixador, Frigsa, Orozco
29 de Outubro , 2008 - 0:49 am
- Boteí un fatado de anos traballando no centro da cidade cara o público- só lembro atender a un matrimonio de Carolina do Norte, por certo,non seí eles que impresión lles causeí, eles a mín a verdade deixaronme abraiado, polo moito interés que atoparon na nosa cidade, recordo levalos a Fortaleza de San Paio de Narla, Penas das Rodas eo Museo de Vitor Corral, cando voltamos apañamos nun tris a o lado da Igrexa de San Alberte, medio sacado de castañas , en Baamonde que dous dias despoís asamos.
29 de Outubro , 2008 - 19:47 pm
2Miami Beach
En relacion a su comentario sobre la reciente visita a mi querida ciudad, del Sr. Embajador de USA, en la oportunidad de inaugurar una oficina Consula en A Coruna, desearia aclararle que esa oficna consular lleva muchos anos abierta en esa ciudad.
Un cordial saludo.
Jose Guerrero