Manuel de crise

Seguro que algún editor xa o encargou, pero por se acaso lanzo ideas para elaborar un manual para comunicadores sobre como sacar proveito informativo das crises. Porque día si e ao outro tamén atopamos nos medios noticias sobre como lles está afectando o parón económico a todo tipo de sectores e profesións, coma se o cidadán non tivese bastante claro que agora o que toca é que todo ‘quisque’ ten que apertarse o cinto. Que se a tenda de moda non vende, pero a modista fai agora máis arranxos; que se se compra menos carne e máis pasta; que se medra o mercado do coche usado mentres baixa o do novo; que se o ‘camareta’ saca menos en propinas e ao ‘autobuseiro’ cóanselle máis… Si, vale que estamos en crise e encima case cen mil persoas quedáronse sen emprego o mes pasado, pero tampouco hai por que afondar na ferida das maltreitas economías domésticas. Estamos nese ciclo que manda pensárseo dúas veces antes de tirar da tarxeta de crédito e iso sábeo xa ata o Tato, aínda que algúns medios de comunicación parece que disfrutan alarmando ao público cos rigores da crise mentres se mesturan anuncios publicitarios de coches de luxo e obxectos prescindibles. Claro que eses poida que o manual que necesitan é un de autoxuda.

Tags: ,

Comments are closed.