Culebrón de verán
Remata agosto coa sensación de ter enterrado outro culebrón informativo de verán, deses que se alimentan dende os medios de comunicación para tentar cubrir o oco que deixa a inactividade estival.
Finalmente, Emilio Pérez Touriño anunciou logo de semanas de especulacións e declaracións dende os diferentes partidos que ten intención de esgotar a lexislatura e se acaso convocar as eleccións autonómicas só uns meses antes de xuño para non coincidir cos comicios europeos.
Razóns para adiantar ou esgotar ten e o que fixo o presidente da Xunta foi poñelas todas nunha balanza e decidirse. Se cadra na decisión pesou o terse perdido o efecto sorpresa e atoparse fronte a un Partido Popular e un Bloque Nacionalista Galego armados xa de argumentos para descubrir que os socialistas de verdade están moi preocupados pola crise económica.
Agora o que se abre a partir de mañá é un curso político marcado por unha longuísima precampaña que vai durar cinco meses. A visita do presidente Zapatero a Galicia xa foi un adianto da estratexia na que se baseará o PSOE para tentar manter o Goberno: pulo ao proxecto do AVE en Galicia para que se visualice tanto no BOE como no terreo que a data de chegada do tren rápido pode ser 2012. Xa a nivel interno, estes meses daranlle tempo ao bipartito para sacar adiante varios proxectos de lei, inaugurar algunha que outra obra e adxudicar o millonario concurso eólico, do sacarán partido as empresas e tamén os propietarios de montes.
Todo un panorama que semella ideal para un Goberno de cara a afrontar unha reválida electoral senón fora porque o país está a vivir como o resto de España unha situación de crise económica que os expertos din que pode ir a máis. É de supoñer que entre os cálculos que fan Touriño e os seus asesores está que a merma de votos que pode supoñer esta situación pode estar xa descontada, mentres que as familias, principais perxudicadas pola subida de prezos e das hipotecas, xa se amarraron o cinto e están preparadas para afrontar o difícil inverno. Ademais, a maioría dos galegos xa saben o que é pasar por atrancos económicos, e de feito a época de vacas gordas apenas se notou por estas latitudes.
Superada logo a situación de interinidade do Goberno galego vivida en agosto, queda por diante un final de lexislatura que se presume que terá ritmo de ‘Champions’ para os tres grandes partidos galegos. A final será previsiblemente en marzo, se o presidente quere, claro.