O carto público

Cóntanme que un alcalde dun pequeno concello lucense quería mercar un coche oficial e que só a falta de maioría para aprobar os orzamentos lle impediu desfrutar do antollo. O rexedor tivo a mala sorte de atorparse nunha coxuntura de desaceleración económica e se cadra tamén cuns compañeiros de corporación coa cabeza mellor amoblada. Pero o caso é só unha anécdota que reflicte ata qué punto se dispón con lixeireza dos cartos que non son dun.
Nos concellos, pola súa endémica falta de liquidez, son onde máis se notan as chapuzas e por iso non é de estranar que ata doce gobernos locais rexeitasen presentar o ano pasado os seus orzamentos diante do Consello de Contas de Galicia. Na pomada están ademais concellos de todas as cores, por iso non se escoitou a ningún partido criticar este feito logo de que o conselleiro maior de Contas entregase esta semana no Parlamento o informe sobre o ano 2005.
O que si foi subliñado, neste caso dende a presidencia da Xunta, foi o capítulo sobre o último ano do Goberno Fraga. Touriño dixo que o informe era unha “moción de censura” ó gabinete anterior, polas anomalías detectadas na concesión de licencias de explotación hidráulicas e na adxudicación de transporte escolar.
Pecata minuta ou pataca menuda, como diría un alcaldiño de pro. Se o único que se lle bota en cara a don Manuel é que algún director xeral espabilado lle facía favores a un cuñado ou se o conselleiro de turno se pasaba polo forro o regulamento de contratación pública pois saiban que iso ten arranxo e un Consello da Xunta de novo cuño pode revocar decisións anteriores. Eso si, o que non se pode facer é recuperar o diñeiro malgastado, primeiro porque o gasto está feito e, segundo, porque o orzamento seguinte xa está aprobado e un superávit obrigaría a mudalo. Así que, como o diñeiro é de todos e non lle doe a ninguén, pois tirón de orellas a quen o fixo mal e que pase o seguinte.
Outra cousa distinta sería cambiar a lei para que os políticos tiveran algún tipo de responsabilidade patrimonial cando se dese un caso flagrante de despilfarro ou desastrosa xestión económica. Daquela seguro que a profesión de político sería máis arriscada e aqueles que se decidiran a traballar en beneficio da cidadanía terían que facelo coa advertencia de que a súa xestión sería tan fiscalizada como a de calquera outro executivo da empresa privada. Acabaríamos logo coa chulería dos alcaldes que se negan a pasar polo anel dos consellos de contas e se cadra ata se podería habilitar a posibilidade de premiar ao rexedor dun concello modesto pero saneado cun coche oficial último modelo. O carto público da para moito.

Un comentario a “O carto público”

  1. search engine optimization tools and tips

    Helpful posting, appreciate it sir/ma’am. Saved.