Archivo de Xuño, 2015

Tuitadas

Mércores, 17 de Xuño, 2015
Abrín hai catro anos conta en Twitter, case ao mesmo tempo no que o dimisionario concelleiro de cultura madrileño enviaba ao infinito os seus desafortunados contos de humor negro. Desde entón, a miña actividade foi bastante discreta, ata o punto de que se alguén quixera rebuscar na procura de algo políticamente incorrecto ou denunciable non pasaría máis de dez minutos. Eso si, perdidos, porque os que levamos máis de media vida expoñendo públicamente opinións sabemos que aquilo que se pon negro sobre branco é indeleble e, polo tanto, coidámonos de non meter a pata con comentarios de cantina.
Entendo en todo caso que a polémica sobre a falta de sentidiño co uso dos 140 caracteres do tal Guillermo Zapata só forma parte do ruído que vai presidir o mandato daqueles gobernos xurdidos das plataformas cidadáns, porque o seu foi un asalto ao poder establecido co que non contaban os promotores de ‘tamayazos’ e ‘gürteles’ e que teñen que combatir como sexa antes de que a insurxencia chegue ata os altos poderes do Estado.
A dimisión do tal Zapata, que se cadra tamén tería que deixar a acta de concelleiro porque tampouco lle vexo méritos para mantela, vai quedar en anécdota en canto saia á luz o seguinte descubrimento sobre erros pasados dos munícipes indignados. Así que haberá que estar atento ao Twitter, onde os pecadores son os que mellor atinan coas pedras.

Pensando un novo conto