Empresarios
Xoves, 30 de Abril, 2015Non creo que a maioría de donos de empresas en España pense como os dous últimos presidentes do Círculo de Empresarios, porque senón poderíamos empezar a facer a maleta en busca dun futuro nun país onde o respecto do patrón ao traballador sexa recíproco
Mónica Oriol, a anterior líder dese lobby que aglutina a empresarios e executivos da gran e mediana empresa, foi quen de facerse notar ao dicir en público o que pensaba: que non contrataría a mulleres de entre 25 e 45 anos para evitar embarazos que, segundo di, serían un «problema». Tamén apostaba por rebaixar o subsidio de desemprego, ese seguro ao que mensualmente fan aportacións todos os traballadores ao longo da súa vida laboral, porque consideraba que ninguén ía aceptar un emprego se tiña dous anos de prestacións por diante.
Logo de varias destas perlas, esta executiva que curiosamente ten seis fillos, cedeulle o posto a Javier Vega, que acaba de estrearse con outra ocurrencia, logo de asegurar que os parados, «esos pobrecillos que están en la calle», di, o que queren é flexibilidade.
Témome que non será a única marca da casa que amosarán tanto el como outros representantes da elite executiva deste país, como foron Rato, Díaz Ferrán ou Blesa, e que pouco teñen que ver coa verdadeira clase empresarial, a que respecta e loita cos seus traballadores por sacar adiante cada día un proxecto común.