Bilingües
Venres, 19 de Decembro, 2014Galicia Bilingüe debe estar de noraboa, como diría o director de Canal 24 Horas, porque segundo unha enquisa do Instituto Galego de Estatística, o 75% do rapaces de menos de 15 anos usa sempre o castelán, ese idioma que os dirixentes desa asociación consideraban ameazado en Galicia pola «imposición» do galego no ensino.
As proxeccións que fan algúns expertos din que dentro de 30 anos só falará o galego de xeito habitual un de cada catro habitantes da comunidade, malia que pode que esta conxetura sexa tan alarmista como as advertencias feitas no seu día pola presidenta do mentado colectivo para meterlle presión á Xunta. Porque ocorre que coa entrada na madurez, un vaille collendo cariño ao propio e un idioma que lles serviu para expresarse aos nosos devanceiros acaba sendo tan valorado como esa finquiña herdada dos avós, que malia que non lle saquemos proveito, nunca nos desafaremos dela.
Agora que a preocupación da maioría dos cidadáns pasa por saír adiante no medio desta crise e a cuestión do idioma é considerada como algo menor, o único que nos queda aos bilingües é tentar facer cada día algo a prol do galego, usándoo para aquelo tan habitual como pedir un café, preguntar cantó é no súper ou mandar unha mensaxe por whatsapp, uns xestos tan pequenos como os que facemos cada vez que reciclamos o lixo, pero que deben axudar a rachas estatísticas e acalar mentireiros.