Artigo 135
Xoves, 27 de Novembro, 2014Aquel pacto entre Zapatero e Rajoy de agosto de 2011, con media España de vacacións, para reformar o artigo 135 da Constitución e adaptalo ás esixencias do BCE e á canciller Merkel acabou por dinamitar os apelidos de socialista e obreiro que o PSOE de Zapatero tentara recuperar logo de que Felipe González os tirase directamente ao lixo dúas décadas antes.
Foi toda unha demostración de inoperancia política diante dun momento crítico no que se necesitaban dirixentes con carácter. Zapatero arrastrou canda el a todo o seu partido e entregoulle o poder a un PP que xa tiña claro dende facía tempo que o plan de acción era o trazado polos mesmos que mandaran facer pulir a nosa Carta Magna, malia que o tivo agochado ata que gañou as eleccións.
Tres anos despois daquela desfeita, o novo líder do PSOE, Pedro Sánchez, que tamén amosara daquela ter boas tragadeiras, admite agora como un «error» aquel voto e por iso anuncia un acto de contrición hoxe no Congreso dando o seu apoio a unha iniciativa de Izquierda Plural para volver o artigo 135 ao seu sitio.
Que os socialistas comecen a admitir erros, malia que tiveran que pasar tres anos, demostra que sinten moi preto o alento de movementos como Podemos, xurdidos precisamente para denunciar a mansedume da clase política dirixente cos que nos dictan, como dicía Santa Teresa, cando toca perdiz e cando oración.