Archivo de Outubro, 2014

Doado

Venres, 31 de Outubro, 2014

Xa o dicía Jordi Évole durante a promoción dunha entrevista que lle fixo ao líder de Podemos. Preguntábanlle ao intrépido reporteiro que estratexia terían que seguir os dirixentes desta emerxente formación para gañar as vindeiras eleccións xerais. «Puesnada, esperar, porque los otros ya lo están haciendo todo», respostou.

Seguro que Podemos e todas esas siglas que están xerminando a conta do proceso de putrefacción que viven PP e PSOE, por culpa desa restra de chourizos que foron acubillando, poderían sentarse á porta da casa a ver pasar o cadáver do inimigo, aínda que coñecendo a capacidade de reacción dos partidos da «casta» seguro que ningún quedará quieto. De feito, as alarmas están soando a todo meter nesa sede de Génova arranxada coa caixa b, xa que Mariano Rajoy volveu pedir perdón no Senado logo de telo feito hai un ano polo caso Bárcenas. No PSOE tampouco poden falar moi alto, porque teñen moito lixo aínda que barrer, ao igual que en CiU, polo que a sangría de votos que poden sufrir todos a conta da corrupción consentida aínda non se sabe as cotas que alcanzará.

De aquí nun ano, cando toca convocar eleccións, poden pasar moitas cousas, mesmo ata mellorar una situación económica que se di que en décadas non voltará ser a de hai uns anos. Agora ben, os rivais de Rajoy teñen claro que, como lle pasou a él con Zapatero, só poden esperar que llelo poñan cada vez máis doado.

Rajoy pediu perdón de novo

A crise

Mércores, 22 de Outubro, 2014

No país das contradicións que é España, onde malia ser deporte nacional o chupeteo vai á quebra unha fábrica de piruletas, unha muller á que algúns atrevidos deron por morta logrou superar unha enfermidade tan descoñecida como o ébola grazas á sanidade pública que o Goberno quere privatizar.

Malia que aínda tardarán días en darlle a alta a Teresa Romero, seguro que tardará menos tempo en apuntarse o tanto da curación esa ministra de Sanidade que durante unhas semanas axudou a desatar o pánico entre a poboación, coa axuda do xornalismo máis tendencioso.

Non é esta a primeira nin será a última das crises sanitarias que vai vivir un país que sae flote porque semella inmergullable, pero en canto se consiga superar esta —e coido que así será porque xa está o ianqui niso—, o primeiro que habería que prantexarse é a existencia dun ministerio que, logo do traspaso de competencias sanitarias ás autonomías, non é capaz de asumir a única tarefa intrasferible, a coordinación en situacións de emerxencia.

Ana Mato acusou hai uns días á oposición de facer política na fase crítica do contaxio de ébola de Teresa Romero. Agora que sabemos que a enfermidade pode ser tan mortífera é ao mesmo tempo tan superable como unha gripe, sería logo o momento de facer política coa xestión dun problema levado sen xeito desde o principio e pedirlle á ministra que, por favor, marche para a casa.

Teresa Romero, coa primeira vítima do caos sanitario

Dialoguem

Mércores, 1 de Outubro, 2014
Logo de estar mirando todo o día as cifras de investimentos dos Orzamentos Xerais do Estado en 2015 un pregúntase canto habería que destinarlle a Catalunya para que os seus dirixentes renunciasen as súas aspiracións secesionistas, porque se só se tratase de cartos estou seguro de que non habería problema para o acordo. Pero ocorre que neste país hay pouca vontade de falar cando se trata de poñer en cuestión esa unidade nacional apuntalada mesmo coa sangue de inocentes e só hai que ver como os poderes do Estado son capaces de unirse todos a unha en tempo récord para deter aos que se atreven a pedir un referéndum co que coñecer que porcentaxe de poboación aposta por seguir por outro camiño ao de España.
Non creo que, como piden os máis patriotas, haxa que mandar os tanques á Diagonal, como pode que acabe facendo o Goberno chinés cos manifestantes de Hong Kong. Seica os cataláns, un pobo listo e experimentado, van ser o suficientemente prudentes para esperar a que os argumentos dos que non lles permiten exercer o dereito a votar caian polo seu propio peso fronte as presións deses países do entorno que aínda nos cren demócratas.

Dame que o proceso de secesión, canto máis lento se queira facer, máis adeptos pode captar tanto dentro como fóra de Catalunya, e todo iso non só polos cartos, que coido que tamén, senón porque só é posible a convivencia con diálogo, nunca con imposición.

Protesta de cidadáns que só queren votar