Archivo de Maio, 2014

Poderán?

Mércores, 28 de Maio, 2014

Esta columna debería ir dedicada á opción política con maior seguemento nas últimas eleccións, e non falo do partido de Rajoy, senón da silenciosa maioría que decidiu non achegarse ao seu colexio por preguiza, desinterese, fartura ou, simplemente, porque non lle cadrou. Pero como seguramente os que non foron votar tampouco se pararían a ler opinións sobre política, cáseque mellor falar da opción que irromeiu no panorama cunha forza que só se pode atribuir ao intento dos seus promotores de non atarse a ningún lobby de poder e que aproveitou o marasmo das redes sociales para explicar dun xeito sinxelo e claro que se está a facer mal e como se pode cambiar ese vergoñento dato do Ine de que o 27% da poboación española está en risco de pobreza.

Podemos e a súa imaxe visible Pablo Iglesias están a administrar nestes primeiros días o seu éxito electoral con entrevistas nos medios de comunicación, malia que poden estar seguros os seus descoñecidos integrantes de que á volta da esquina se van a atopar cun zafarrancho de combate desas castes políticas, como eles as definen, que non van permitir que a súa sonora irrupción en escea se traduza nun crecemento capaz de convertilos en alternativa de goberno. Hai moitos intereses en xogo, bancarios, empresariais, mediáticos… e por moito ruído que fagan vai ser difícil un cambio nas políticas económicas e sociais que marcan o FMI, Wall Street, Merkel… ¿Ou non?

Os micrófonos xa non só apuntan aos de sempre

Conspiracións

Mércores, 7 de Maio, 2014

O que máis me fai dubidar das teorías conspirativas é que só se centran en acontecementos relevantes e non nas pequenas cousas que nos ocorren a diario como, por exemplo, que se nos morra o móbil, perdamos o último bus ou nos poñan unha multa de tráfico. Porque se cadra tamén detrás desas vicisitudes podería ter estado un lobby de fabricantes de teléfonos, que decide que xa é hora de que merquemos a última versión de smartphone; a asociación de taxistas, para que demandemos un servizo, ou os directivos da DXT, que tentan cadrar as contas do último mes.

Seica estas minucias non dan para tanta literatura como a que se ten escrito sobre supostas conspiracións como que a Nasa agocha desde hai décadas restos de extraterrestres, que Elvis aínda vive e mesmo fai voces no novo disco de Michael Jackson ou que o primo de Rajoy sabe que iso do quencemento global é unha farolada. Sen embargo, se hoxe en día hai posibilidades de que nos controlen vía internet, GPS ou por videovixianza, a ver por que logo non ía ser verdade que houbese un comité de malos malóns con capacidade para poñernos pedras no camiño cando lles pete.

Nai que os botou! Acábaseme de queimar a comida mentres escribía. Seguro que o gremio de hostaleiros local está detrás, porque vou ter que ir de menú do día. Bueno, igual estoume pasando, non vaia ser que algún pense que estou a soldo do clube Bilderberg.