Archivo de Abril, 2014

Charlatáns

Domingo, 27 de Abril, 2014

Será por culpa desta profesión que un cheira aos charlatáns desde lonxe, aínda que non é ata que toca tratar de preto con un cando chega ese momento de concederlle tal título.

Estes días soubemos da detención en Sevilla baixo a acusación de falsificar obras de arte dunha desas personaxes que acostumamos a catalogar nas redaccións mesmo antes de coñecelas, só por unha curta conversa telefónica, e que co paso do tempo non fan máis que corroborar a precipitada aposta. O marchante lucense Carlos Bergantiños levaba anos gabándose cada vez que se achegaba por Lugo do seu sono americano cumprido, unha historia que mesmo daría para o guión dunha produción de Hollywood se fose tan certa como a súas gañas de acadar titulares. Porque non me digan que non hai miga no relato que el mesmo facía dun rapaz de Parga, que emigra como espalda mollada de México a EE.UU. e que logo de durmir na rúa en Nova Iorque acaba dirixindo unha galería de prestixio, coñecendo a Andy Warhol e facendo que a súa filla violinista toque na Casa Blanca e no Vaticano.

Pero como queira que o refrán de que cae antes o mentiroso co coxo cúmprese case sempre menos cos políticos, o castelo de cartas de Bergantiños caeulle enriba como antes pasara con outros campións que lucían cochazos e rolex mentres algúns facíamos porras sobre o tempo que pasaría ata verlle asomar as vergoñas.

Supervivencia

Xoves, 10 de Abril, 2014

Os galegos asisten co mesmo interese ca un madrugador mira o documental de La 2 ao debate soberanista que está a liderar Cataluña mentres o País Vasco agarda na apoucada retagarda. E non é porque o presidente do Estado sexa paisano e antes fora vicepresidente galego, naqueles tempos nos que os nacionalistas lle cantaban: «soy Mariano Rajoy y voy a Raxoi a una junta de la  Xunta». Non creo, porque o único aceno que lle ten feito a esta comunidade nos dous anos que leva á fronte do Goberno central é non ter paralizado as obras do Ave, unha decisión que non lle houbera costado nin un sono a calquera outro dirixente popular.

A desidia ven porque a prioridade en Galicia é outra, como tentar salvar a casa cando está a arder a palleira. A diferenza entre os galegos e cataláns diante da tesitura de quedarnos sós ou seguir enchufados a España é que nós ficamos no esquinazo de Europa e eles bastante máis preto da pomada económica que está a tomar decisións. E se cadra por iso ata o vello profesor Beiras prefire volver a aliarse cun partido estatal de cara ás europeas e renunciar a esa nova Galeuska, porque se hai un ente que se está a apoderar das soberanías é a Troika comunitaria e compre facerlle fronte antes ao seu poder ca un Goberno chusco e con cheiro a alcanfor, que o único que fai e bailarlle ao compás á Merkel.

Os galegos, a diferenza dos cataláns, non teñen agora un problema de identidade, senón de supervivencia.

Cataláns seguindo o debate soberanista

Esquecer

Mércores, 2 de Abril, 2014

Semella que ao cardenal de Madrid no lle parece que estea tan cautivo e desarmado o exército vermello como se cría, porque acaba de advertir durante o funeral de Estado por Adolfo Suárez que atopa actitudes que poden causar outra Guerra Civil.

Onte cumpríanse 75 anos do remate daquela contenda, iniciada un mes antes do nacemento de Rouco Varela e da que saberá de oídas, porque aínda que coma a gran maioría dos españois sufríu os rigores da posguerra, o ter medrado tralos muros dos seminarios proporcionoulle sempre un escano a carón dos que detentaban o poder. E se cadra porque a igrexa católica apenas perdeu privilexios por parte do Estado durante a Transición e mesmo incluso durante os mandatos de presidentes socialistas, o cardenal vilalbés ve no actual contexto de fractura de España un perigo para todos eses acordos entre a Santa Sede e o Goberno español que lle reportan vantaxes como participar nos ingresos por IRPF ou non ter que pagar impostos polos bens inmobles.

E aínda que Suárez, que curiosamente padeceu a terrible enfermidade da desmemoria, foi quen de facerlles desacordar aos españois o rencor acumulado durante décadas, non estaría de máis recordarlle a Rouco Varela que se durante a II República houbo uns sitios onde algúns amosaban actitudes que axitaban o enfrontamente entre irmáns, eses foron os púlpitos. E iso a historia perdóao, pero non o esquence.

O que vostede diga monseñor