Archivo de Xaneiro, 2014

‘Benpagaos’

Mércores, 22 de Xaneiro, 2014

Xornada de intenso traballo na Eurocámara

Levamos ano e pico sen nada que meter na urna e nuns meses os españois, igual co resto de europeos, seremos convocados a elixir a 751 privilexiados, 54 deles compatriotas, dos que nada volveremos saber unha vez finalice o reconto de votos, pero que se embolsarán durante cada un dos cinco anos de lexislatura un soldo medio de 84.000 euros, unha obscenidad máis da política.

Nos próximos meses oiremos a algúns partidos falar da necesidade de repensar a Unión Europea para que sexa máis social, a outros sobre a importancia de seguir unidos para competir cos mercados emerxentes e, aos máis inxenuos, desa suposta identidade europea que se desmonta cada vez que os países que mandan de verdade toman decisións que os débiles non poden nin cuestionar.

Certo é que España recibiu cantidades inxentes de axudas desde que en 1986 entraramos na Comunidade Europea, tras deixar aos pés dos cabalos a sectores como o pesquero ou o agrario, pero o euroescepticismo non parou de medrar nos últimos anos logo de ver como moitas desas subvencións acababan en mans de grandes constructoras, distribuidoras ou terratenentes, mentres se mantiña o desequilibrio entre uns e outros cidadáns, ata dentro do mesmo país. Se cadra pode que sexa posible outra Europa, aínda que dubido que os ‘benpagaos’ que enviaremos a Estrasburgo no la vaian crear.

Tanto me dá

Mércores, 8 de Xaneiro, 2014

As rebaixas son para todos. Foto: Sebas Senande

Os bares e comercios cheos de xente son para os optimistas un síntoma de recuperación, unha luz ao final dese túnel no que nos fumos metendo como quen baixa sen lanterna ao soto e busca desesperadamente ás apalpadelas o interruptor. Aínda queda moito para que poidamos ter eses Black Fridays anteriores a 2009, pero logo de casi tres semanas de celebrar sen atrición o Nadal e metidos nesa orxía consumista das rebaixas, semella que este país pasou da etapa do medo a do tanto me dá.

A estas alturas de mes a costa de xaneiro aínda non agobia e cando afogue sempre virá un anuncio do Gadis para facer terapia colectiva fronte á desesperación. Alo menos para esa clase media vida a menos que está a impedir un estourido social propio de sociedades que xa non aturan máis indignidade.
Moitos saben que están pegados ao limiar desa porta chamada pobreza e prefiren mirar cara outro lado. Os que a atravesaron saben o difícil que resulta saír, como eses dous mendigos habituais que me atopei onte mentres paseaba por esas rúas ateigadas de xente con bolsas. Un deles pedía unha moeda cun gorriño de Papá Noel na man e outro amosaba un cartel cunha reseña autobiográfica que encabezaba co titular: «Felices Fiestas». A miseria non entende de márketing pensei antes de decatarme de que os dous estaban ao carón de escaparates con cartelóns de descontos do 50%. Algo de recadación tiñan, se cadra brotes verdes.