Archivo de Decembro, 2013

Discursos

Mércores, 11 de Decembro, 2013
Cando unha sociedade se ve incapaz de implementar eses valores que a definen como racional e respectuosa cos dereitos de todos os seus integrantes tende a crear mitos para xustificar a súa impotencia e lavar conciencias. Un deles acaba de falecer, que é o momento no que a historia eleva aos persoeiros a inmortales, malia que no caso de Mandela xa fora convertido en vida en tótem e ata en marca rexistrada.
E aínda que o seu legado traspasa todo ese compendio de frases, xestos e accións coas que se foi construíndo ao heroe, as testemuñas de pésame dos líderes internacionais, máis que recoñecer ao home que adicou a súa vida a acabar coa discriminación racial no seu país, semella que tratan de desculpar a inacción fronte a aquel réxime segregacionista que imperou en Sudáfrica ata fai só vinte anos.
Porque os dirixentes dese mundo libre que onte participaron no funeral oficial se cadra buscan converter a Mandela no Gandhi do século XXI porque esa resistencia pacífica pola que apostou logo de saír do cárcere, vénlles mellor que outros exemplos de rebeldías violentas como as protagonizadas por Che Guevara ou Emiliano Zapata, para que así lles sexa máis doado o control dun sistema que hoxe en día xa non segrega por razas ou credos, senón por díxitos nas contas correntes. Por iso só me quedo coas homenaxes cidadáns a Mandela, os discursos sóanme todos a pamplinas.

‘Cero patatero’

Mércores, 4 de Decembro, 2013

A España non lles saen as contas e se cadra o problema estea enquistado dende a escola. Acaba de amosárnolo o informe Pisa, que mide o nivel dos alumnos de 15 anos de 65 países en ámbitos como o cálculo, a lectura ou as ciencias, porque, segundo a última estatística, os españois están á cola dos escolares da OCDE en Matemáticas.

E como non se nos dan ben os números, non nos debe estrañar que desde o Goberno se informe do ben que evoluciona o emprego no país alegando unha baixada do paro nunhas 2.400 persoas en novembro, cando nese mesmo mes desapareceron uns 66.000 cotizantes á Seguridade Social.

Di o informe Pisa que en España andamos mal de estudantes excelentes e sóbrannos mediocres, unha situación que se repite coa clase política, porque desde que comezou a crise non vimos a ningún Goberno capaz de aportar solucións intelixentes e o único que aplicaron foron as teses dos alumnos avantaxados desa Europa que nos dirixe de facto.

Seica reforma educativa do ministro-cadáWert pretende solucionar os males que afectan ás nosas aulas, aínda que xa o dubido logo de escoitar á ‘número dous’ de Educación, Montserrat Gomendio, dicindo que investir máis diñeiro non vai mellorar os resultados no vindeiro informe Pisa. Mesmo penso que a cúpula ministerial podería acabar levando aquela nota que lle daba o expresidente Aznar ao PSOE: «Cero patatero».