Archivo de Novembro, 2013

Toupas

Mércores, 27 de Novembro, 2013

Pep Guardiola ten desafiados aos xogadores do Bayern Múnich de que cando colla á toupa que lle está a filtrar a un xornal a súa estratexia de cara aos partidos vaille curtar a cabeza. Se chego a estar nese vestiario seguro que o entrenador que din que mexa colonia apuntaría contra min, porque nesas tensas situacións nas que se busca a quen falou de máis, non me digan por que, pero dame por poñerme colorado malia non ter culpa.

E non é que teña vocación de traidor coma o filtrador muniqués, aínda que sí me identifico con esa horda de soplóns que non sabe aguantarse sen soltar un segredo, por moi pueril que sexa. Pero sobre todo entendo ás toupas, porque somos os xornalistas, e por engadidura a sociedade, os que nos beneficiamos desa incontinencia verbal dos que manexan información privilexiada.

Por iso ata sería capaz de promover a ONG Toupas sen Fronteiras para defender esta especie que, aínda que non está en perigo de extinción, sofre o acoso dos que ven aireadas as súas vergoñas e mesmo algúns acaban con condenas exemplarizantes como o soldado Bradley Manning, que sacou á luz a barbarie das tropas aliadas en Afganistán e Irak, ou teñen que pedir asilo, como o dono de Wikileaks, Julian Assange, ou o extraballador da CIA Edward Snowden. A todos eles lles teño admiración e tamén envexa, polo a gusto que quedan despois de largar.

A Rocha

Mércores, 20 de Novembro, 2013
Xibraltar é á xeopolítica o que os goles de Marcelino e Iniesta ao fútbol, un recurso para agrupar a manada, reorientar brúxulas e fixar objetivo cara o enemigo exterior para rebaixar a crispación contra o vilán nativo, ao que se lle aplican atenuantes por aquilo da boa vecindade.
Durante o pasado verán, os españois de pro irritábanse cada vez que os medios de comunicación centraban a atención no conflito diplomático provocado pola semente de bloques de formigón na bahía de Alxeciras para alonxar aos pesqueiros gaditanos. Pero tamén se agriaban os británicos cando lían os tabloides que facían campaña contra o país que prefiren para ir de vacacións. E mentras ao sector hostaleiro do Mediterráneo lle tremían as pernas co brote españolista que levou ao Goberno a extremar o control da fronteira, os Bárcenas e Urdangaríns semellaban máis amables que o tal Fabian Picardo, o ministro principal dunha colonia con pouco máis de 30.000 veciños, pero cuxas boutades recibían tratamento de xefe de estado de superpotencia por parte do Goberno de Rajoy.
Agora co frío, o lume xibraltareño reavívase en Londres pola entrada en augas do Peñón dun buque científico español, mentres que aquí indigna a creación dunha selección de fútbol na colonia británica. Nuns meses haberá eleccións europeas, así que imos seguir tendo noticias da Rocha, por moi absurdas que sexan.

O escano

Mércores, 13 de Novembro, 2013
Entendo perfectamente a postura da ourensana Carmen Iglesias, unha militante histórica do PCE que pensou que o Gordo de Nadal lle chegara por  adiantado e fixo as contas cando soubo que o deputado de Age David Fernández  Calviño lle ía deixar o escano no Parlamento de Galicia. Por que renunciar a  este premio e deixarllo á terceira da lista por Ourense, cando ela mesma se ve  perfectamente capacitada para defender esa idea de sociedade que os líderes de  EU e Anova pactaron ás presas nunhas tardes no café.
O caso é que a actitude da díscola candidata comunista fixo aflorar nunha coalición que foi quen de poñerles as pilas aos dous principais partidos da esquerda en Galicia a contradición de se vai primeiro o reparto de postos ou a acción política, e que fai temer que o matrimonio pode acabar máis cedo que tarde nunha amistosa separación de bens. Porque EU e Anova deberían tomar xa unha decisión sobre o escano a tempo parcial que agora ocupa o deputado emigrado en Dinamarca, xa que cada día que pasa sen poñerlle fin ao esperpento, máis corre o risco Age de acabar nos libros de Historia como a anécdota política daquela década de crise.
E a Carmen Iglesias, máis que deportala ao grupo mixto, onde podería ter minutos para convertirse nun fenómeno do tipo Rosa Díez, deberían aupala á Mesa do Parlamento, que é onde acaban os deputados máis preocupados pola nómina.

Orgasmus

Mércores, 6 de Novembro, 2013
Non sei se o programa Erasmus fai máis Europa que a Champions League, pero logo de 26 anos de vixencia a lo menos ten facilitado a máis de tres millóns de universitarios a oportunidade de estudiar fóra dos seus países de orixe, unha posibilidade á que ata o xurdimento desta iniciativa só podían acceder fillos de familias acomodadas.
A popularización destas becas e programas do tipo Españoles por el mundo, onde os mozos aparecían de troula nas cidades a onde foran estudar, acabaron por trivializar o fenómeno Eramus e ata algún chegou a rebautizarlo como Orgasmus, logo de tomarse ao pe da letra que era un programa de intercambio. Se cadra o ministro Wert pensou que esa imaxe distorsionada lle serviría para xustificar un recurte máis no seu departamento e, como se fan as cousas que un non se atreve a anunciar, publicou unha orde no BOE na que decretaba, co curso iniciado, que moitos erasmus se quedarían sen a pírrica axuda de 150 euros para compensar os gastos de desprazamento.
Pero a crítica á medida non lle veu esta vez a Wert de onde sempre, da pertinaz oposición, se non das súas propias filas, onde moitos dirixentes populares teñen fillos beneficiarios desas bolsas. Por iso a rectificación non se fixo esperar e, logo dun estirón de orellas da cúpula do PP, anunciaba a cancelación da orde de Educación. Mágoa que non haxa na UE un programa de intercambio de ministros.