Guerra branca
Mércores, 28 de Novembro, 2012Os gandeiros din que non aguantan máis e iniciaron onte unha folga de entregas, que non de traballo, xa que unha explotación non pode parar a súa produción porque as vacas non poden deixar de ser alimentadas e muxidas. Por iso estes empresarios se xogan moito neste pulso a unha industria e unha distribución que non respectan as súas marxes de beneficio e que, no caso dos últimos, están xogando co seu futuro usando o leite como un artigo de reclamo nas campañas de mercadotecnia. Pero os gandeiros e as organizacións que os representan teñen diante dous problemas á hora de afrontar unha decisión tan importante como a de intentar parar toda a cadea: que hai explotacións que están ao límite das súas posibilidades e non se poden permitir tirar o produto durante moitos días e que o mercado non entende de regulacións, por moito que prometan os políticos. Só mediante un apoio das administracións aos produtores con axudas directas, unha inspección implacable aos distribuidores e industrias que practiquen o dumping e a procura de liñas de negocio alternativo para as explotacións poderán impedir o peche de moitas e unha perda de emprego que pode afondar aínda máis a crise económica nunha comunidade cun sector tan importante como o lácteo. Porque nesta guerra branca xogámonos tanto todos os galegos como os propios gandeiros.