Archivo de Outubro, 2012

Trampulleiros

Mércores, 24 de Outubro, 2012

O deporte está conmocionado polo enésimo escándalo no mundo do ciclismo, unha disciplina na que xa calquera gañador parece tan falso como o bico da azafata que entrega o premio. Lance Armstrong acaba de ser desposuído deses sete tours que cada verán gañaba con esa superioridade manifesta que demostran os grandes atletas, pero que ao final só resultaron ser froito dun engano que provoca vergoña allea. A loita contra a dopaxe segue facendo caer mitos nun mundo que derruba ídolos con tanta facilidade como Saturno devoraba aos seus fillos, pero tamén a crise económica serviunos para descubrir trampulleiros por todas as esquinas. Políticos que maquillaban orzamentos, banqueiros que niquelaban contas e engordaban as súas pensións, empresarios que defraudaban ou corrompían para quedar con contratos públicos, policías e funcionarios que poñían o cazo a cambio de facer a vista gorda.

Tan escandalosa é a súa historia como a de Armstrong, que non só decepcionou aos amantes do ciclismo, senón tamén aos que o viron como un exemplo de superación desa enfermidade que aínda causa tantas mortes. Por iso, a tolerancia cero non só debe aplicarse á dopaxe, senón a cantos pillos buscan o éxito polo atallo da treta.

Beiras

Mércores, 17 de Outubro, 2012

Aos seus 76 anos e cando todo o mundo daba por amortizada a súa contribución á revitalización do nacionalismo galego de esquerdas, Beiras converteuse no protagonista da campaña. E non só por declaracións saídas de ton como as escoitadas no abarrotado salón do actos do IES Lucus Augusti da capital luguesa, nas que aseguraba que a política sanitaria de Feijóo “está matando máis xente ca ningún grupo terrorista do Estado español”, senón porque parece dar un envorco ás enquisas, rabuñando votos entre PSOE e BNG, e mobilizando esa masa indignada que desde hai meses pide na rúa un cambio nas políticas.

O furacán Beiras que conseguira colocar ao BNG como segunda forza galega durante o fraguismo, aínda que logo renunciou a participar no primeiro Goberno galego con presenza do seu partido, ameaza agora o establishment da política galega axudado dunha EU que podería aproveitarse do efecto sorpresa para asentarse nun escenario no que sempre tivo un papel máis ben marxinal. A estas alturas, nada está claro nesta convocatoria electoral, aínda que o que parece case seguro é que na próxima lexislatura, o Parlamento galego recuperará con Beiras o debate apaixonado e o esplendor diálectico que tivo con Vázquez Portomeñe, Barreiro Rivas, Cortizo ou Guerreiro. Que se preparen os oradores.

Modular á masa

Mércores, 3 de Outubro, 2012

Non son amigo das aglomeracións, por iso vivo nunha  minicidade como Lugo e  por iso non vou ás manifestacións  se non é para informar delas. Entendo malia todo a quen ve nas concentracións humanas encabezadas por tipos con megáfono coreando  pareados simplóns como o método  máis eficaz para obrigar a reaccionar  os que, acomodados no poder, só escoitan os consellos dos que están arriba. 

Moitos eramos os que imaxinabamos que a irreversible chegada de Rajoy á presidencia do Goberno volvería encher as rúas de desaloxados de cargos públicos, sindicalistas sen horario e antisistema, aínda que logo de térselle ido a man coa tesoira, a masa enfurecida engordou con funcionarios sen paga extra, traballadores regulados, parados sen subsidio, desafiuzados polos bancos e encabuxados en xeral.

E como o panorama vai camiño de empeorar, desde a zona de palco xa se comeza a falar de “modular” o dereito de manifestación, como acaba de propoñer a delegada do Goberno en Madrid, Cristina Cifuentes. Aínda que o meu desapego ás concentracións podería incluírme entre esa maioría silenciosa que Rajoy di que o apoia, discrepo de que un cambio legal consiga reprimir esa irrefreable tendencia dos españois a botarse á rúa para armala e, en cambio, creo que só conseguiría incitar os que preferimos ver os touros desde a barreira a correr tamén o encerro.