Archivo de Setembro, 2012

A tomatazos

Xoves, 27 de Setembro, 2012

Hai anos asistín nunha corrala do barrio madrileño de Lavapiés a unha obra de teatro titulada A catarse do tomatazo, onde o elenco ofrecía ao público maduras hortalizas para que xulgase como se merecía a calidade da súa actuación. Como era de supor e a pesar do hilarante argumento, gran parte da platea non se reprimiu á hora de someter os sufridos cómicos a un castigo excesivo para tal derroche de imaxinación. A crónica xudicial acostuma ser unha catarse do tomatazo na que os que se pasean polo escenario son bombardeados en canto aparecen e sen que apenas teñan tempo para dicir a súa frase. Trátase dun xuízo previo sobre o que tanto o sistema xudicial como os medios de comunicación deberiamos reflexionar para evitar que os bos actores paguen polos malos de solemnidade.

Nos xulgados de Lugo represéntase estes días por enésima vez unha obra coa dirección habitual, un guión previsible e protagonistas coñecidos nalgún caso, aínda que ata agora só apareceran como secundarios. Aventurábase un novo cañoneo indiscriminado de vexetais sobre as táboas, pero as confesións por mor dunhas probas incontestables de actuación ilegal descubriron o podrecido que está o sistema e, sobre todo, a desvergoña con que actuaron aqueles a quen se lles confiou a caixacomún.

E o peor é que parece que esta vez vai quedar esgotada a horta de tanto tomatazo que haberá que lanzar.

Carrillo

Mércores, 19 de Setembro, 2012

Neste ano de desaparicións de destacadas figuras da transición como os pais da Constitución Manuel Fraga e Gregorio Peces Barba, tamén marcha quen ata agora era o protagonista vivo dos últimos 80 anos da historia de España. Non fai falta resumir a biografía de Santiago Carrillo, que para iso está a wikipedia, para decatarse de que poucas personalidades estiveron en sitios importantes ao longo de tanto tempo e con tanta lucidez, e só había que escoitarlo nos faladoiros radiofónicos ou nas últimas entrevistas de televisión para comprobar o amenas que resultaban as batalliñas desa persoa que ben podía ser o noso avó. Perseguido e proscrito por uns e totemizado por outros durante gran parte da súa vida, Carrillo foi capaz de esquivar todos os obstáculos que se lle presentaron ata que aos 97 anos esa saúde que non entendía de anuncios antitabaco dixo basta xa. 
Das últimas aparicións por Galicia, Lugo recorda o seu paso pola cidade fai sete anos, a onde acudiu a dar unha conferencia á galería de Suso de Sargadelos, que se quedou pequena para escoitar a un dos mitos vivos da historia de España, esa que o xulgará a partir de agora como ao resto de personalidades e na que haberá que incluír desde a súa responsabilidade na tan nomeada matanza de Paracuellos como a súa contribución a que as dúas España apenas sexan hoxe en día un capítulo máis dun libro da ESO.

Non vai máis!

Xoves, 13 de Setembro, 2012

Inqueda pensar que o principal proxecto de creación de emprego en España sexan dous macrocomplexos de casinos en Madrid e Barcelona, mentres o resto do país vai como os  depósitos dos avións low cost, na reserva. Inqueda porque mentres abrimos as portas aos  empresarios do xogo e o pelotazo, pechámosllas ao pequeno e mediano patrón, que tratan de sacar adiante unha empresa familiar ou un proxecto innovador, pero que se atopan cun cortalumes á porta do banco. Vendidas as corporacións públicas, desmantelado o tecido industrial subvencionado e expatriado o rendible, non queda outra que apostar por converter o país nun parque temático do lecer barato, unha aposta que quizais debería incluír a nosa saída do euro e a conversión en paraíso fiscal. Seguindo o exemplo negociador dos dirixentes autonómicos de Madrid e Cataluña, os candidatos á presidencia da Xunta deberían xa incluír nos seus programas a promesa de crear en Galicia outro deses templos da bacanal moderna, que podería ter como sede esa Cidade da Cultura para a que aínda se seguen buscando contidos. Claro que se temos en conta que os casinos das Vegas levan anos perdendo diñeiro pola crise, poda que a sobreoferta lúdica acabe convertendo en fracaso eses proxectos que agora se nos venden como unha táboa de salvación. Aínda que de soños frustrados España ten moita experiencia.

O debate dos soldos

Mércores, 5 de Setembro, 2012
O  soldo dos políticos sempre foi un tema tabú ata que a man lixeira dalgúns obrigou a facer pasar polo arco de seguridade ás súas señorías para comprobar o seu patrimonio. O problema é que tanta transparencia no que derivou é na constatación de que cada vez hai máis xente que desembarca na política en busca dunha profesión ou, como dixo un deputado do PP, para tratar de chegar a fin de mes, «pasándoas canutas», con cinco mil e pico euros ao mes.
A proximidade dos comicios autonómicos volve facer aflorar a polémica sobre os soldos dos gobernos e os populares lucenses acusan agora ao executivo da Deputación de gastar en retribucións tanto como o gabinete de Feijóo. O cálculo fano contando a nómina de asesores, o que lle serve ao PSOE para recordar que só no equipo de Presidencia da Xunta hai máis de 55 traballadores de libre designación.
O debate, que seguramente non terá moito percorrido tendo en conta que todos os partidos usan os gobernos para colocar aos seus, o único que lle serve ao cidadán é para comprobar que nestes días de confección de listas electorais a maioría dos políticos e asesores xóganse todo a unha carta e, ata os que teñen praza de funcionario asegurada en caso de quedar fóra, saben que o recorte salarial pódelles saír por un pico. E quizá por esta razón a caza do voto vai estar máis rifada ca nunca.