Archivo de Xullo, 2012

A maleta

Martes, 10 de Xullo, 2012

Non sei quen foi o ideólogo do galano que recibiron hai uns días os titulados cos mellores expedientes na última promoción de universitarios galegos, pero agasallar a uns rapaces que representan a unha das xeracións mellor preparadas cunha maleta semella unha burla nos só para eles e os seus pais, senón para un pobo que da a impresión que só lles desexa un futuro mellor lonxe do seu país.

A foto dos mozos marchando cara as súas casas tirando do troley gustaríame vela pero asumindo o papel de arrieiros eses políticos que queren convertir o ensino en Galicia nun luxo ou nun sacrificio cada vez máis inalcanzable para as familias galegas.

Resulta tamén curioso ver como se está a menospreciar o esforzo entre os alumnos, xa non só con galanos de dubidoso gusto, senón coa retirada de bolseiros como os que premiaban a excelencia e que foron suprimidos logo da entrada do PP no Goberno da Xunta. Estas becas seguen sen embargo a ofrecerse noutras comunidades como a de Madrid, adonde acabarán indo moitos deses mozos que agora representan o mellor do no noso país.

Como dixo un político francés unha vez: “Se fas grandes cousas, atraerás grandes mentes. Se fas cousas pequenas, atraerás mentes pequenas; e as mentes pequenas por regla xeral traen problemas… Logo, temos grandes problemas”.