Archivo de Maio, 2012

Sen IBI pola graza de Deus

Xoves, 31 de Maio, 2012

Sempre me preguntei onde irían parar as esmolas para as ánimas do purgatorio que se piden nas igrexas e se o ingreso se faría directamente nunha conta de Bankia. A caridade é unha virtude que fan súa todas as relixións, aínda que o concepto evolucionou cara a esa entelequia na que cabe todo o que boamente se pode facer polos desfavorecidos e que coñecemos por solidariedade. E solidariedade é precisamente o que se lle está pedindo a unha institución como a Igrexa Católica cando se lle recorda que hai outras institucións sen ánimo de lucro e que tamén aman o próximo como a si mesmo, que pagan relixiosamente impostos como o de bens inmobles. Aínda que o debate aberto pola esquerda resulta oportunista, logo de anos nos que desde o Goberno non moveu ficha, quizais chegou o momento de preguntarse se a exención de contribuír por un piso en La Castellana, aínda que sexa patrimonio de Deus, non é unha concesión que rompe as regras do xogo e máis ben o que intenta é evitar que uns contrariados bispos saquen ás rúas en manifestación ata esas necesitadas ánimas do purgatorio. O noso paisano Rouco Varela advirte de que os pobres aos que atenden serían os damnificados se facemos solidario o pago do IBI e se cadra sexa unha ameaza con fundamento, porque a curia seguro que non tería intención de asumir ningún recorte.

Cultura de saldo

Xoves, 24 de Maio, 2012

Os grandes artistas xa non enchen estadios, suspéndense concertos de vellas glorias ao non venderse as entradas e cada vez hai menos diñeiro das administracións, fundacións e obras sociais para actuacións. A cultura está de saldo, do mesmo xeito que tantos outros sectores
económicos, pero a cuestión é saber se este desinterese colectivo polos contidos creativos se debe a uns petos cada vez máis baleiros ou a unha crise existencial dos autores. “Non me dá a gana reinventarme”, advertía hai días Buenafuente tras coñecerse a cancelación do seu programa de humor intelixente, que se autocondenou ao fracaso pola ausencia desa innovación que sempre se lle esixe aos artistas. That’s entertaiment é a frase coa que os estadounidenses definen todo aquilo ideado para encher o lecer dun xeito lúdico e sen máis ambición que deixar bo sabor de boca a quen paga a súa entrada. Con todo, en España non fixeron seu este lema os autores, máis preocupados nos últimos anos por recadar dereitos por propiedade intelectual que por facer gozar o público. E, claro, agora están pagando as consecuencias cun descenso no número de espectadores e, polo tanto, da caixa. Sen apenas subvencións, con internet fomentando o gratis total e cada vez con menos produción imaxinativa, a industria cultural adoece e, coma todos nós, si, necesita reinventarse.

‘Corralito’

Domingo, 20 de Maio, 2012

Non é a candidata a canción cutre do verán do inefable Georgie Dann, tampouco unha nova marca de comida rápida, nin sequera un premio extraordinario da Once, aínda que a palabra corralito está en boca de todos aqueles que gardan nunha conta bancaria eses aforros detraídos ao goce do lecer ou á calidade de vida. Unha das máximas autoridades en economía, é dicir, un deses personaxes que os ricos moi ricos usan para distraer a atención sobre as súas auténticas intencións, acaba de pórlle data á nosa entrada en parada respiratoria: xuño. É máis, Paul Krugman, que é como se chama este polo de granxa, xa nos ve o vindeiro mes a españois e italianos facendo cola nos bancos tratando de sacar efectivo das contas para levarllo á caixa forte da señora Merkel. A verdade que logo de ler as reseñas sobre o seu artigo no New York Times case que me asustei, aínda que tras comprobar que no seu currículo este gurú atesoura un Premio Nobel xa quedei máis tranquilo ao recordar que tamén llo deron a xente como Forbes, Kissinger, Arafat ou Rabin. Pero aínda que a cousa pinta bastante mal e pesar de que o amo do curral leva seis meses actuando como un galo descabezado, a principal razón que desacredita a teoría deste economista estadounidense non é outra que a constatación de que, en xuño, a única preocupación de italianos e españois será a Eurocopa de fútbol.

O custe das institucións

Mércores, 9 de Maio, 2012

Non creo que esas institucións tan garantistas como inútiles que se foron creando en tres décadas de democracia sexan o gran problema de España, o que ocorre é que o seu custo xera tal grao de indignación no cidadán que merece a pena axustar os seus orzamentos aproveitando a dinámica recortadora. Se empezamos por arriba, o Senado, con 266 parlamentarios e un custo anual de 55 millóns de euros, é agora mesmo a institución máis cuestionada e só unha reforma constitucional para dezmar a súa composición e convertela en órgano de representación autonómico a apartaría do liderado no ránking da inutilidade.
Os 17 parlamentos autonómicos e os seus máis de 1.200 deputados serían os seguintes da lista, xa que o seu custo rolda os 400 millóns de euros ao ano, case o dobre que Congreso e Senado xuntos. E é que aínda que teñen función lexislativa, só se adican a sancionar leis que son elaboradas por gabinetes técnicos.
Nas 38 deputacións provinciais as cifras son máis que chamativas, xa que o capítulo de persoal se leva gran parte dos 6.800 millóns anuais do seu orzamento.
A Casa Real, que este ano dispón de 8,26 millóns, o Consello de Estado, o Tribunal Constitucional e o de Contas ou o Defensor do Pobo e as súas secuelas autonómicas serían tamén institucións a revisar. Malia a todo, non se preocupen señorías, seguramente vostedes non terán que probar a tesoira.

Un futuro lonxe

Sábado, 5 de Maio, 2012

Será que levo desde os tenros vinte anos dando o callo que non imaxino levantarme unha mañá e atoparme sen nada que facer. E seguramente isto lle pasaba á gran maioría deses máis de 5,6 millóns de españois en idade de traballar antes de que a EPA os colocase fóra do mundo laboral. Para eles, un consello dos quen di que tiveron durante algún tempo esas vacacións non desexadas: o importante é non perder a fe, manter a rutina familiar, empregar o tempo que antes se dedicaba ao choio en visitar empresas, enviar currículos e, sobre todo, seguir formándose. Pero terapias á marxe, o que eu non concibo é que un país desperdicie unha masa traballadora tan ampla, que non faga un esforzo colectivo por pórlle remedio e que apenas ofreza xa aos seus mozos oportunidades como as que eu tiven. A alternativa que se lles presenta é a mesma que se lles ofreceu hai décadas a seus avós ou pais: a emigración. E aínda que xa non resulta tan traumática como daquela, porque hoxe en día pódese chegar a Galicia máis rápido desde Londres, Berlín ou Xenebra que desde Bilbao ou Barcelona, creo que iniciar unha vida lonxe da contorna onde te criaches sempre debe de ser unha elección persoal, nunca unha obriga. Se cadra por iso cando escoito un pai orgulloso de que o seu fillo teña un bo posto de traballo a centos de quilómetros dubido entre darlle os parabéns ou consolalo