Archivo de Marzo, 2012

O século do medo

Mércores, 7 de Marzo, 2012

Aínda que non o imaxinabamos a finais dos noventa, estamos a vivir un inicio de século caracterizado pola cultura do medo. O efecto 2000 foi só un avance do que nos esperaba co paso dos anos, pero aquel engano co que os xigantes da informática lograron disparar os seus beneficios e, de paso, advertir da súa capacidade para amedrentarnos foi unha falcatruada comparado co pánico global inflixido por Bin Laden e os seus secuaces a unha cidadanía que se viu exposta ao crime indiscriminado.

Superada en parte a alarma terrorista, infundíusenos pavor con pandemias supostamente incontrolables, con desastres naturais impredicibles ou cos efectos para a saúde das novas tecnoloxías ou os alimentos manipulados. Pero nos últimos anos os encargados de atenazarnos son os mercados, unha entelequia integrada polos grandes capitais que sempre dirixiron os nosos destinos, pero que aproveitaron o momento de incerteza para facerse co control da máquina do pánico.

Agora aos nosos medos convencionais, como a enfermidade, a morte, a violencia ou a inseguridade, unimos outros como a inestabilidade laboral, a perda de propiedades ou a volatilidade dos aforros, polo que, de seguir esta escalada alarmista, case vai ser mellor que se cumpra a profecía maia e descansemos todos en paz.

Pertinaz seca

Venres, 2 de Marzo, 2012
A pertinaz seca era a coletilla que usaban os informadores oficiais do franquismo para xustificar a mala planificación dunha economía autárquica por necesidade e chulería, que diso sempre andou sobrado o fascismo. Tiveron que chegar o plan Badaxoz, as políticas desarrollistas e o diñeiro do exterior para desterrar o infame adxectivo, aínda que a seca en si volve cíclicamente, por aquilo de que somos un país afeito a vivir por encima das súas posibilidades, ata das hídricas.
Pero agora que coincide que España rexistra o inverno menos chuvioso dos últimos sesenta anos, tamén nos atopamos con outras secas tan alarmantes na nosa sociedade, como a falta de ideas para atopar solucións á nosa debilidade como socio comunitario ata o punto de que temos que ser tutelados por Bruxelas. Pero as carencias non acaban aquí, acabamos de descubrir que na caixa común escasea tamén a liquidez tras ese desfase do 8,5% nas contas do pasado ano, á vez que nos damos conta de que algúns que se vestiron de grandes de España tampouco andan sobrados de vergoña. E se damos por feito que hai líderes empresariais que sofren falta de irrigación cerebral ata o punto de querer enviarnos a traballar a Laponia, só nos queda asumir que o que de verdade sufrimos, varias décadas despois, é unha pertinaz seca.