Archivo de Febreiro, 2012

O inimigo

Xoves, 23 de Febreiro, 2012

Hai palabras que desde que alguén lles dá un ton hilarante, resulta imposible que teñan outro diferente. Por iso cando escoitei o xefe de Policía de Valencia referirse aos estudantes do instituto Lluís Vives como o inimigo, veume á cabeza a imaxe de Gila, vestido de militar e teléfono en man, preguntándolles aos do outro bando a que hora ían atacar.

As declaracións sobre a brutal carga dos antidisturbios realizadas por Antonio Moreno, que non é un recentemente chegado ao cargo pois foi nomeado por Rubalcaba, converteron este dirixente policial e á Subdelegada do Goberno en Valencia neses absurdos personaxes cos que falaba Gila xusto desde o momento en que trataron de xustificar a contundencia empregada contra uns mozos que cortaron a rúa para protestar sen a autorización preceptiva.

Pero aínda que os axentes foron só un brazo executor dos que cren que a orde se mantén fomentando o medo, algunhas das imaxes que se viron sobre o trato dado ao “inimigo” amosan que cando se acende a chispa da violencia, resulta moi difícil sufocar o lume. Por iso os novos gobernantes deste país, que seguramente afrontarán nos próximos meses moitas máis protestas e cortes de tráfico, deberían recordar antes de dar a orde de ataque aquela frase de Lluis Vives na que advertía: “Xamais é nociva a reprensión aínda que veña do teu inimigo”.

Un pobo enfermo

Xoves, 16 de Febreiro, 2012

Non sei se somos un pobo enfermo ata o extremo no que definiu Alcides Arguedas a súa Bolivia de principios do século XX, onde os terratenentes se negaban a impulsar o ferrocarril porque os indíxenas xa lles transportaban gratis as colleitas.
As axencias de cualificación, os grandes investidores, os burócratas da UE, as potencias dominantes desa mercacomunidade… ata os guionistas de programas de humor foráneos diagnostícannos esa doenza que só ten un remedio: unha involución na autoestima que nos converta de novo neses amables indíxenas que se conformaban co pan e o sal para non importunar o señor, que é quen mellor sabe o que nos convén.
O novo Goberno central comezou a aplicar o remedio importado sen demasiado convencemento, aínda que consciente de que coa anestesia aplicada polos seus antecesores dificilmente se vai alterar o aturdimento xeral que se vive. Conxelación de soldos, subida de impostos, reforma laboral xa non son palabras tabú para uns políticos que souberon implantar na sociedade a mensaxe de que mal de moitos é un consolo, aínda que sexa de fatos.
Quedo coa estratexia dos sindicatos ante a situación, esperar a ver como reaccionan os traballadores ante a terapia de choque aplicada antes de botarse á rúa. Pois que non se estrañen se desta o enfermo foxe tamén do acompañante.

Unha andorrana en apuros

Mércores, 8 de Febreiro, 2012
A crise neste país ten xa moitas caras e nomes, aínda que a última que se nos presentou nos medios de comunicación soa a culebrón televisivo. Porque a lamentable historia de Arantxa Sánchez Vicario non impresiona polas presuntas penurias económicas que di estar sufrindo senón polas miserias que saen á luz sobre unha familia que durante anos amasou millóns a conta dos títulos e patrocinios publicitarios na elite deportiva. A publicación dun libro no que a exnúmero un do tenis mundial repudia aos seus pais por dilapidar a súa fortuna ten guión de película de serie B e supón o contrapunto ás miles de españois arruinados polo paro e as débedas que tratan de saír adiante con dignidade e sen converter as súas historias persoais en caldo de cultivo do telelixo.
Arantxa non é a primeira nena prodixio explotada polos seus pais, asesores ou representantes, algo do que se puido ter dado conta antes de cumprir os corenta, aínda que parece que o seu problema é que xa non pode ter o nivel de vida do que gozou nas dúas últimas décadas. Ademais, parte das súas penurias veñen a conta do diñeiro que lle reclama a Axencia Tributaria por fixar a súa residencia durante anos no paraíso fiscal de Andorra, mentres gozaba de axudas olímpicas españolas. Pois mire vostede, se Facenda somos todos, pois que non se lle perdoe nin un euro.

Retornados

Mércores, 1 de Febreiro, 2012

Non creo nos políticos retornados, porque ou ben queren emendar un fracaso ou ben trincar todo o que non puideron antes. Aínda que sempre hai quen entenden que dedicarse ao público require un período que non debería ir máis aló dunha década, o sistema derivou nunha parasitose que se enquista primeiro nas bases dos partidos para despois trasladarse ás institucións onde gobernan.

Exemplos temos de políticos crecidos ao abeiro das siglas, que co paso das décadas seguen a pé de escano, mentres que os que criamos xa amortizados regresan para seguir quentando asento ou para rivalizar cos que foron os seus compañeiros.

O último caso de político de segunda volta protagonízao Francisco Álvarez Cascos, quen, tras abandonar o PP por discrepancias coa dirección, fundou un partido que gañou os comicios autonómicos e logrou formar goberno en minoría en Asturias. Seis meses despois de tomar posesión e incapaz de consensuar uns orzamentos cos seus ex colegas, o que foi caricaturizado polo PSOE como o dobermann de Aznar decide botarse ao monte e converterse no primeiro presidente dunha autonomía do café para todos que adianta unhas eleccións.

A proposta invitaría á risa compracente do chiste malo se non fose polo dispendio que xerará ese referendo a prol de Cascos, un caro billete de retorno para quen nunca quixo irse.