Archivo de Xaneiro, 2012

Críticos

Xoves, 26 de Xaneiro, 2012

Todos os que se expoñen na platea saben que están suxeitos á tiranía da crítica e quen pretenda escapar da súa intolerante acidez, que saiba que está condenado ao ostracismo. Que falen dun, aínda que sexa ben, din os máis intelixentes, aínda que son os considerados xenios os máis remisos a someterse ao comentario dos seus contemporáneos, quizais porque a súa arte ou pensamento está destinado a permanecer no tempo e non a diluírse no efémero éxito. Aínda que poida que estes non necesiten de acicates, porque a súa autoestima, lonxe de quedar atrapada no lodo da vaidade, é unha fiable folla de ruta. Pero ai daquel creador que tema ao látego, porque súa nunca será a admiración das vindeiras xeracións, pois se hai algo que sementan aqueles que dedican as súas horas a escudriñar no labor alleo é o hábito polo traballo e a constante superación, conscientes de que a casualidade non se emparella coa mestría. Soren Kierkegaard dicía que un crítico se parece moitísimo a un poeta, coa única diferenza de que non ten penas no corazón nin música nos beizos, claro que o filósofo danés non tivo en conta que os analistas tamén sofren os embates da vida e teñen tamén os seus propios censores. A miña máis férrea crítica marchou o pasado venres para sempre e déixame libre para cabalgar sen fusta, quizais porque crea que non a necesito, aínda que a terei presente a cada liña.

Cleptocracia

Mércores, 11 de Xaneiro, 2012

Adoitan saír á luz en tempos de crises, cando as administracións rascan os petos para atender sobre todo a necesidades urxentes (pago de nóminas, auxilio social..), aínda que existiron ao longo dos tempos. O seu estourido coincide ademais con alardes de celo da Xustiza, un poder independente no estado democrático, pero que se nutre dos Orzamentos Xerais e, polo tanto, ten unha dependencia económica e política inherente.
Refírome aos casos de corrupción política, o único factor á alza na nosa bolsa de miserias e que estes días ten varias frontes abertas que compiten en cheirume segundo se van coñecendo detalles sobre os protagonistas. Finiquitado o pelotazo urbanístico, principal rexenerador da cleptocracia en España, e cos principais implicados pillados en ‘deshabillé’, asistimos a xuízos orais, comparecencias ante instrutores e filtracións de sumarios que lonxe de abraiarnos, corroboran a teoría de Max Weber de que canto menos evolucionado sexa un país, maior é a súa exposición aos gobernos de ladróns.
Seguramente esta crise desembocará nun cambio de modelo económico, social e se cadra político, pero o que parece seguro é que nos intestinos do Estado sempre haberá parásitos capaces de devorar fondos públicos co beneplácito de políticos, partidos e xuíces; sempre que haxa diñeiro dabondo, claro.