Archivo de Setembro, 2011

Controlar ao controlador

Mércores, 28 de Setembro, 2011

Un conselleiro de RTVE nomeado a proposta de Comisións Obreiras acaba de dimitir tras permitir coa súa abstención que saíse adiante unha proposta para que este órgano asesor tivese acceso directo aos contidos dos informativos durante a súa elaboración. O dimisionario conselleiro, quen se estará lamentando da perda dos seus privilexios -salario anual de 120.000 euros, Visa Ouro e dous empregados ao seu servizo- di ser vítima desa mala costume de deixarse aconsellar polo da beira -neste caso un xornalista nomeado polo PSOE-. O caso é que unha vez que a opinión pública coñeceu que esa ducia de ociosos ‘controladores’ decidiran pasar o seu tempo furgando nos borradores dos reporteiros de TVE, deuse marcha atrás ao acordo, aínda que só Comisións obrigou a dimitir ao seu conselleiro, mentres o resto limitouse a desculpar o erro.
Non foi nin será a última vez na que quen máis sae nos informativos -políticos e sindicalistas- queiran ter o control absoluto sobre os que en realidade os deben controlar. Hai pouco ata tentaron, coa aquiescendia dalgún inxenuo xornalista, crear unha comisión parlamentaria que tivese a capacidade para apartar a alguén da profesión. A Fape liderada por Urbaneja foi capaz de parar tamaña arroutada coa única asignatura que non se aprende nas facultades de xornalismo, o sentido común.

O virá tralo 20-N

Martes, 27 de Setembro, 2011

Dáme tan mala espiña iso de que aos políticos lles entrase a febre por prescindir dos coches oficiais como que aos millonarios alemáns e franceses les dea por pedir aos seus gobernos que lles suban os impostos. É coma se se puxeran dacordo para coárnola e de momento van achandando o terreo. Porque se hai algo que lles pon aos altos cargos é que lles abran a porta traseira deses flamantes coches negros e aos megaricos, escalar postos na lista Forbes.
E non son cribles porque esa falsa austeridade que nos pretenden inculcar vai contra a economía de mercado que lles colocou onde están e que ao resto sumiu nunha crise xa non só financeira senón tamén de ideas e valores.
Por iso propoño coa mesma vehemencia coa que o faría un chofer oficial ameazado de Ere non deixar nin a un deputado, director xeral ou concelleiro sen a pracenteira sensación de fincar as posaderas en caros asentos de coiro e que se dea marcha atrás a calquera intento de impedir que os nosos ricachones queden atrasados na clasificación de opulentos. Que se deixen de demagoxia e digan claramente que se hai que recortar o único modo efectivo é facéndoo naquilo que de verdade pode reducir a factura do gasto público: a protección por desemprego, o funcionariado, o gratis total da sanidade, a xustiza, a educación… Non se preocupen, claro que o dirán, pero tralo 20-N.

Abandonos

Xoves, 15 de Setembro, 2011

Do mesmo xeito que a moitos nos intranquilizaba en 2009 a estampida de Pedro Solbes do Goberno de Zapatero, cada vez que se coñece que algún personaxe relevante decide abandonar o barco as dúbidas comezan a desatarse. Entre os últimos que seguirán o camiño do exvicepresidente económico figura o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, que acaba de anunciar que non concorrerá nas listas do PSOE ao Congreso e xusto nun momento no que os gobernos autonómicos iniciaron o recorte dos orzamentos para o ensino.
Pero aínda que as desercións no bando socialista son a estas alturas tan comúns como as renuncias dos gadafistas a defender ao seu líder, o que chama máis a atención son as noticias de abandonos na empresa privada e, sobre todo, no mundo financeiro. E estoume referindo en concreto á renuncia ao seu cargo do director xeral de Novacaixagalicia, José Luís Pego, un dos cerebros da antiga Caixanova e que prefire a prexubilación -ollo, aos 54 anos- a embarcarse no proxecto de NCG Banco.
Na empresa como na política, as dimisións nunca son unha traxedia, porque ninguén resulta imprescindible e sempre hai alguén detrás para tomar a substitución. Claro que ás veces a inquietude que xorde ante unha marcha acaba por confirmarse meses despois, como ocorreu con Solbes, pero entón xa é tarde para as queixumes.

O ‘dummy’

Xoves, 8 de Setembro, 2011

Dicían os que só se atrevían a criticar ao ditador con cuestións que non irritan tanto como para mandar ao ousado ao paredón, que a ‘Paco Medallas’ enganchábanlle os salmóns ao anzol baixo a auga cando se achegaba a pescar ao río Eo. E con esa lenda urbana acuñouse a frase «así llelos poñían a Franco», que nos vén a conta para describir a ponte de prata que os socialistas e, máis en concreto Zapatero, estanlle tendendo a un Mariano Rajoy a quen, tras verse noqueado en dous duelos anteriores, o sorriso nervioso de quen se ve xa presidente delátao agora nas súas comparecencias públicas. Ademais, fronte a el e a súa camada de ministrables, Rubalcaba parece un ‘dummy’ -un deses bonecos que se usan para probar os coches- preparado para darse a hostia pai xusto na data na que se recorda que aquel afortunado pescador colgou a cana.
E non é que se poña en dúbida a capacidade de xestión ou a versatilidade de quen chegou a ser ministro con dous dos cinco presidentes da nosa democracia, pois seguramente estamos ante un dos políticos máis hábiles e preclaros dos últimos anos. O problema é que a estas alturas do partido a prima de risco do PSOE está disparada e ofrece menos garantías que o ticket de compra dun bazar chinés. E só por iso, cando un imaxina que quedan por diante máis de dous meses ata a cita electoral, dan ganas de, como ocorre no rugby, pedirlle ao árbitro que pite o final e lle dea a vitoria ao PP por superioridade manifesta.