Archivo de Xuño, 2009

Gañas de festa

Domingo, 28 de Xuño, 2009

O Arde Lucus MMIX voltou a ser un exitazo que da idea das gañas de festa que teñen os lugueses logo dun inverno de nevaradas e crise. A mobilización popular está a desbordar as previsións e xa hai quen pensa que o acontecemento ata merece un día festivo local. O Entroido, por moi tradicional que fose no seu día, está a perder tirón fronte á festa romana, que é o auténtico Carnaval de verán para Lugo. Señores do Concello, vaiano valorando; os tempos e os costumes mudan e se vostedes foron quen de idear e impulsar esta gran idea, aposten por ela.

En canto ao espectáculo do circo, non estaría mal ir mudando o guión ou a compañía, que se repite ano tras ano. O cheo está asegurado, pero aínda así apetece ver algo novo.

Arde Lucus MMIX

Romanizados

Venres, 26 de Xuño, 2009

En Lugo levan meses preparando a que leva camiño de convertirse en referente no calendario de festas de reconstrución histórica, o Arde Lucus. Como se dun concerto de U2 se tratase, en tres horas esgotáronse as entradas de tribuna para o circo romano e as modistas ou deseñadoras locais, segundo se pague, atoparon un filón nestes tempos de crise.

O caso é que a cidade das murallas está conseguindo redescubrir o seu pasado máis esplendoroso, aquel que chegou da man dun imperialismo que suxugou pero tamén formou aos habitantes dos castros. Hai dezasete séculos Lugo tiña unhas infraestruturas envexables e os seus habitantes podían desplazarse para comerciar ata outras cidades do noroeste. Hoxe as obras son máis difíciles de conseguir e os tempos de execución son agotadores. Menos mal que agora os lugueses contan cun tribuno no foro, o lugués José Blanco, que di que será capaz de cumprir todos os compromisos adquiridos.

Pero o que de verdade conta é que, segundo o Concello de Lugo, a celebración esta fin de semana do Arde Lucus vai deixar na cidade luguesa uns seis millóns de euros extra e, o que é máis importante, unha carga de autoestima e de concienciación da importancia que ten gabarse da historia propia, aínda que no seu tempo fose importada.

Tractorada

Mércores, 17 de Xuño, 2009

Os tractores volven a saír ás estradas nunha nova escenificación da impotencia do agro galego diante dun mercado do leite que nin gobernos, nin industrias e moito menos os gandeiros van conseguir controlar. Esta crise do sector lácteo, igual ca vivida hai dúas décadas, terá seguramente como consecuencia a redución do número de explotacións. Desaparecerán aquelas menos rendibles, pero que axudaban a manter vivo o modelo de economía rural galego.

Porque a industrialización do agro si que supuxo a mellora nas condicións de vida dos labregos, pero tamén expulsou cara ás vilas e cidades aos futuros traballadores do campo.

As mobilizacións de hoxe, para as que nin siquiera hai consenso entre os sindicatos agrarios, de pouco van servir, xa que ningunha administración vai poder obrigar a unha industria a pagar un precio mínimo por unha mercadoría, porque estaría vulnerando a lei do mercado. Outra cousa é pedir medidas como axudas á reconversión ou o etiquetado claro dos productos lácteos para que o consumidor saiba de onde procede o que está a mercar. Eso si, a imaxe deses tractores invadindo o espazo de coches e camións debería servirnos para entender que non só está en xogo un sector económico senón tamén un xeito de vivir.

Autoaxuda

Mércores, 10 de Xuño, 2009

Que Rodríguez Zapatero necesita un libro de autoaxuda xa o saben ata os que insisten en que hai brotes verdes na economía. Logo dun ano do trunfo nas urnas, unhas eleccións descafeinadas e sen tensión cidadá acaban de poñer casi catro puntos por diante ao partido de Mariano Rajoy, donde hai quen se atreve a recomendarlle que presente unha moción de censura no Congreso.

Claro que Rajoy debería ter en conta o halo de sorte que sempre rodeu a ZP, que ben podería chegar a afrontar un terceiro mandato en plena fase de recuperación.

Iso si, agora o panorama é tan desacougador que mesmo dá a impresión de que nin os populares se amosan exultantes co trunfo electoral. Se cadra porque desta vez tampouco vai influir na composición do Europarlamento que haxa dous ou tres deputados máis populares ca socialistas. E se cadra porque tamén, logo da euforia desatada polos cambios de goberno en Galicia e Euskadi, no PP decatáronse que a situación é máis complicada do que se pensaba e hai moito traballo por facer.

Non sei se Zapatero ten agora máis clara a folla de ruta que o pasado sábado, pero de momento semella que podería aparcar proxectos polémicos como a nova lei do aborto e darlle para adiante a outros como a reforma laboral. Eso si, a reacción debe ser urxente, as campás tocan a rebato.

Europeos

Mércores, 3 de Xuño, 2009

Europa chama ás portas dos seus cidadáns para que as urnas apuntalen a feble cimentación que sostén unha UE que está a amosar a súa escasa capacidade de maniobra en tempos de crise como os que corren. As enquisas son unánimes á hora de augurar unha baixa participación e se lles preguntan aos electores se cren que a Unión Europea beneficia a España mesmo amosan desapego hacia ese europeísmo do que se gababan hai anos.

No caso de Galicia arestora vívese unha situación de desencanto sobre todo no rural, que ve como ese proceso de modernización baseado na redibilidade do sector gandeiro se desmorona mentres Bruxelas mira cara outro lado. Queda como gratificación a promesa de ter fondos europeos ata o 2013, para reinvestilos nese cemento que nos achegou por autovía a Europa e que agora prevé levarnos en tren a Madrid en menos de tres horas.

O que non podemos negar é que o que se decide en Estrasburgo e Bruxelas si que nos afecta aos 375 millóns de cidadáns que integramos os 27 estados membros. O problema é que cando esas decisións se topan coa oposición dos gobernos poderosos case sempre caen en saco roto. E cada vez que  iso ocorre o euroescepticismo non fai máis que medrar. Daquela que a ninguén lle estranen o domingo uns resultados cunha alta abstención.