Ano Santo
Domingo, 31 de Maio, 2009O arcebispo de Santiago, Xulián Barrio, acaba de anunciar oficialmente que 2010 será Ano Santo, algo que a maioría de galegos xa saben posto que o 25 de xullo caerá en domingo, aínda que como queira que a celebración é sobre todo relixiosa o visto e prace ten que saír da Igrexa.
Claro que outra cousa é o xacobeo pagán, descuberto e comercializado por Víctor Vázquez Portomeñe a comezos do noventa e que grazas a terse comido boa parte dos orzamentos da Consellería de Cultura conseguiu promocionar as peregrinacións a Compostela ata o punto de que para o vindeiro ano se espera que cheguen a Galicia ata dez millóns de turistas.
Pero 2010 vai ser ano de vacas fracas e por iso desde a nova Xunta se di que vai ser un Xacobeo austero e espiritual, xusto o que pide o Arcebispado, que mesmo reivindica que as prazas do entorno da catedral compostelá se usen só para actos relixiosos. Nada de mitins nin feiras na Quintana e do Obradoiro xa falaremos, que tan sagrado é o de dentro como o de fóra. Pois non sei se opinarán así os que decidiron que Santiago era unha cidade Patrimonio da Humanidade e non só da igrexa católica.
Debates teolóxicos á marxe, agora só queda saber se Galicia saberá aproveitar esta nova oportunidade para promocionarse e conseguir visitantes. Falta fai.