Archivo de Abril, 2009

Prioridades

Mércores, 29 de Abril, 2009

España é un país seguro e a situación está controlada, di a ministra de Sanidade, a abogada e experta en Relacións Internacionais Trinidad Jiménez, a quen Zapatero lle encomendou a complicada tarefa de substituir a toda unha eminencia da medicina como é Bernat Soria. Unha mensaxe tranquilizadora a da señora ministra, aínda que me dá que a declaración soa a panos quentes nun momento no que nin siquiera os expertos poden asegurar se estamos diante do inicio dunha pandemia coma que asolou Europa a comezos do século pasado.

De momento só sabemos que a gripe porcina xa provocou máis de 150 mortos en México, que en España hai dous casos recoñecidos e que a OMS subiu o nivel de alerta diante desta enfermidade. Claro que no noso pais semella que a preocupación é de segundo orde, pois resulta máis importante debater sobre se estaba máis elegante a princesa Leticia que a primeira dama francesa, Carla Bruni, na cea de gala da Zarzuela. É unha cuestión de prioridades, as mesmas que levaron a Zapatero a conformar un goberno máis político ca técnico. O problema é se chegado o momento esta crise sanitaria nos colle en pelotas como ocorreu coa famosa desaceleración económica. Se hai que manter a calma intentarase, pero que ninguén se moleste porque alguén estea preocupado de máis.

O outro Vázquez

Martes, 28 de Abril, 2009

O PSdeG ten novo líder, apodado ‘Pachi’, como o seu homólogo vasco. A diferenza está en que un vai ser o vindeiro lehendakari vasco e ao galego quédalle unha longa travesía de catro anos na que ademais vai ter que convencer aos seus compañeiros de que será capaz de disputarlle a presidencia da Xunta a Núñez Feijóo.

Manuel Vázquez, o médico do Carballiño que dende a alcaldía exerceu de Quijote na ínsula baltariana, ten ao seu favor o respaldo da dirección federal do partido e o consenso que dan o 90% dos votos dos seus compañeiros. Claro que dentro desa imaxe de renovación que se lle quere dar á nova executiva do PSdeG non cadra moito que teña sido un dos homes fortes da era Touriño. Porén, pode que a experiencia de ter vivido desde a primeira fila a evolución do goberno bipartito lle vaia servir de guía para non cometer erros do pasado.

Este novo PSdeG de Vázquez ten certo paralelismo co que tivo que liderar o outro Vázquez, Paco, cando Antolín Sánchez Presedo abandonou a secretaría xeral logo da derrota electoral diante de Manuel Fraga. Daquela o entón plenipotenciario alcalde da Coruña asumira a responsabilidade de unir o partido despois do frustrado asalto á Xunta, máis o feito de non terse mollado á hora de renunciar á alcaldía para asumir o reto de medirse nas urnas con Fraga, acabou por minar aínda máis a base electoral socialista, quedando incluso durante catro anos como terceira forza de Galicia.

Agora a situación que se lle presenta a Pachi Vázquez, aínda que difícil, non semella tan complicada como a que viviu o seu antecesor no cargo, Emilio Pérez Touriño, que foi capaz de acadar para os socialistas unha presidencia da Xunta, que logo non foi moi ben administrada a tenor do que decidiron os galegos o 1-M. Vázquez conta ademais con certo carisma e achegamento á cidadanía e co respaldo do Goberno do Zapatero, de dúas deputacións e de seis dos sete alcaldes das grandes cidades galegas. E precisamente conservar estes gobernos locais e provinciais será o primeiro reto dos socialistas galegos. Nesta tarefa está por ver cal vai ser a relación co socio nacionalista naqueles sitios onde se reproduce o modelo de bipartito que fracasou na Xunta. Vázquez deixou entrever no seu primeiro discurso como líder do PSdeG que van buscar gobernar en solitario, polo que podería ser un aviso a navegantes de que as coalicións municipais e provinciais poderían racharse antes das eleccións municipais que se celebrarán en dous anos. De chegar a producirse esta situación, este PSdeG de Vázquez asemellaríase máis ao modelo de partido que sempre defendeu o outro Vázquez, eso si, salvando as distancias. Veremos que pasa.

Cotas

Venres, 24 de Abril, 2009

Este é un país acostumado ás cotas, ben sexan empresariais, lácteas, pesqueiras, sociais ou nos últimos tempos femininas. Todas elas eran ou son mudables e os encargados de calibralas saben ben o perigo que representan que sexan desproporcionadas. En política tamén estabamos afeitos a que os líderes configurasen os seus gobernos en base a cotas territoriais, nun intento de contentar aos chamados baróns provinciais ou autonómicos, que deste xeito tiñan un ministro ou conselleiro para pasealo polas rúas das súas cidades.

Claro que sempre hai quen quere rachar tradicións e se cadra iso é o que tenta facer o novo presidente da Xunta co organigrama de Goberno que deu a coñecer o domingo. A Lugo tocoulle a peor parte e no PSOE e no BNG falan de esquecemento. Núñez Feijóo, que como bo xogador só mostra as cartas cando é necesario, dilles que non busquen cotas onde non as hai, pois o seu é un gabinete con perfil técnico. O perfil político do seu Goberno semella que vai chegar da man dos futuros ‘superdelegados’, chamados a ser unha especie de contrapoder dos presidentes de deputacións. E as cotas de orzamento para concellos e provincias, pois haberá que pelexalas desde esas delegacións, así que a chave vai estar neses cinco nomes que de seguro van ter denominación de orixe.

Querer é poder

Martes, 21 de Abril, 2009

José Blanco acaba de facer boa a máxima de querer é poder. E agora que pode, a súa primeira decisión logo de seis días no cargo foi sacar do caixón de Magdalena Álvarez ‑como así definiu Touriño o arquivador dos proxectos de Fomento en Galicia‑ a obra da nova ponte sobre o Miño en Lugo. O ex presidente da Xunta era xunto con outros cargos socialistas e alcaldes o único defensor da ex ministra a pesares de que as súas visitas á cidade, a última unhas semanas antes das eleccións autonómicas, semellaban unha tomadura de pelo e en nada axudaban a sumar votos para o seu partido. Estaba claro que as súas prioridades eran outras o que ocorre é que cando non se ten vontade por facer algo é mellor nin mentalo.

Se cadra por esa espiña que tiñan cravada os socialistas lugueses, o flamante ministro de Palas non perdeu tempo en satisfacer aos seus conveciños. Ademais, xunto coa licitación da nova ponte tamén aproveitou para reunirse coa presidenta da comunidade na que reside, Madrid, onde estaban bloqueados desde hai anos varias infraestruturas de Fomento. Porque un político é de onde nace e de onde pace, e tratando ben aos cidadáns da Vila e Corte pode que se acabe gañando ata a simpatía dos tertulianos que tanto criticaron a súa designación.

O seguinte paso de Blanco debería ser o impulso da autovía de Lugo a Santiago, que pasa precisamente polo seu Palas de Rei natal, onde están pendentes de licitación dous tramos e nos que as obras dos restantes non avanzan coa celeridade desexada. Igual ocorre co trazado do AVE a Galicia, que se prometera que ía estar listo para o 2012. Agora, cos datos xa na man, o novo ministro non se atreve a dar como certa esa data, pois é consciente de que vai ter que vir máis a miúdo por Galicia do que o facía a inefable Maleni. Agora ben, seguramente a data definitiva non debería ir máis aló do 2013, se como din os mentideiros Blanco está chamado a ser o rival de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas previstas para ese ano.

Finalmente, só queda por saber cales van ser os plans do novo ministro de Fomento para o aeródromo de Rozas, logo de ter anunciado no seu día a creación dun centro de reciclaxe de avións que quedou en nada. José Blanco acaba de declarar que vai seguir buscando novos usos para estas instalacións. De momento, a alguén xa se lle ocorriu unha utilidade. Así, a Consellería de Cultura ten previsto para o mes de xuño a celebración de dous concertos de música experimental no hangar.

En fin, o que falta por ver é se este novo Ministerio de Fomento con varios galegos no organigrama lle vai cambiar o ritmo ás obras que ten en Galicia, pero de momento a música soa ben.

Feijóo

Venres, 17 de Abril, 2009

Conciliador aínda que decidido a mudar as políticas das que fixo bandeira o Goberno bipartito. Así se presentou Alberto Núñez Feijóo diante do novo Parlamento galego para avanzar no seu discurso de investidura parte dos cambios que vai introducir na futura Xunta. Entre eles destacan dous que estiveron moi presentes na campaña electoral dos populares, o decreto do galego e o concurso eólico. No caso do primeiro, dixo que o actual será anulado para avanzar non nun ensino bilingüe, senón trilingüe, equiparando o inglés coas linguas oficiais de Galicia. En canto á polémica adxudicación que os nacionalistas fixeron dos megavatios eólicos e que en parte provocou a súa saída da Xunta, Feijoo fala dunha revisión que mesmo pode acabar nos tribunais de xustiza. Se cadra por iso foi o BNG o que criticou con máis forza ao líder do PPdeG, aludindo a que se colocaba a carón dos grandes empresarios.

Como se agardaba, a crise foi o apartado estrela do discurso e para combatela Feijoo propón austeridade e traballo, así como un axuste dos Orzamentos da Xunta para axeitalos ao novo ciclo económico. Iso si, mandou un reproche aos socialistas dicindo que el nunca lle agochará aos cidadáns as situacións de crise que poidan vir. Transparencia ao fin. Tomamos nota.

Malas vibracións

Domingo, 12 de Abril, 2009

Hai quen di que os medios de comunicación somos en parte responsables da crise porque cada día dámoslle unha volta de torca ao tema para debullar como lle afecta á sociedade esta recesión. Vamos, que os xornalistas serían o contrapunto do traballo que teñen que facer gobernantes e mesmo psicólogos para curarnos desta depresión colectiva. Se cadra na procura de titulares que cadren e porcentaxes imposibles ás veces se nos vai a man, pero o problema é que os encargados de xerar tranquilidade cada vez fan menos por quitarnos a razón.

Para empezar, a última remodelación do Goberno de Zapatero, por moito que nos poida alegrar aos de Lugo por ter un ministro paisano, non acaba de dar boas vibracións. Por se fora pouco inquietante o relevo do vicepresidente Pedro Solbes, bregado en mil guerras económicas e que abandona o barco no medio da batalla, agora di adeus quen foi o seu número dous no ministerio nos últimos cinco anos, David Vegara. Vaise alegando motivos persoais, aínda que entre eles seguramente estará o de non ver colmadas as aspiracións de converterse en ministro.

Logo temos aos da oposición, que tampouco fan moito por levantar a moral. Se antes era o PP o único que tiraba de discurso catastrofista, agora que Zapatero foi deixando amigos polo camiño os tiros chegan de todos as bandas e seguro que a este novo Goberno non lle van dar nin unhas semanas de tregua, pois as eleccións europeas son en xuño.

Pero por enriba de todo o que máis yuyu dá á hora de afrontar a crise son as famosas estatísticas. Cada semana nos chega un dato peor co do mes ou o ano anterior e como os medios de comunicación son quen de vestilos, dá a impresión de que son eles os que os provocan. Pois nada diso, porque tamén moitos xornalistas estanse vendo afectados polos problemas que pasan as súas empresas. O que ocorre é que teñen a mala costume de ir contando a verdade e din que en determinadas enfermidades ás veces e mellor agochar a crúa realidade.

Fronte a este pesimismo xeneralizado podemos loitar con algunhas doses de humor e como nas épocas de crise é cando máis se lle fai andar á testa  nalgúns países como Estados Unidos xa lle buscaron o xeito de sacarlle partido ás desgrazas. Un ‘reality show’ da cadea Fox vai televisar en directo despedimentos en empresas, nos que os propios empregados decidirán en base ao soldo e rendemento quén ten que irse para reducir custes. Claro que o programa ten trampa: nunca poderán botar ao xefe. Lerias aparte, o único certo é que logo de que os ianquis provocasen esta crise, ata que eles non a superen, tanto económica como psicolóxicamente, a nós tócanos estar a velas vir.

Comunicar

Mércores, 8 de Abril, 2009

Unha boa comunicación na xestión dunha crise é fundamental para tentar a lo menos salvar os mobles. Iso debe ser o que lle aconsellaron os dirixentes socialistas a Rodríguez Zapatero sobre os axustes que ía ter que facer no Goberno logo dun ano de mandato no que se cumpriu a lei de Murphy (se a situación pode ir mal, irá peor). A remodelación fíxose onte oficial e dela  pódese esperar, se cadra como primeira medida, un despregue comunicativo dos novos ministros para venderlle á opinión pública as súas decisións e contrarrestar as críticas de inactividade por parte dos populares, unha tarefa para a que Zapatero mesmo incorporou a unha cineasta. Ademais, rodearse do aparato do partido vaille servir para trasladar á militancia todas as decisións importantes e axustes severos que haberá que activar para frear a galopante destrución de emprego e que seguramente toparán coa oposición dos sindicatos. No lado das persoas, resulta especialmente interesante para unha provincia como esta que José Blanco se convirta en ministro de Fomento. O seu ministerio ten en marcha proxectos en Lugo que precisan dun impulso económico e só desde o coñecemento do atraso que padece Lugo se pode traballar por sacalos adiante. Agardamos que non todo se quede en comunicar ben.

Afogados en leite

Luns, 6 de Abril, 2009

O sector lácteo galego leva décadas en crise. Antes de termos un sector como tal xa estaba en crise e agora que mesmo se doen da recesión ata os cepillos das igrexas os gandeiros volven tomar as rúas, encadéanse diante das empresas e ameazan con sacar os tractores ás estradas como xa fixeran hai dúas décadas.
Seica Europa, ese ente que vixía ata o sabor de todo o que comemos, é o culpable dos males do agro galego, aínda que grazas a ter copiado en Galicia o modelo dos franceses moitos labregos atoparon como facer rendible un xeito de vida que en séculos non sacou da pobreza aos seus devanceiros. Agora son eses mesmos gandeiros galos os que semellan estar afogando xa non só ás explotacións galegas, senón tamén ás empresas. Os sindicatos agrarios din que están a facer ‘dumping’, é dicir, vender por baixo do prezo de mercado, unha práctica que vén sendo usada desde que o capitalismo é ciencia económica para eliminar ao competidor e facerse coa súa cota de mercado, para logo subir os prezos e compensar o perdido. Nesta tarefa contan coa axuda das grandes superficies, a maioría tamén de capital francés, que usan o leite envasado en marcas brancas como reclamo para atraer clientes.
O caso é que desde esta semana unha empresa con fábrica en Lugo, Leche Pascual, deixou de recollérllelo leite a varios centos de gandeiros e os sindicatos din que o próximo vai ser o peche da factoría. Esta marca, que basea a súa estratexia comercial na calidade, está sendo unha das máis afectadas polo auxe desas marcas brancas, que xa representan máis da metade da leite envasada en España. Este dato vén nun estudo que se acaba de publicar e que desmonta en parte a teoría de que a importación masiva de leite francesa é a principal causa da crise do sector en Galicia. Fálase de que o consumo baixou en España a pesar de aumentar a poboación, de que a atomización das explotacións é aínda excesiva e provoca custes engadidos na loxística de recollida ou que o valor da materia prima representa o 40% do prezo final, o que deixa unha marxe de beneficio moi pequena para a rede de distribución.
As solucións, coma sempre, falan de reestruturacións que implican o peche de granxas ou a concentración en grandes explotacións, así como o apoio a aquelas empresas que apostan por darlle un valor engadido ao que se esperaba ía ser o ouro branco de Galicia, como por exemplo as queixerías. Hoxe celébrase en Vilalba a feira do queixo de San Simón da Costa, un produto singular que con algo de pulo podería gañar fama en Europa e dar unha alternativa a todo ese leite que agora podrece nos tanques. Iso ou volver a lamentarnos da mala sorte que ten Galicia.

Xudicializar

Xoves, 2 de Abril, 2009

Xudicializar a política a expresión coa que desde a Transición se define en España a costume de levar ante o xuíz ao rival cando o debate público xa non é efectivo. Trasladar as diferenzas ante un tribunal non é caro, pois o custe soe recaer maiormente no Estado. Claro que ás veces no intento por meterlle o medo no corpo ao contrario pode saír o tiro saído pola culata, sobre todo cando se desestima de xeito categórico a petición.

Iso semella que lle acaba de pasar ao goberno local de Lugo no intento de converter en espía ao concelleiro do PP Enrique Rozas, quen desde que foi elexido no cargo se ocupa de sacar a relucir o trapos sucios da xestión da Policía Local. O popular foi denunciado diante a Fiscalía de Lugo polo actual director xeral do corpo e logo da desestimación o seu grupo municipal está a pedir a cabeza do directivo policial e o relevo do seu xefe inmediato, o edil José Rábade. O problema é que o intento de levar diante dos tribunais ao rival é recíproco e anos antes tiña sido o popular Jaime Castiñeira quen apostaba porque o propio rexedor declarase polo caso do vertedoiro de terras de San Cibrao, algo que non chegou a ver. Daquela o mesmo que agora, os denunciados sempre contraatacan dicindo que se quere xudicializar a vida política, pero o certo é que se sae ben paga a pena, pois a foto dun político á porta dun xulgado vale case tanto como a de Quintana no iate dun construtor. Ben, case tanto.