Archivo de Febreiro, 2009

Recta final

Martes, 24 de Febreiro, 2009

O Domingo de Entroido é o último día da campaña das eleccións autonómicas no que se poden publicar enquisas electorais e malia que soe a perogrullada o certo é que a elevada tasa de desmobilización e indecisión do electorado pode condicionar un resultado que hai uns meses parecía cantado. A baza de PSOE e BNG pasa por manter posicións e advertir aos seus fieis de que o PP pode dar a sorpresa se a abstención é elevada. Un domingo de bo tempo pode mudar moito o resultado final e iso sábeno ben tanto as esquerdas como as dereitas. A lóxica di que o votante cabreado coa situación non vai deixar de ir ao seu colexio, mentres que o indiferente só vai facelo se ve que a cousa se anima, e nas actuais condicións económicas e tendo en conta que a campaña está sendo bastante plana, dá a impresión de que os máis favorecidos poden ser aqueles contan con dar a badalada.

O nerviosismo xa se palpa entre os contendentes e a chegada dos chamados políticos paracaidistas vai ser unha constante durante a vindeira semana, nun intento de apoiar a uns candidatos máis ben grises, que nin siquiera son capaces de poñerse dacordo para debatir. E se cadra por iso a principal baza que lles queda aos partidos é a de tentar mobilizar aos seus militantes e simpatizantes para que o boca a boca funcione e tamén a de que os seus candidatos sexan capaces de resultar cribles na rúa. O alcalde de Lugo, José López Orozco, durante a campaña electoral na que optou por primeira vez á alcaldía, foi quen de reinventar o porta a porta, presentándose nos fogares lugueses como o seu candidato. E con ese método e tamén con moita paciencia foi capaz de darlle a volta ás enquisas e iniciar un mandato que lle dura xa case dez anos. Desde aquela o seu partido optou por repetir a experiencia, aínda que o feito de que moitos dos candidatos sexan cargos públicos en exercicio rebaixou bastante a intensidade deste tipo de campañas. Claro que cando está en xogo repetir o cargo durante catro anos ou facer a maleta, o que toca é deixar aparcado o coche oficial e tentar mobilizar ao electorado.

“O día das eleccións hai que sacar ao grilo do burato”, acostumaba a dicir ata hai pouco un político lucense nos mítines, facendo unha comparación que mesmo podería incitar ao carreteo de votos. Claro que no fondo a mensaxe buscaba facerlle entender aos seareiros que para gañar o partido necesítase da súa implicación, para que fagan de axentes electorais no seu entorno. Pode que esa acabe sendo a clave dun resultado electoral que hai uns meses se daba por feito, pero que agora mesmo ningunha enquisa pode asegurar.

Debates

Mércores, 18 de Febreiro, 2009

A democracia non existiría sen o debate e iso sábeno ben por exemplo os estadounidenses, que se de algo poden presumir é de levar máis de dous séculos elixindo nas urnas aos seus presidentes.  Son eles ademais os que maior importancia lle outorgan aos debates televisados entre os candidatos e mesmo existe unha fundación privada que se encarga de organizalos logo de que as partes firmen un protocolo de máis de trinta folios no que se regula dende a quenda de intervencións ata a posición dos convidados no plató.

Os políticos en Europa e en España aínda están pouco afeitos a debater e cando se lles propón saír á palestra televisiva en horario de ‘prime-time’ comezan a poñer peros. En Galicia, por exemplo, non hai debates entre os candidatos a Xunta desde o ano 1993, cando Manuel Fraga e Antolín Sánchez Presedo protagonizaran un cara a cara, e semella que desta vez tampouco vai haber, porque desde o PP piden que haxa tamén debates a dúas bandas, para evitar un dous contra un. E se cadra o seu argumento teña certa lóxica, pois non hai máis que ver os debates a tres entre candidatos provinciais para decatarse de que os do PSOE e do BNG nin se rozan coas chaquetas.

Pode que aínda estea por escribir o protocolo definitivo para organizar debates á Presidencia da Xunta e ata que se redacte a liorta seguirase repetindo elección tras elección. Eso si, a nosa tradición democrática tamén é curta.

Desesperados

Luns, 16 de Febreiro, 2009

Certificado xa polo INE que España está en recesión logo de quince anos, moitos traballadores e tamén os empresarios comezan a estar desesperados. Algúns ata non dubidan en subirse a un guindastre de obra para reclamar que lle paguen o que lle adebedan, como así fixo na Coruña un patrón portugués que rexenta unha pequena firma de construción en Lugo á que outra empresa non lle da pagado os 30.000 euros acordados pola execución dunhas obras. Ao igual que Mario Fernández, que é como se chama este arroutado emprendedor, moitos compañeiros do sector estanse a ver coa auga polo pescozo e sen perspectivas de que esto mude, pois a fin da crise do ladrillo semella que vai aínda para longo.

Claro que esta semana veu por Lugo a ministra de Administracións Públicas, Elena Salgado, para informar da marcha do plan para incentivar o sector da construción mediante a execución de obras nos concellos. Di que é un exemplo de programa que vai ser imitado mesmo polos alemáns, que sen embargo non están a ter tantos problemas co emprego coma España. Espérase que esta choiva de millóns sexa un bálsamo para moitas empresas que xa reduciran en gran medida as súas plantillas e que estaban en perigo de bancarrota. O que ocorre é que na maioría dos casos os problemas destas firmas veñen precisamente polos impagos e o feito de que sexa precisamente a Administración a maior morosa nestes intres xera a dúbida sobre se vai chegar a tempo este plan e mesmo se serán capaces as adxudicatarias de afrontar obras sen ver antes os cartos.

Porque ao final e segundo os expertos, esta é unha crise financeira, na que unha mala xestión bancaria fixo tremer a un sistema capitalista que agora está afogando a todo o tecido produtivo que o sostiña. Xa non se fía, como poñían antes os carteis nas tabernas, e por iso o gran atranco está ás portas das entidades prestamistas. E se non hai liquidez a cadea de impagos faise máis longa e deixa atrapados tanto a pequenas como grandes empresas.

Os gobernos, seguramente porque están metidos en campaña, albiscan esperanzas de que a situación mellore a partir da segunda metade do ano, pero arestora o pesimismo na rúa está a ser unha constante e a palabra recorte é a máis usada nos foros empresariais, onde xa se empeza a pedir unha flexibilización do despedimento.

Non creo que a desesperación dos patróns que protestan empoleirados en guindastres ou que tentan queimarse ao bonzo lles serva de moito e esperemos que o exemplo non cunda. Eso si, os políticos deberían comezar a preocuparse de verdade de que esto pinta pero que moi mal.

Piropos

Xoves, 12 de Febreiro, 2009

Un centro comercial lugués está a organizar entre os seus clientes a segunda edición dun concurso de piropos que ao parecer tivo moita aceptación o pasado ano. O certame coincide coa celebración esta semana do día de San Valentín, malia que é sabido que para loubar os atributos dalgunha moza ou mozo non fai falta estar namorado. Porque é o inxenio é tamén o bo humor o que se tenta premiar con esta iniciativa, que quizá habería que facela tamén extensiva aos políticos en campaña, que axudados por asesores-guionistas cada vez utilizan máis a retranca para gañarse ao cidadán. É certo que o nivel de comentarios velenosos baixou moito desde a retirada de Alfonso Guerra, auténtico gurú do socialismo de estacazo, pero os últimos acontecementos a conta da trama de corrupción en concellos gobernados polo PP ou do gasto en reformas do executivo da Xunta están fomentando o cruce de saúdos nada agarimosos, que inclúen ata o desenterramento dos  casos GAL e Filesa.
A lama sempre foi o medio no que mellor se defenderon moitos políticos, pero eso non quita que dentro do pozo haxa que desbotar a imaxinación. Eu propoño logo un concurso. A ver quen lle manda o recado máis traballado ao rival político antes do 1-M. De momento gaña puntos unha perla de Quintana: “O PP é renovador. Cambia un candidato en 21 días”.

Entroido electoral

Luns, 9 de Febreiro, 2009

Quixo ‘O presidente’ Touriño que a cita coas urnas nas eleccións autonómicas coincidise co Domingo de Piñata, a última cita do Entroido que toma o nome do popular xogo que, como no caso dos políticos, do que se trata é de ver o que se pilla. Os tres grandes partidos están a botar o resto neste último tramo de precampaña que rematará no Xoves de Compadres. Despois da tradicional pegada de carteis, as labazadas van ser máis sonoras, posto que as enquisas seguen a amosar que as cousas non están nada claras para o bipartito, que ten que dar a cara xusto no momento en que a crise económica está a castigar máis a familias e empresas.

Os populares están aproveitando ademais tanto os problemas de financiación das pemes como o aumento do paro para desacreditar aos actuais inquilinos de San Caetano, aínda que o que trascende fóra de Galicia son as acusacións de Alberto Núñez Feijoo de que o actual goberno está a malgastar os orzamentos en sillas decorativas ou coches oficiais de fabricación alemana. A mensaxe chega nun momento sensible para a cidadanía, que está a pasalas canutas para chegar a fin de mes, aínda que os socialistas están a responder que en cuestión de despilfarro o Goberno de Fraga levábase a palma, aludindo aos millóns enterrados na Cidade da Cultura, na promoción do Xacobeo ou mesmo na sede presidencial de Monte Pío. O disfraz que se impón nesta tesitura é o de frade franciscano e o voto de pobreza, malia que uns e outros teñan asegurado un bo soldo ben nas cadeiras do goberno como nos escanos da oposición.

Pero o que promete ser o auténtico baile de Entroido é o debate que van protagonizar a tres bandas os candidatos á Xunta. Á espera de que o aspirante popular confirme a súa participación no encontro que televisará a Galega o vindeiro día 20, experiencias pasadas dinnos que cada un asumirá o papel que estiveron a protagonizar durante toda a lexislatura. Emilio Pérez Touriño, o de presidente único da Xunta, malia que durante estes anos dous gobernos funcionasen de xeito paralelo e só despachasen cada xoves en San Caetano coma un xeito de cumprir o protocolo. Anxo Quintana fará de gobernante sen ataduras de Madrid, aínda que mesmo como líder do BNG teña que pedir permiso á UPG ata para mover as cadeiras do despacho. E pola súa banda, Feijoo tentará parecer o rapaz bó da película, capaz de salvar a Galicia da situación de crise, claro que a sorte semella que non está ao seu carón e a decisión de retirar ao cabeza de lista por Ourense polos seus problemas co fisco vén a certificar o seu mal fario. Son as cousas desta mascarada que semellan ser as campañas electorais, pero como se di no Entroido o que prima é a diversión; xa virán os rigores da Cuaresma.

Espías

Xoves, 5 de Febreiro, 2009

Teño que recoñecer que cada vez que escoito unha exclusiva política saída dalgún medio de comunicación de Madrid apenas lle fago caso, porque ben sei que a liorta que se traen entres eles pouco ten que ver coa actualidade e moito coas loitas de poder e as envexas. Por iso cando oín falar por primeira vez da trama de espionaxe que ao parecer había na Comunidade de Madrid botei a rir e pensei que os medios do grupo Prisa estaban a abrir unha fronte simpática para romper a monotonía informativa da crise económica. Claro que logo de ver o rebumbio que se montou, a reacción dos dirixentes populares e ata a intervención da Fiscalía hai que pensar que desta vez a película que se nos conta non se engloba tanto no xénero de ficción pese a ser presentada como comedia de espionaxe ao estilo ‘Mortadelo e Filemón’.

O problema é que logo de ver como se as gastan os dirixentes políticos do Foro, aos de provincias pódeselles ocorrer imitalos e agora que en Galicia estamos en precampaña electoral mesmo poderían saír a relucir dossieres comprometidos para algúns candidatos. Aínda que lle daría atractivo á carreira cara as urnas, coido que nos imos quedar coas gañas os xornalistas galegos. O político local xa sabe que o maior enemigo está na casa e por iso anda sempre coa mosca tras da orella.

O voto lonxano

Luns, 2 de Febreiro, 2009

Acaba de aclaralo a Xunta Electoral Central. Levar o DNI ou algún tipo de identificación para votar desde a emigración non é ningunha “carga desproporcionada”. A polémica xurdiu logo dun recurso do PSOE no que pedía retirar este requisito, porque non se contempla na Ley Electoral e porque podería introducir máis confusión entre os residentes ausentes que quixeran votar. Os argumentos, que desde PP e BNG se consideran peregrinos, foron desmontados coa decisión da XEC, aínda que o feito de que moitos dos chamados a votar no exterior sexan fillos ou netos de emigrantes e non teñan os papeis ao día seguramente vainos botar atrás á hora de participar nas eleccións do 1-M.

Pero o certo é que a obriga de identificarse diante da Administración para calquera trámite nunca debería considerarse como unha carga e menos para garantir que un proceso electoral sexa limpo. O que ocorre é que o voto emigrante sempre serviu de arma arroxadiza para os partidos políticos e os máis apoiados sempre fixeron por manter o ’status quo’ ata que se viron superados polo rival. No actual contexto, cun PSOE asentado no poder no Goberno central e superando en votos a PP e BNG na emigración, é lóxico que pida que non se maree a perdiz e que aqueles que puideron votar sen ningún atranco hai catro anos o poidan volver facer, malia o risco de que alguén chegue a votar mesmo por un morto.

O caso é que se estiveramos a falar dun cento de sufraxios seguro que non se ían poñer tantas obxeccións, pero o problema é que o censo de residentes galegos no exterior con dereito a voto é similar ao electorado das provincia de Lugo ou Ourense. Son 334.000 cidadáns os chamados a votar e a súa capacidade de decisión é tal que arestora mesmo pode supoñer que o vindeiro Goberno galego sexa dunha cor ou doutra. As últimas enquisas falan de que o bipartito vai conseguir restarlle dous escanos ao PP, sen embargo, as porcentaxes aínda danlle esperanzas aos populares, que agora ven no voto emigrante unha ameaza de cara a tentar voltar a gobernar Galicia. Por esta razón e hai que pensar tamén que para garantir a limpeza do proceso, pediron que xa que aínda non posible que o voto no exterior se faga en urna, a lo menos se adxunte coa papeleta algún tipo de identificación, ben a fotocopia do DNI ou do pasaporte.

Seica na Arxentina, onde está a maior colonia galega no exterior, hai bastante cabreo coa decisión da Xunta Electoral e se cadra por iso ao alcalde de Lugo, de xira esta semana pola quinta provincia galega, se lles escapou unha recomendación algo polémica. Animou a ir votar aínda con documentos caducados. Claro que o problema destas invitacións é que se corre o risco de que a papeleta dun acabe no lixo e xa se sabe que un voto ata pode chegar a decidir un presidente.