Archivo de Xaneiro, 2009

Temos PXOM

Domingo, 25 de Xaneiro, 2009

Explíqueno como queiran, critiquen se queren ao contrario e cólguense as medallas que queiran, pero o importante é que logo de anos de espera, de estudos mal encamiñados, exposicións públicas polémicas e miles alegacións presentadas os lugueses van ter Plan Xeral de Ordenamento Municipal.

Finalmente e vista a evolución de acontementos, foron Partido Popular e o PSOE os que sacaron adiante o documento, malia que os primeiros advirten que o fan por responsabilidade e logo das modificacións introducidas a proposta do seu grupo. Pola súa contra, os nacionalistas mantiveron a súa oposición ao PXOM tal e como se plantexa agora, posto que consideran que aínda ten graves erros e que só contenta a uns poucos. Esa sería a explicación oficial, aínda que resulta paradóxico que dous partidos que son capaces de formar durante máis de tres anos un goberno na Xunta e mesmo abrir as portas a un novo mandato conxunto despois do 1 de marzo, non sexan capaces de consensuar nunha cidade un plan de urbanismo.

O caso é que agora o documento vai seguir a súa tramitación ata que se aprobe definitivamente, pero que non se estrane ninguén se a Xunta ou os xulgados acaban por paralizar de novo o PXOM, algo ao que por outra banda xa estamos acostumados en Lugo. Será mala sorte ou será mala xestión, eso téñeno que xulgar os cidadáns, pero agora o certo é que hai que felicitarse alo menos polo entendemento ao que chegaron os dous principais partidos políticos da cidade. Porque nun contexto de crise económica, cuns orzamentos municipais dependendo en grande medida da evolución dun sector inmobiliario que agora agoniza, é sen dúbida unha boa noticia que o planeamento da cidade para os vindeiros dez ou vinte anos quede pechado.

As estatísticas alertábannos esta semana de que na vindeira década a poboación da provincia de Lugo vaise vez reducida en a lo menos un seis por cento. Cada ano rebaixará o seu censo nunhas 2.000 persoas e ademais será a que menos estranxeiros vai recibir. Aínda así, as previsións apuntan a que a capital vai seguir sumando habitantes e mesmo chegará superar os cen mil, afianzándose como a cuarta cidade máis poboada de Galicia. Por esta razón, para evitar que o crecemento fose tan irregular como deparou o actuar PXOU, é pola que se facía necesario non retrasar máis este plan que se comezou a xestar hai xa dez anos. Agora só hai que esperar a que non se torzan as cousas e a que se houbese que facer algún retoque de última hora se actúe con axilidade e sen ruído, porque a matraca do PXOM xa resoa nas testas da maioría de lugueses.

Bush

Xoves, 22 de Xaneiro, 2009

Tanta paz leves como paz deixas. Así despedía cando abandoou o cargo o mítico José María García a quen foi branco das súas críticas durante anos, o ex presidente da federación de fútbol Pablo Porta. Pero aquelas eran guerras incruentas, ben distintas das protagonizadas por quen onte deixou de ser o home máis poderoso do planeta, George W. Bush.
Din as enquisas que a súa presidencia será recordada como a máis nefasta, non só por ter iniciado dúas grandes guerras en Afganistán e Irak, animado por un país desconcertado logo dos atentados do 11-S, senón por rematar o seu mandato coa maior crise económica dende o crack do 29. Na súa política letal de policía do mundo mesmo chegou a mudar o talante de gobernantes como Blair ou Aznar e contaxialos desa febre belicista que tantas mortes e pouca paz teñen causado.
Agora os estadounidenses e gran parte do resto do mundo teñen postas as esperanzas no novo presidente, Barak Obama, a personificación dese soño americano que di ter unha oportunidade para calquera.
Non sei canto tardaremos en esquecernos de Bush, só sabemos que a mellor frase que o define é aquela que dixera outro ex presidente, Abraham Lincoln: “Podes enganar a algúns todo o tempo, pero o que non podes é enganar a todo o mundo todo o tempo”.

A aposta popular

Domingo, 18 de Xaneiro, 2009

Finalmente unha muller popular voltará a encabezar a candidatura por Lugo para unhas eleccións autonómicas, aínda que o PP preferiu tirar de fondo de armario en lugar de buscar moda ‘pret-a-portet’. A alcaldesa de Sober Raquel Arias será a cabeza de cartel fronte a socialistas e nacionalistas, que manteñen dous carismáticos conselleiros que durante este mandato apenas tiveron problemas posto que os seus departamentos teñen suficiente efectivo para contentar a todos os sectores. Claro que os votos non se gañan nos despachos e é na rúa ou mesmo nas corredoiras desta quilométrica provincia onde haberá que ir sumando apoios, e nese contexto é se cadra onde os populares están aínda dous pasos por diante dos seus rivais.
Xornalista de formación, pero case unha profesional da política polos anos que leva embarcada na nave popular, Arias xa acumula algo de experiencia parlamentaria, logo da súa elección como deputada no Congreso nas últimas eleccións xerais. Agora o seu protagonismo será maior, ben nun futuro Goberno encabezado por Alberto Núñez Feijoo ben na oposición a un novo bipartito. De momento, o seu obxectivo será manter os oito escanos por Lugo acadados no ano 2005 e rachar así coa vaga de resultados negativos que os populares lugueses acumulan desde a saída de Francisco Cacharro da presidencia do partido.
No resto de provincias galegas, o PPdeG tamén quixo sorprender cunha lista renovada polas cabeceiras, sendo a fichaxe do chairego Luis Carrera Pásaro a máis chamativa. O que fora último director xeral de Caixa Ourense antes da fusión coas caixas de Vigo e Pontevedra é a baza que presenta Núñez Feijoo para aportar ideas fronte a unha crise que o propio ministro Pedro Solbes admite que vai a afondar aínda máis durante este ano.  Hai quen o compara coa incorporación de Manuel Pizarro á lista de Mariano Rajoy e pola relevancia do personaxe poida que en caso de fracaso do proxecto popular acabe marchando para a casa en lugar de aguantar catro anos na oposición. Aínda así, de momento é un dos valores á alza na política galega e por iso o presidente de PPdeG pode presumir de ter fichado un ‘crack’ para o seu plantel.
En canto ó coruñés Carlos Negreira, a aposta dos populares basease no seu tirón na cidade herculina. Elexido o pasado ano como presidente do partido na provincia, en substitución do ex alcalde ferrolán Juan Juncal, semella ter o apoio casi unánime do seus compañeiros logo de etapas convulsas no partido coruñés. Eso si, neste tipo de eleccións os que importan son candidatos a presidir a Xunta, así que Núñez Feijoo, por moi ben que se acompañe, será o que teña que dar o do de peito o vindeiro 1-M.

A pelexa

Sábado, 10 de Xaneiro, 2009

Emilio Pérez Touriño prorrogou o luns de xeito indefinido as vacacións de Nadal dos deputados galegos logo de firmar o decreto de disolución do Parlamento. A maquinaria electoral dos partidos estaba en marcha desde hai meses e só quedaba anunciar a data dos comicios e mandar aos parlamentarios para casa á espera de que os seus respectivos partidos se decidan renovarlles o contrato catro anos máis. O presidente da Xunta elexiu finalmente o 1 de marzo como a data e onte disolveu o Parlamento, un xesto que copiou literalmente o lehendakari vasco, aínda que sen darlle tanta emoción ó desenvolvemento do proceso.

Galegos e vascos decidirán o futuro do seu país o primeiro domingo de marzo e a principal incógnita que se plantexa é saber se os actuais presidentes serán reelexidos. No caso de Juan José Ibarretxe, as enquisas din que o PSE vai ser o partido máis votado, aínda que o sistema electoral vasco, que prima o reparto provincial sobre o peso demográfico, seguramente axudará aos nacionalistas a repetir mandato, aínda que con menos marxe.

En Galicia a aposta vai ser a mesma que a de hai catro anos: bipartito ou PP. Calquera outra combinación carece de sentido político e ideolóxico e por iso neste pouco máis de mes e medio ata a cita electoral os tiros vanse cruzar entre estas dúas posicións. Algo de fogo amigo tamén vai haber, pero sen vítimas.

Mensaxes de Nadal

Martes, 6 de Xaneiro, 2009

Será pola falta de costume ou polos malos recordos que as mensaxes institucionais ou ben xeneran intranquilidade ou as máis das veces desinterese. Sen embargo, este Nadal a polémica rodeu a tradicional mensaxe de Noiteboa do rei Juan Carlos, malia que PSOE e PP unisen forzas para apoialo, logo de que IU e os nacionalistas vascos e cataláns criticasen a falta de alusións a cuestións como o financiamento autonómico ou que falase de crise sen mencionar o gasto que supón cada ano a Casa Real.
O caso é que a intervención navideña do xefe do Estado non pasaría de ser un brindis nunha noite en familia se non fose porque é o seu único discurso televisado do ano e no que debería facer balance sobre a situación do país. Por iso cando se olvida de citar cuestións candentes, como xa fixera no ano 2003 cando evitou referirse á guerra de Irak nun momento no que gran parte da poboación española estaba en contra da participación española, as críticas desde aquelas forzas políticas que non comulgan coa Coroa fanse notar máis. Neste último discurso sen embargo si que tocou o Rei o problema que máis está a preocupar aos seus súbditos, a crise. Animou a todos a tirar do carro, aínda que a receita ten máis de animosa que de efectiva.
Pero por se fora pouco un discurso institucional cada Nadal, os presidentes autonómicos apuntáronse dende hai anos á moda de ofrecer mensaxes de Fin de Ano. Televisadas polas canles públicas de cada comunidade, nelas, como foi no caso da última ofrecida polo socialista Emilio Pérez Touriño, aproveitan para facer balance e, se é o caso, presentar a súa tarxeta para a reelección nos comicios autonómicos, que en Galicia serán xa o vindeiro 1 de marzo.
Touriño, que o pasado verán fixo oídos xordos ás recomendacións do seu partido para que adiantase as eleccións e non coincidisen coa fase máis aguda da crise, tivo que centrar o seu discurso na situación económica crítica que se está a vivir e que aínda non ten visos de que amaine. Foi case como un auto de fe co que admitir que o 2009 non vai ser tan próspero como nos desexamos, aínda que tamén hai que dicir que a valentía en política ás veces ten recompensa.
E como estamos xa en precampaña, o líder da oposición en Galicia e aspirante a presidente da Xunta tamén lles regalou aos galegos unha mensaxe de Nadal e nun escenario bucólico. Núñez Feijoo, como se esperaba, describiu un panorama negro e presentouse como á alternativa para mudar a cor.
Vista esta afección polos discursos navideños e as baixas audiencias televisivas que xeneran, os asesores deberían de ir pensando en mudar o formato e mesmo apostar por internet, o medio onde as mensaxes hai que saber vendelas se queremos que sexan recibidas.

A gastar

Xoves, 1 de Xaneiro, 2009

Vaise un ano de excesos e chega outro de contención, aínda que as administracións públicas da a sensación de que teñen un dobre fondo no peto, tendo en conta que os orzamentos están a medrar, sobre todo no capítulo de investimentos.
A solución para tentar frear a crise en sectores estratéxicos como a construcción chegou dende o Goberno de Zapatero, cun Fondo Estatal de Inversión Local presentado como se fose unha carta escrita polos alcaldes aos Reis Magos. A ver, en que queredes gastar estos cartiños que vos tocan? Eu quero unha praza nova, eu un camión contraincendios, pois eu amañar o polideportivo. Feito. E por se algún se sentise aínda discriminado polo criterio poboacional de adxudicación, pois aquí están as deputacións para facer de Papá Noel e engadir máis galanos.
E o resto de sectores afectados? Non se preocupen, que se xa tiveron o seu belisco os da banca, aos da automoción só lles queda rosmar algo máis e de seguro que terán o seu cheque.
Pero plans de reactivación e renove á marxe, o que recomendan os expertos é que, os que poden, é dicir os que aínda teñen traballo, deben consumir sen atrancos, que esa é a base do capitalismo. Pois vale, o que ocorre é que antes dixéronnos que a crise
chegou porque estabamos a vivir por enriba das nosas posibilidades. Así que mentres se aclaran e en tanto non se esgote a caixa pública o mellor é desfrutar e que nos quiten o ‘bailao’.