Zapatazos
Mércores, 24 de Decembro, 2008Propón un compañeiro que os xornalistas fagamos algún tipo de acto reivindicativo para pedir a liberdade de Muntazer al Zaidi, o reporteiro iraquí que foi quen de lanzarlle os dous zapatos a George Bush durante unha rolda de prensa en Bagdad. A verdade é que á marxe de pedir que se garantice un xuízo xusto por intento de agresión, tampouco vexo por que os profesionais se teñen que mollar cando un colega comete un delito que nada ten que ver co seu traballo.
Claro que logo de ver que outro xornalista ucraniano lle mandou unha bota á cara a un representante da OTAN durante unha conferencia hai que pensarse mellor que facer e incluso non desbotar a posibilidade de substituir no emblema dos periodistas a pluma por un zapato castelán.
O caso é que os xornalistas semella que están pasando de ser vítimas a agresores, cando non é así. Segundo Reporteiros Sen Fronteiras durante o ano 2007 foron asasinados en todo o mundo 86 reporteiros, máis da metade en Irak. Incluso arestora un fotógrafo galego permanece secuestrado en Somalia, mentres se negocia a súa liberación.
Eso si, se algún compañeiro cre que o protagonista de turno merece algo máis que palabras, alá el. Pero mellor que non se convirta en costume, senón teremos que descalzarnos nas roldas de prensa.