Traizóns en política
Domingo, 30 de Novembro, 2008O ex alcalde de Sarria Arturo Corral dixo hai días nunha entrevista neste xornal que en política perdóase todo, aínda que traizóns como a que el sofriu non. Pois eu diría que esa tamén, porque o perdón en política arránxase cun trato, que inclúe desde logo un bo cargo. O problema do PP é que agora mesmo ten poucas cadeiras que ofrecer e se cadra por eso a nómina de supostos traizoados entre os populares é máis grande ca de outros partidos.
Porque se repasamos algúns dos episodios de deslealdades máis destacados en Galicia temos que referirnos ó protagonizado polo que fora vicepresidente da Xunta José Luis Barreiro Rivas. O notorio enfrontamento co presidente Gerardo Fernández Albor acabou en outubro de 1986 co abandono de Barreiro dos cargos na Xunta e no partido. Ó ano seguinte, Barreiro creaba Coalición Galega xunto a outros catro ex deputados populares. O seu apoio a moción de censura presentada meses despois polo PSOE facilitaba a caída de Albor, que sería relevado polo socialista González Laxe, e a volta de Barreiro á vicepresidencia. A súa sería logo unha traizón vingada polos populares da man de Manuel Fraga.
En Lugo, ademais da suposta traizón sufrida por Corral a mans de Fernando Carlos Rodríguez e seguramente tamén de Francisco Cacharro, antes houbo outras nas que este último foi protagonista. A máis destacada foi a sufrida polo ex diputado Enrique Álvarez Paredes, que pasou de ser delfín do ex presidente do PP de Lugo a acabar estoxado mesmo polos compañeiros de partido. Claro que se di que Cacharro tamén sufriu deslealdades por parte de José Luis Iravedra e José Manuel Barreiro, aínda que ningunha das partes o chegou a admitir.
Pero se as liortas entre os populares foron as máis sonadas logo de ter gobernado durante tantos anos na Xunta e na Deputación de Lugo, os nacionalistas tamén viviron algún episodio de enfrontamento interno, sobre todo polo feito de que o Bloque non deixa de ser unha suma de partidos cos seus respectivos líderes e as súas peculiaridades. Logo de anos nos que Beiras levou a batuta sen cuestionamento, coa chegada de Anxo Quintana semellaba que podía haber fendas no BNG, pero o feito de poder repartir cargos a tutiplén seguro que foi o mellor airbag para evitar o choque. E o mesmo se pode dicir no caso dos socialistas galegos, nos que se di que hai xa tantas familias que é difícil saber quen é de quen. A ovella máis descarriada está feliz no seu retiro romano e entre o resto de momento non evidencias de traizóns, quizás porque aínda hai cadeiras para todos. O malo é cando comecen a escasear. Entón si que haberá caso, como di Zapatero.