Leite tirado
Martes, 23 de Setembro, 2008O sector lácteo galego comezou o outono quente facendo ruído. Sumouse á guerra de prezos que está a liderar a industria cunha acción tan chamativa como inxusta nun mundo que deixa morrer nenos de fame. Os sindicatos verteron nunha cuneta os 25.000 litros de leite que transportaba un camión cisterna portugués. Pura demagoxia, dirán os gandeiros, xa que o único que defenden e precisamente o pan dos seus fillos, aínda que malia que ese leite nunca vai chegar ó África máis miserento, a min ensináronme a non apedrar nunca nin os corozos de pan.
O caso é que o tira e afrouxa entre industrias e produtores lácteos vai máis aló de andar abrindo as billas das cisternas. Ten que ver cun mercado que en teoría está protexido por Bruxelas, cun sistema de cotas que cada vez ten menos sentido nunha economía liberalizada e que precisamente por esa incapacidade de controlalo xenera situacións de sobreprodución que acaban aproveitando as empresas transformadoras. O ‘dumping’, que consiste en baixar os prezos a forza de mercar o leite máis barato noutros países, é xa que logo unha consecuencia dun modelo que semella ter os días contados, polo que ós afectados máis lles vale comezar a organizarse ou directamente reciclarse, porque a forza de envorcar cubas o único que van conseguir é que o cidadán so se fixe no dano inútil que supón estragar alimentos.