Antenas pirata
Domingo, 24 de Agosto, 2008Merda, non hai cobertura! Seguro que todos os usuarios de móbiles botamos berros máis dunha vez contra a compañía de turno por non darnos un servizo a pesares do moito que aínda cobran polas chamadas. Con razón as empresas din que os problemas débense á falta de antenas e aos problemas cos que se están atopando para instalar novas. O que non din se cadra é que ata hai pouco podían facer e desfacer sen ningún tipo de control por parte dos concellos polo que chegou un momento en que as administracións tiveron que actuar ante as críticas veciñais polos supostos perxuízos que este tipo de instalacións poden provocar nos humanos.
Os novos operadores son os máis afectados, posto que os primeiros xa tiñan consolidada a súa rede, pero aínda así nas cidades estase a practicar unha táctica de todo vale e no caso de Lugo as compañías teñen ata sete antenas ilegais amparándose na falta dun regulamento específico que non chegará ata a aprobación do novo plan de urbanismo.
Así a práctica habitual destas empresas é convencer a unha comunidade de veciños para deixarlles poñer un poste de teléfonos no tellado a cambio de pagarlles unha cantidade que ronda os 12.000 euros no caso de que finalmente sexa autorizada. Logo proceden a colocala e poñela en funcionamento ao tempo que piden licencia no Concello. Despois dun periodo de alegacións, nos que o resto de comunidades rexeitan a ubicación, ábrese un proceso de clausura da antena que pode durar meses ou anos, polo que chegado o momento a empresa acaba por retirar a estación de telefonía para poñela ilegalmente noutra comunidade. E así ata que alguén lle poña freo.
O caso é que despois dunha década de uso do teléfono móbil compre regular a instalación das antenas e estudar realmente se son tan perxudiciais como algúns din. Ademais sería lóxico que este tipo de actuacións fosen sancionadas por parte dos concellos, como así ocorre con calquera outra empresa que se salte as normas.
De todos os xeitos que ninguén se esquenza de que o seu propio móbil é tamén unha pequena estación de telefonía e os efectos perxudiciais que poida ter vivir a carón dunha antena multiplícanse no caso de levar enriba o celular e falar por el en exceso. Así que ademais de protestarmos porque nos poñan na casa do lado un aparello que non queremos tamén deberiamos aprender a usar con xeito o noso teléfono. E cando non haxa cobertura… pois acordarnos de cando faciamos a mesma vida pero sen levar o móbil no peto.