Archivo de Maio, 2008

Uns veñen, outros van

Martes, 27 de Maio, 2008

Está visto que só cando a casualidade quere que as traxedias con denominador común se encadeen é cando nos decatamos de que algo está a fallar. Esta fin de semana as estradas galegas cobráronse en dous accidentes de tráfico a vida de catro obreiros portugueses da construción que estaban contratados por empresas galegas e que voltaban á casa ou ían cara o seu lugar de traballo nesas xa famosas ‘carrinhas’, unhas furgonetas que cada semana cruzan a fronteira hispano-lusa.
Son peonadas que desde o bóom da construción en España están a abastecer de man de obra barata ás empresas deste lado da Península, aproveitando o alto índice de paro do país luso e a falta de operarios cualificados no noso país. A crise do sector, aínda que está a deixar nas súas casas moitos destes obreiros, está porén a afectar os que seguen contratados, posto que as empresas están a reducir custos con xornadas laborais máis longas e traballadores fóra de convenio, como son moitos dos que veñen desde Portugal. Claro que esa explotación laboral acaba por pasar unha factura mortal a aqueles que logo de acabar a semana voltan ata os seus lugares de orixe por unhas estradas ás veces demasiado perigosas como son as galegas.
Pero ao marxe deste risco que afrontan os obreiros lusos, hai outro do que tamén están a alertar os sindicatos: o posible enfrontamento cos traballadores galegos, que ven os veciños como unha competencia desleal neste contexto de crise. E de aí a que fervan as actitudes xenófobas só hai un paso.

A cultura interactiva

Luns, 26 de Maio, 2008

Somos xa varias xeracións audiovisuais e iso hai que telo moi en conta á hora de difundir contidos do xeito máis accesible a unha audiencia acostumada a deixarse levar visualmente.
Esta reflexión que se publica nun medio de comunicación dos chamados tradicionais e que por tanto precisa dun maior esforzo de atención por parte da audiencia vén a conta da inauguración do centro de interpretación da muralla de Lugo, un concepto de museo interactivo co que a través de vídeos, paneis ou pantallas táctiles se pode recrear a historia dun xeito máis compresible coa axuda das novas tecnoloxías.
Esta forma de musealizar a cultura, que terá outro expoñente no futuro Museo Interactivo da Historia de Lugo que se vai construír en Frigsa, ten a vantaxe de poderlle descubrir ao visitante en apenas media hora o legado dunha cidade que aparentemente semella unha pequena capital de provincia cos problemas e virtudes doutras similares, pero que agocha nas súas pedras ou no subsolo dous milenios de grandes e pequenas historias persoais.
Esto non quere dicir que a maxia de poder contemplar unha peza arqueolóxica con vinte séculos non consiga trasladar durante uns momentos a aquela época usando a imaxinación. Calquera que tivese o placer de pasear polo Foro de Roma seguro que sabe o que é sentar a carón do arco de Septimio Severo e sentir que as ruínas que o rodean son o xerme da nosa civilización. O que ocorre é que o novo xeito de facer turismo precisa de instrumentos para facilitar a comprensión do que estamos a visitar sen necesidade de ter unha formación previa.
Unha xornalista madrileña que durante a súa primeira estancia en Lugo non tivo a oportunidade de subir á muralla pero si de ver este novo centro, comentaba que quedara impresionada coa historia deste monumento á vez que decepcionada pola falta de coñecemento que se ten del fóra. Eu engadiría que tamén dentro do mesmo Lugo e na provincia, porque se ben se pode dicir que o cen por cen da poboación luguesa coñece e paseou polo monumento, seguro que só un escaso porcentaje acerta co século de inicio da súa construción ou co número de portas e a historia de cada unha delas. Por iso, se cadra o primeiro que temos que facer os lugueses é visitar este novo centro, empaparnos da nosa cultura e historia e logo servir tamén de guías a aqueles turistas, que serán tamén encargados de difundir o noso patrimonio unha vez que o coñezan de preto. Porque esa é a idea final, o resto son só métodos para difundila.

Convivencia

Venres, 23 de Maio, 2008

Máis difícil que a convivencia entre as familias xitanas que son realoxadas en pisos sociais e os seus novos veciños, como xa se demostrou coas protestas en Pontevedra, A Coruña e agora en Lugo, semella que vai ser a relación do bipartito galego de aquí ás vindeiras eleccións autonómicas, se atendemos ao discurso político que se está cocendo dentro do PSdeG de cara ao vindeiro congreso do mes de xullo.
Os socialistas, aproveitándose da confusión que está a vivir o Partido Popular galego, ao que tamén lle afecta a crise no liderado de Mariano Rajoy, queren marcar distancias cos socios nacionalistas cualificandoos de alternativa non fiable de cara a conseguir unha maioría social.
O discurso que se plantexa estaría baseado nas expectativas dos máis optimistas dentro do partido, que auguran que o PSdeG será capaz de superar en deputados ao PPdeG e mesmo intentar un Goberno en solitario ou ben en coalición co Bloque Nacionalista Galego, pero sen tantas concesións como agora.
A estratexia lóxica quese albisca por parte de Anxo Quintana e os seus será a de confrontar os avances nas áreas que está a dirixir, poñendo tamén o acento na capacidade de negociación que pode ter co Goberno central. Aínda que será despois do verán cando se noten máis as tiranteces, o certo é que as bases dos dous partidos xa amosan que a precampaña autonómica vai ser máis dura que as dúas precedentes. Pero iso si, seguro que mantendo as formas dentro de San Caetano. Vai ser divertido.

(i) Responsabilidades

Domingo, 18 de Maio, 2008

Entre os veciños e os que gustamos de achegarnos pola Ponte a facer deporte ou tomar os viños sabíase que algo se estaba a mover no barrio para rexeitar o proceso de adxudicación de vivendas sociais en aluguer na Rúa Fermín Rivera, propiedade da Consellería de Vivenda e xa planificado polo anterior goberno popular. O PP sería logo o primeiro actor (i) responsable do conflito que se está a vivir agora en Lugo e que, por trascendencia, está a ser noticia tamén fóra da cidade. Claro que neste teatro de operacións o segundo (i) responsable sería logo o Concello de Lugo, que malia querer acabar co asentamento xitano do Carqueixo para propiciar a integración na cidade da súa poboación, logo de varios anos non conseguíu pisos para o realoxo. Porén, optou por un modelo de reubicación nas vivendas sociais que estaba a levantar Vivenda, o terceiro (i) responsable, por non mudar o proceso de baremación, deixando así a posible conflictividade en mans dos servizos sociais competentes. Ante este deixar facer deixar estar administrativo que só serviu para aderezar o sempre manipulable cabreo veciñal, o primeiro (i) responsable citado foi quen de acender a chispa cun acto público a pé de rúa que acabou en espontáneo corte de tráfico e que xa dura dúas semanas. A sucesión de protestas e réplicas entre políticos só serviu para sumar novos suxeitos a esta crónica da (i) responsabilidade e algunha ‘boutade’, como a proposta da federación veciñal de elaborar un censo de xitanos e inmigrantes. Seguramente haberá quen tamén lle adxudique unha (i) responsabilidade aos medios de comunicación polo tratamento do conflicto; ás asociación xitanas, por non terse mobilizado antes diante dunha situación que tampouco desexan, ou mesmo á sociedade luguesa, que en todos estes anos de progreso económico na cidade sempre mirou cara ao outro lado cando se falaba de erradicar o gueto do Carqueixo para integrar nos barrios ao pobo xitano.

O caso é que toda esa morea de (i) responsabilidades foi a que trouxo consigo unha situación na que medio cento de familias está esperando -algunhas en condicións precarias- para ocupar unhas vivendas xa rematadas, e de momento ninguén lles da unha solución consensuada, que de ningún xeito debe excluír o dereito a disfrutar dunha vivenda digna en aluguer. Negarlles esto sería, ademais de irresponsable, amoral, porque como dicía Arthur Schinzler, máis grave ca propia intolerancia é tolerar a intolerancia.

O liderazgo de Rajoy

Martes, 13 de Maio, 2008

Son cousas propias dun proceso precongresual, din os máis cautos no PP para referirse á crise que está a vivir o liderazgo de Mariano Rajoy a raíz do súa decisión de dar un golpe de temón ao perfil conservador co que leva perdido xa dúas elecciones xerais. Pese a contar co importante apoio de baróns autonómicos como son os presidentes valenciano e murciano, ou os dirixentes do partido en Galicia ou Andalucía, a fenda aberta trala saída da dirección de Zaplana e Acebes, e agora co portazo de María San Gil á ponencia política congresual, induce a pensar que se pode estar preparando unha campaña de desprestixio de Rajoy, que aínda que chegue tarde para o vindeiro congreso, si pode ser efectiva de cara á nominación do futuro candidato a presidente do Goberno.

A base do debate, aínda que podería ser de caras, semella ser sobre todo de ideas. O abandono do centrismo que protagonizou Aznar unha vez iniciado o seu segundo mandato marcou o devir dun partido que, logo do batacazo do 14-M de 2004, non só non mudou a estratexia senón que a radicalizou para distanciarse máis da política de Zapatero. Agora Rajoy parece que entendeu a mensaxe e por iso, tras decidirse a seguir á fronte do partido, pediu mans libres para trazar a nova senda, aínda que para iso está agora a loitar cos sectores máis talibáns do partido, capitaneados seguramente pola sombra alargada de Aznar. Facendo contas sobre o número de delegados que apoiarán a Rajoy no vindeiro congreso ninguén dubida de que gañará. Agora ben, o papel dos quintacolumnistas e a súa destreza para levar o temón, serán factores que decidirán se será quen de optar a un terceiro asalto contra ZP.

O interminable PXOM

Sábado, 10 de Maio, 2008

O caso PXOM, como xa lle poderiamos chamar se nos estivésemos referindo a un culebrón de sucesos, recórdame aos atascos que ás veces temos coa lectura dalgún libro, que por falta de tempo ou desidia literaria retomamos un día facendo un exercicio de recapitulación para saber de que ía a cousa. Pois ben, esta semana o equipo redactor do dichoso plan de urbanismo e os grupos políticos voltáronse a reunir para negociar un calendario de aprobación do documento, pero polo escoitado despois da reunión semella que aínda queda moita cera por arder ata que os protagonistas do caso se poñan dacordo.
Seica o parón no sector do ladrillo pode que evite dalgún xeito os efectos dañinos para a configuración da cidade que pode ter a paralización do PXOM, pero iso non quita de que esteamos a vivir un proceso de falta de responsabilidade por parte dos representantes da cidadanía á hora de pechar un acordo que facilitaría a posta en marcha de dotacións como por exemplo a gardería do campus.
Pero como este é un plan de nunca acabar, unha vez que o equipo de redactoras marcha para Madrid a facer esos cambios acordados que logo nunca se plasman, a vida municipal volve á rutina da Policía Local en folga de brazos caídos ou un goberno planificando viaxes oficiais e buscando ocos na axenda das autoridades para inaugurar instalacións públicas que xa poderían estar en servizo.
«Es que allí se vive a 33 revoluciones y aquí a 45», dicíame hai días un madrileño facendo unha comparación entre a dobre velocidade dos discos de vinilo e as grandes e pequenas capitais. Pois claro que si, pero iso tampouco xustifica que a xestión pública se ralentice, pois que se saiba os impostos que estamos estos días a pagar, tanto a nivel municipal como estatal, non teñen ningún tipo de ralentización na data de abonamento.
No caso que nos ocupa —para os que xa se perderon estabamos a falar do PXOM—, postos a ser previsores e tendo en conta que os planes urbanísticos deberían ter unha vixencia de dúas décadas, o mellor sería comezar xa a negociar o seguinte, para así, dentro de dez anos, tal e como pasa con este proxecto, poidamos poñer un calendario definitivo de aprobación. O malo é que deste xeito aínda podemos liar máis ao cidadán e, como ocorre cos libros de difícil comprensión, disuadilo de seguir adiante coa lectura pola perda de interés do fío conductor. Ou igual é ese o fin que persiguen os nosos políticos, que nos fartemos de estar pendentes deles e miremos a tele ou collamos o último supervendas de librería. Eu ata lles propoño un clásico: ‘A historia interminable’, de Ende.

Calvo Sotelo

Mércores, 7 de Maio, 2008

Ribadeo despediu onte o que sen dúbida foi o seu gran valedor durante os anos nos que Leopoldo Calvo Sotelo tivo tarefas no Goberno de España.
Na vila luguesa, berce de súa nai, viviu ademais durante a súa adolescencia e nela pasou moitos veráns e vacacións, e o cariño que lle tiña ás súas xentes ata o levou, segundo di un amigo do finado, a usar fondos reservados para facer a traída da auga ribadense.
O amor do ex presidente español pola terra da súa nai foi tamén o que levou o Rei a outorgarlle o marquesado da Ría de Ribadeo, un título que ata ben podería servir para aclararlles aos veciños asturianos cal é en realidade o nome do estuario do Eo.
Agora ben, postos a analizar toda a información que durante estes días debullaron os informativos e os xornais en torno ao papel de Calvo Sotelo á fronte do país, a un dálle a impresión de que, ou ben alguén está a esaxerar, ou ben os panexíricos só buscan acompasar o son da marcha fúnebre. Entre outras cousas, dise que no seu mandato conseguiu abortar un golpe de Estado mellor preparado aínda que o 23-F e que grazas á entrada na OTAN, que el negociu, se mudou o papel dunhas forzas armadas sospeitosas de bloquear o cambio político na Transición. Pero o certo é que tanto o seu partido como logo os españois decidiron que a súa fora unha efímera etapa de estadista e nun repaso ás crónicas daqueles revoltos anos oitenta veremos que falaban de crise política e económica e de falta de xestión. Que Calvo Sotelo sería un bo home ninguén o nega, pero o certo é que moitos dos que hoxe o louvan foron quen de darlle porta, como tamén fixeron con Adolfo Suárez.

Unión fronte ao invasor

Domingo, 4 de Maio, 2008

Nesta España polilingüística e polinacional un dos episodios que máis uniu aos seus habitantes é o levantamento contra os franceses dous de maio de 1808, que deu inicio a unha Guerra da Independencia trala que tampouco chegaron tempos dourados para os españois, coa instauración dunha monarquía absolutista. Aquel día de cólera, como recorda Arturo Pérez Reverte no seu libro publicado ‘ad hoc’, os que salvaron o país non foron os doctos, senón os ignorantes, o vulgo farto da arrogancia dun exército invasor, que trataba como lixo ao pobo, mentres se gababan de ser garante da liberdade, a igualdade e a fraternidade.
Aquela revolta duramente reprimida e que tan xenialmente retratou Goya tamén chegou a Galicia e a Lugo, onde ingleses e franceses libraron algunha batalla usando a romana muralla como baluarte, e dende onde incluso o lexendario xeneral John Moore dirixía a defensa da cidade.
A posterior ocupación francesa e rapiña da escasa riqueza que había no Lugo dos inicios do século XIX, ao igual que se fi xo no resto de cidades, foi sen dúbida o grande erro dos exércitos de Napoleón, que acabaron por enxendrar un odio visceral do pobo hacia os veciños galos e, o que foi peor, contra aqueles españois chamados afrancesados, que tentaron construír unha revolución dende os ateneos e sen contar co pobo iletrado.
Douscentos anos despois resulta cando menos anecdótico que unha comunidade xa multirracial como Madrid celebre con tanta vehemencia e espíritu patriótico aquela data, tendo en conta que dende aquela moitos outros sucesos influíron na España de hoxe e na súa relación con países irmáns dentro da UE como Francia. Pero seica que como diciamos ao principio cómpre furgar ben na historia para atopar momentos nos que os españois do norte, o centro e o sur fixeron causa común.
A falta de heroes como Daoíz e Velarde, a España que hoxe conmemora o bicentenario da revolta contra o invasor gabacho e, máis en concreto os dous principais partidos, andan tamén na procura de símbolos para vertebrar un país que, porén, semella máis preocupado pola crise económica ou polos problemas cotiáns que por atoparse a si mesmo na historia.
O sentimento de rebeldía de hai dous séculos tamén chegou máis pola escaseza que por motivacións políticas, e o erro que cometeron os franceses daquela foi pensar que a man dura sería dabondo para manter a orde.
Hoxendía os gobernantes tamén se equivocan cando pensan que as nacións se constrúen con bandeiras e escudos, sen decatarse que o máis importante para a xente é vivir sen máis dúbidas que a de elexir que película ou partido ver pola noite.

Tempos de fame

Xoves, 1 de Maio, 2008

Escoito e leo informacións e comentarios sobre a crise alimentaria que din está a afectar xa ao terceiro mundo e chego á conclusión de que hai problemas que se daban por resoltos, como a fame negra, pero que reaparecen cíclicamente sen que ninguén faga nada por previla.

A principal causa desta situación que pode chegar a desestabilizar rexións e ata continentes din que é a suba de prezos dos alimentos básicos, como arroz, trigo, millo, por culpa das malas colleitas nalgunhas zonas ou polo auxe dos biocarburantes, unha situación que están a aproveitar os especuladores para facer caixa ante a crise que viven outros sectores.

O problema xa viña sendo denunciado por algunhas organizacións como a FAO ou as ONGs que traballan nos países máis pobres, pero só cando unha cadea de alimentación estadounidense anuncia que vai restrinxir a venda de arroz é cando o primeiro mundo se decata do desaxuste que sofre o mercado. Claro que o que para un estadounidense medio non deixa de ser unha anécdota, posto que o incremento do prezo deste alimento ata nun 140% no que vai de ano pouco vai influir na súa economía, para unha familia dun país pobre como Bangladesh se cadra acaba por poñer en perigo o seu sustento diario.

Os efectos da malnutrición poden deixar ademais secuelas para toda a vida nos nenos que  sufran a que pode ser a primeira gran crise humanitaria dun século no que ata o de agora o que máis nos preocupaba era o cambio climático. Se cadra alguén se esqueceu de que a fame no mundo é aínda unha problema sen erradicar.