Crise? Que crise?
Martes, 29 de Abril, 2008En plena recesión polos prezos do petróleo no mundo, os ‘Supertramp’, aquela banda británica de rock progresivo, sacou á rúa a mediados dos 70 ‘Crisis? What Crisis?’, o seu segundo disco, cunha tensión instrumental moi acorde con aqueles tempos de incerteza económica e política no mundo. Na carátula de portada do LP -un soporte que axudaba tamén a amosar a orixinalidade do artista e que dinamitou o MP3 e o Ipod-, unha fotomontaxe recollía a un home en bañador prácidamente sentado baixo un parasol en medio dunha paisaxe de decadencia fabril. A ilustración deixaba transcender unha despreocupación, non sa bemos se das autoridades ou da xeración dos músicos, diante da recesión, unha actitude que ben podería servirnos hoxe en día para describir a esa non crise que desde o Goberno se tenta agochar pese aos últimos datos que amosan un crecemento do número de parados en case 250.000 persoas no primeiro trimestre do ano, preto de 12.000 deles en Galicia, segundoos datos da Enquisa de Poboación Activa.
O vicepresidente Solbes, que agora fala de un axuste propio do ciclo económico e augura que nun ano todo estará superado, ben podería ter sido, por idade e ideoloxía, o protagonista daquela foto estival do disco, e escoitando o seu discurso tecnicista o pobo non tería porque preocuparse se non fora polos problemas que teñen para chegar a fin de mes despois das subidas das hipotecas, os carburantes, o pan, o leite… Fronte ao optimismo do feliz veraneante atopamos a unha oposición que, recén instalada no Congreso e o Senado, de seguro que aproveitará os vindeiros meses para meter o dedo na chaga, logo de que Zapatero se considerase capaz de afrontar sen compañía os vindeiros catro anos. O PP, malia a feira interna que vive, fai causa común para sacalle as cores á política económica dos socialistas, algo que podería ter sido a principal baza para recuperar o Goberno se non fora polo radicalismo noutros temas que agora tenta desterrar Rajoy.
Mentres, os sindicatos maioritarios son máis moderados nas críticas, aínda que seguramente esperan ter un maior protagonismo máis aló do vindeiro Primeiro de Maio, xa que os traballadores aos que representan vanlles esixir un papel belixerante para evitar que todos os efectos da crise acaben repercutindo só nas súas costas. En Lugo quizá tiveramos esta semana un adianto do que pode traer unha etapa de recesión económica. A liorta montada diante dunha empresa láctea, unha das poucas industrias que ten Lugo, debería facernos reflexionar; aínda que algúns preferirán disfrutar dos raios de sol primaverais.