Aínda que está case demostrado que axitar as pantamas do pasado xa non da tantos réditos electorais, semella que a polémica sobre a chamada memoria histórica, que vén sendo un eufemismo para evitar referirse aos crimes rexistrados na Guerra Civil fóra do campo de batalla, vai ser usada como recurso dos mitineiros para chegar a esa parte do cerebro que agocha os sentimentos. O problema é que no abano
xeracional deses 35 millóns de españois que están chamados a votar o vindeiro 9-M, os que recordan episodios daquela longa noite de pedra que describira Celso Emilio son uns poucos miles, os familiares dos mortos xa terán decidido o voto dende hai moitos anos e algúns dos que alardean de sufrir persecución polo anterior réxime pode que xa teñan cambiado tanto de bando que non saiban agora mesmo o que toca. Claro que logo de escoitar a Pizarro e Solbes debatir sobre o estado da economía un ata acaba preferindo que a liorta política faga parada no pasado, porque tamén serve como repaso das clases de Historia e como medida efectiva para reducir os efectos do suspenso que nos daba o Informe Pisa.
Lugo tampouco é alleo á polémica e logo de catro anos de parálise na revisión do rueiro, a comisión municipal para decidir o nome das novas rúas quixo reunirse para
sacar adiante as propostas precisamente o mesmo día de inicio da campaña electoral. Menuda temeridade, tendo en conta que unha das propostas, que logo foi retirada, plantexaba adicar unha praza á Memoria Histórica. Ademais, tamén se falaba de eliminaras referencias a persoeiros destacados na época franquista malia que foran de Lugo, unha proposta que finalmente non se tivo en conta para non crispar máis un asunto menor como é o do rueiro.
E por se as trifulcas políticas a conta da Guerra Civil non chegasen dabondo, o Ministerio de Defensa confirmou que o comandante da Coruña e Lugo, un deses condecorados militares que cada Semana Santa veñen saudar ás autoridades
locais, acababa de ser destituido por mor dun informe que elaborou sobre o Lei da Memoria Histórica, e que, aínda que confidencial, seguramente tiña algunha desas guindas coas que nos sorprenden de cando en vez os acuartelados. Porque senón tampouco se entende unha medida disciplinaria tan
estricta polo contido dun escrito no que en teoría só debía facer unha catalogación dos vestixios franquistas nas instalacións ao seu cargo. O caso é que a noticia deuse a coñecer no comezo dunha campaña electoral que, como di algún, convén crispar algo máis, e xa se sabe que non hai mellor xeito de facelo que sacando a pasear cadaleitos.