Archivo de Xaneiro, 2008

A Policía da Policía

Mércores, 30 de Xaneiro, 2008

Voltou a darlle unha pinga de humor á actualidade municipal o nacionalista Xosé Anxo Lage, un clásico xa do clube da comedia no que se está a convertir este mandato no Concello, ao propoñer a creación dunha Comisión Local de Investigación (CLI, non confundir con CNI nin CSI) para que resolva o conflicto entre o goberno e a Policía Local pero dun xeito similar aos servicios de asuntos internos que adoitan ter os departamentos policiais estadounidenses. A min a proposta recórdame á archicitada frase de Napoleón na que dicía que cando queiramos que un asunto se retrase eternamente ó mellor e nomear unha comisión; eso si, de facelo en Lugo habería que darlle un atúo lucensista. Por exemplo, estaría ben dotala de sede, con laboratorio para facer probas de ADN e maletíns e roupa de deseño para os integrantes. Pode que ata podería haber un programa específico de televisión no que nos adiantasen novedades sobre as súas investigacións. Bromas aparte, o que semella preocupar máis aos políticos deste conflicto é que se estean a perder cartos na recadación por multas, aínda que tampouco se restan os soldos dos 16 axentes interinos que foron despedidos. Nas miñas contas saeme ata superávit. Eso si, a cidade conta agora con menos vixiancia, e iso si que lle pode pasar factura a alguén.

A cidade do rock

Luns, 28 de Xaneiro, 2008

Hai un pequeno pub na cidade de Lugo que non lembro como se chama, pero que para min é desde a primeira vez que entrei o bar do rock; pero do rock sen ningún tipo de apelidos, de tal xeito que a un tema de UFO pódelle seguir outro de Dover e despois un de JJ Cale. Coma este, e se buscamos un pouco polas rutas demodé, podemos atopar outros tantos en tódalas cidades do mundo, resistindo fronte a aqueles locales sumerxidos en ritmos musicais que van desde o hip hop ata o pop comercial. Hoxe escoitei no telexornal que en Madrid estase a construir a Cidade do Rock, dentro do proyecto Rock in Río, na que, como todo o que se fai cando hai pasta á esgalla, se pretende facer un parque temático de 200.000 metros cadrados adicados ao que seguramente foi o fenómeno cultural máis importante do século pasado. A min a iniciativa recórdame a ese faraónico proxecto da Cidade da Cultura de Galicia argallado polo ex conselleiro Jesús Pérez Varela, aínda que neste caso a iniciativa vén avalada por un festival nacido en 1985 é que logo de ser un éxito en Brasil tamén o logrou nas dúas últimas edicións en Lisboa. A diferencia fundamental é que mentres os promotores desa cidade rockeira teñen claro qué se vai ofrecer, no monte Gaiás ata agora só se escoitaron moitas notas, as máis das veces desacompasadas, e iso que Pérez Varela se gababa de ser un político preocupado pola música, malia non ter claro moitas veces quen a interpretaba. Eso sí, algúns nunca lle daremos agradecido o ternos traído a Galicia aos Red Hot Chili Peppers; os siareios do rock somos así.

Patróns lucenses

Sábado, 26 de Xaneiro, 2008

Nesta economía de mercado dominada por empresas multinacionais que agochan aos seus patróns entre accionistas pendentes da rendibilidade en bolsa e consellos de administracións dirixidos por quenllas máis preocupadas por compracer aos gobernos de turno que a empregados e clientes, o empresario de raza tende a converterse en especie ameazada e sometida aos vaivéns que as crisis hipotecarias ou petroleiras deparan para os seus negocios.
Esta semana a principal organización empresarial de Lugo celebrou a gala do seu trixésimo cabodano, un indicativo de que a CEL é aínda unha asociación moi nova e se cadra ata inexperta, mentres que os comerciantes tamén se reunían como cada ano nunha cea na que homenaxearon a varios propietarios de pequenos establecementos que xa son historia nas súas localidades.
As dúas galas ben poderían ter sido un acto de reafirmación do empresariado de Lugo diante das dificultades que supón emprender ou manter aberto un negocio nunha provincia onde as condicións para competir fronte aos fabricantes asiáticos ou as grandes cadeas de distribución están tan equilibradas como naquel relato bíblico no que o rei David se batía fronte ao xigante filisteo Goliat. E a proba desta desigualdade manifesta atopámola tamén esta semana nun encontro organizado por Agestic, unha asociación de empresas de novas tecnoloxías, no que se puxo de manifesto que a zona rural de Lugo carecía aínda da infraestructura dixital necesaria para poder animar aos emprendedores a abrirse camiño.
Os casos dalgúns negocios que se ven privados dunha conexión por banda ancha a internet pese a tratarse dunha ferramenta indispensable só veñen a facer bo aquel consello do refraneiro galego que alertaba sobre o perigo de poñer o carro por diante dos bois, posto que aínda que as administracións non paran de facer campañas para animar aos mozos a ficar no rural ou a facerse empresarios, as expectativas de que súa idea saia adiante atópanse co foxo que supón que nalgúns puntos da provincia non só non haxa sinal de telefonía móbil ou internet, senón que incluso o subministro eléctrico non está garantido.
Nesta reivindicación teñen moito que dicir desde logo as organizacións empresariais, que precisamente deben aproveitar galas como as celebradas esta semana para trasladarlles as súas inquedanzas aos políticos que convidan, porque quizá non hai mellor acto de confraternidade que aquel no que se escoitan os problemas comúns. Senón pode ocorrer que o discurso do invitado acabe por soar máis alto, e os políticos xa se sabe que non dan puntada sen fío.

Entre notarios e mensaxeiros

Venres, 25 de Xaneiro, 2008

Logo de traballar arreo durante toda a semana xunto co resto de compañeiros para presentarlles aos lugueses o novo diario aínda nos quedaron folgos o xoves para celebrar a festividade dos xornalistas, nun acto que serviu ademais para homenaxear a dous profesionais, Tonina Gay e Manuel López Castro, que foron notarios da actualidade durante o último tercio do século pasado e que, aínda que retirados, seguen a colaborar activamente nos medios e asociacións culturais da cidade. Previamente tivemos unha animada xuntanza coas autoridades na que demostramos que aínda que políticos e xornalistas deben gardar sempre as distancias eso no quere dicir que a nivel persoal poida haber unha relación afable. Eso si, eles ben saben que cando toca pedir contas non o fan os medios de comunicación ou os que traballan neles por que si, senón por que é unha obriga que contraen coa súa audiencia. Imaxino que xa saben que nós só somos o mensaxeiro, pero está ben recordárllelo de cando en vez.

Un hotel de luxo para Lugo

Mércores, 23 de Xaneiro, 2008

Que Lugo necesita un hotel de cinco estrelas ninguén o nega, malia que as cifras de ocupación digan que Galicia está entre as peores do Estado. Claro que para que se dean as condicións que empuxen a unha gran cadea a apostar por unha cidade como a lucense hai que ofrecerlles primeiro aos turistas de alto standing a posibilidade de ter un completo programa de actividades de ocio que poden incluir sesións de spa ou balneario, a práctica de deportes como golf, vela ou equitación, visitas guiadas polas zonas históricas ou percorridos polas maravillas naturais. Agora que se achega Fitur, onde os principais operadores e empresas do sector andan á procura de propostas diferenciadas do turismo de masas, sería unha boa oportunidade para que responsables do Concello e da Deputación abrisen portas para amosar Lugo como un sitio capaz de converterse en destino de calidade. Se funciona en cidades como Cuenca, Salamanca ou Zamora, tamén pode en Lugo, pero está claro que ás cadeas hoteleras hai que animalas dalgún xeito para que dean o paso.

O peto pode decidir

Luns, 21 de Xaneiro, 2008

Recibo un correo electrónico lixo, un deses sen remitente recoñecido a pesar de que te tutee, no que me informan de que despois das eleccións de marzo decatareime na miña declaración de IRPF de que o desconto pola hipoteca se me vai reducir, grazas a actuación do Goberno de ZP. Malia non ter agora mesmo ningún tipo de atadura ata a xubilación con entidades bancarias, leo atentamente o escrito para tentar descubrir se a redacción é típica dun folleto de propaganda electoral. Ao final chego á conclusión de que o redactor é alguén que tirou pola manta máis do que daba á hora de mercar vivenda e agora está máis asfixiado que un galo de corral antes de ser desplumado. De todos os xeitos, a mensaxe de retroceso económico das familias pode ser un alicerce para os populares para tratar de darlle a volta as enquisas electorais e aínda que a fichaxe de Manuel Pizarro non fora un gran sorpresa, o feito de ter apostado Mariano Rajoy pola estratexia económica fronte a axitación antiterrorista e nacionalcatolicista que amosou nos últimos catro anos pode axudarlle a sumar esos centos de miles de votos que dan unha presidencia do Goberno. Porque está claro que moitos españois pensan que hoxe están peor que hai catro anos, a lo menos cando meten as mans no peto, aínda que se cadra non se dan conta de que durante este tempo viviron dun xeito por riba das súas posibilidades, para ledicia de executivos bancarios e promotores inmobiliarios. Agora ben, tamén hai que convencer a esos desacougados de que o PP pode darlle a volta á tortilla. E se miramos cara as bolsas de todo o mundo, a cuestión presentase, como dirigía un técnico de fútbol, “difícil e complicada”.

O ministro do cemento

Venres, 18 de Xaneiro, 2008

Dixoo co sorriso de quen sabe algo pero non pode dicilo, ben por cortesía cara o resto de compañeiros e da actual titular da carteira, ben porque tampouco o ten aínda atado. O caso é que á pregunta de se, como se di nos mentideiros, José Blanco podería ser ministro de Fomento no caso de que Zapatero gañe o 9-M, o político palense dixo que estaría encantado de aceptar un ministerio tan importante para Lugo e para Galicia. De ser esta especulación certa, o caso é que Blanco tería nas súas mans a capacidade de traer para Lugo todo ese cemento que levan reclamando tantos anos os lugueses, porque ninguén lle vai a reprochar que arrime a pota ao seu lume, como xa fixeron Magdalena Álvarez ou Álvarez Cascos. Porén, non está claro se Galicia xa ten cuberto con Espinosa e Molina a cota de ministros que lle corresponde.
Pero deixando de lado a futuroloxía, o que semella evidente é que o secretario de Organización do PSOE evidenciou no debate en Telelugo un certo descoñecemento das preocupacións dos lugueses, o que aproveitou José Manuel Barreiro para saír airoso do primeiro cara a cara electoral. Seica ata houbo celebración nocturna no PP tras ver o resultado. Aquí non se consola o que non quere.

O maratoniano Gallardón

Xoves, 17 de Xaneiro, 2008

Non creo que Alberto Ruiz Gallardón cumpra a súa ameaza de deixar a alcaldía de Madrid despois do 9-M como deixou entrever tras quedar ser excluído das listas ao Congreso, primeiro porque despois de tantos anos en política e con poldroa propia hai poucos valentes que se atrevan a deixar a primeira línea, e segundo, porque o alcalde madrileño sabe que nas carreiras de maratón hai que saber medir as forzas e deixar un chisco de alento para os últimos metros. Agora no PP toca deixar o timón ao sector conservador, que por certo tamén se pode gabar de manter unha boa cota de poder en grandes concellos e autonomías, pero cando se dean conta de que para gobernar un estado tan complexo como o español é preciso mudar o discurso e as caras entón pode ser o momento de xente como Gallardón. Así o recoñecen agora moitos populares galegos e lugueses, que saben que o partido precisa dun perfil máis moderado e por iso apoian ao político madrileño; eso sí, de costas aos micrófonos, non vaia a ser que eles entren tamén na lista negra de Génova.

Deixádeme a min

Martes, 15 de Xaneiro, 2008

Ese ímpetu que nos empuxa a dicir déixame a min mentres vemos a alguén facendo algo mal cando nós sabemos como se arranxa é o que quizá sinte o voceiro do BNG no Concello de Lugo cando se ofrece públicamente para deter a sangría de usuarios que está a ter o servizo municipal de transporte urbano. Ata o mesmo goberno municipal admite que nos últimos cinco anos a situación vai a peor e se antes se botaba a culpa ás obras que tiveron levantadas as travesías da cidade durante meses agora seica é un problema de mobilidade que precisa dun estudio pormenorizado por parte dunha empresa de fóra, vamos tal que un plan estratéxico do bus lugués. Pois ben, Xosé Anxo Lage di que ten a solución, pero para acometela fai unha estrana petición, quere media ducia de policías locais e dous guindastres a súa disposición. Pois de ser Orozco eu non o dubidaría e daríalle carta branca ao concelleiro nacionalista. Agora ben, se alguén ve pola Avenida da Coruña a un delgaducho de barba branca encaramado nun pick-up xunto con axentes locais abrindo paso a unha caravana de buses que non pense nun anticipado desfile de Entroido, podería ser o amigo Anxo desenvolvendo o seu plan de choque.

Morría por dicilo

Luns, 14 de Xaneiro, 2008

O cabeza de lista ao Congreso do PSOE lugués afronta esta semana pletórico de forma tendo en conta que durante o acto de proclamación de candidatos galegos celebrado o domingo en Santiago foi o protagonista, mesmo por riba dos dous ministros do Goberno de Zapatero que irán nas listas de A Coruña e Pontevedra. Na súa intervención José Blanco centrouse en prometer por activa e por pasiva todas as infraestruturas pendentes que ten Galicia, como así levan facendo durante anos os candidatos dunha e doutra tendencia. Pero futuroloxía á parte, o secretario de Organización do PSOE non desaproveitou a oportunidade de mandar outro recado aos bispos españois logo da anterior resposta contundente que dera trala concentración en defensa da familia cristiá de Madrid. Así, Blanco dixo que logo das contas que fixera dáballe que Aznar tivo no seu Goberno máis ministros divorciados que Zapatero, unha proba de que os gabinetes conservadores non sempre son os máis fieis á doctrina católica. Ese humorístico e á vez malévolo comentario seguramente foi urdido por eses asesores electorais que están a traballar arreo de cara ao 9-M, e que se cadra firmaron tamén o que fixo Zapatero en Valencia cando dixo que os xeólogos certificáronlle que non hai ningunha faia no territorio nacional, o que confirma que España non se rompe. Visto esto non esperen nas vindeiras semanas vídeos de feros dóbermans ou rúas inseguras, o que está por vir son monólogos do clube da comedia. Se non o digo morro (Blanco, dixit).