Archivo de Decembro, 2007

Tregua navideña antes da batalla

Xoves, 13 de Decembro, 2007

BNG e PSOE amosaron hoxe en Lugo que teñen a súa maquinaria ben engrasada para as eleccións de marzo e conseguiron ateigar de enfervorizados seguidores dous mítines con presenza de Anxo Quintana e José Blanco. Mentres, o PP, que aínda non cerrou as candidaturas, aposta por manter encontros pola provincia conducidos polo presidente provincial do partido, José Manuel Barreiro, quen semella que acabará sendo o primeiro da lista alfabética ao Senado dos populares lucenses e que seguramente non darán a coñecer ata mediados de xaneiro, cando se disolvan as Cortes. Despois dos actos de hoxe, os políticos lugueses daranse unha tregua durante o Nadal, para voltar despois a esa batalla na que os únicos que se xogan algo son eles.

Uns veciños moi pedichóns

Mércores, 12 de Decembro, 2007

O reparto de cartos a través de subvencións sempre é un arma de dobre fío, xa que aos gobernos que as distribúen gustaríalles que servisen para manter no rego ás organizacións que as reciben, e non sempre ocorre así. Malia que nestes capítulos as administracións soen ser xenerosas o caso é que o orzamento municipal de Lugo para 2008 que xa todos daban por pactado entre PSOE e PP atópase cun atranco de última hora que ten que ver precisamente co reparto de axudas ao movemento veciñal. Os criterios para asignar unha partida de pouco máis de 100.000 euros -que tampouco debería ser unha ruína para un concello como Lugo- a esas asociacións ás veces demasiado molestas para os gobernos poderían incluso bloquear a aprobación o venres do orzamento, aínda que o lóxico é que haxa finalmente acordo e os veciños poidan dispoñer, con discrecionalidade, de axudas para as súas actividades; e a cambio de nada claro.

Doble ración de ‘gale-galas’

Luns, 10 de Decembro, 2007

Aínda non reposto da gala televisiva Mar de Mans, na que os nacionalistas de toda a comunidade se intercambiaron galanos a conta da actuación de miles de cidadáns anónimos movilizados de motu propio durante a traxedia do Prestige, a Galega ofreceunos o domingo unha maratoniana ración de autoidentificación, como dicía Fraga, na que se conmemoraba desde diversas cidades do mundo con emigración galega o centenario do noso himno. Seica superar o récord de baño de galeguidade que supuxo ver a dez mil gaiteiros no Obradoiro asubiando mentres un presidente da Xunta era entronizado resulta difícil de superar, pero este Goberno bipartito está empeñado en deixar aos do anterior en meros afeccionados da performance enxebre, así que entre gala e gala, aos televidentes que nos gusta de vez en cando escoitar falar pola pequena pantalla na nosa lingua temos que conformarnos con luares, tonechos e algún informativo no que dezasete veciños opinan un tras do outro sobre o mal que o están a pasar desde que o bus de línea mudou o recorrido entre Ribasaltas e Ribasbaixas. Pode que non haxa outro xeito de definirnos, de recoñecernos tras dunha pantalla e ata de divertirnos ríndonos ou emocionándonos coas nosas costumbres e tradicións, pero está claro que aqueles aos que lles pagan por programar o que imos ver cren que o que nos gusta de verdade son as galas. Pero non aquelas de Valerio Lazarov ou José Luis Moreno, non; o que nos priva son as gale-galas.

Na política non hai mileurismo

Xoves, 6 de Decembro, 2007

Alberto Núñez Feijoo voltou a mentar a bicha sacando á luz o debate sobre os soldos dos políticos locais, que nalgúns casos poden supoñer que o alcalde dun municipio de menos de dous mil habitantes cobre tanto coma un presidente autonómico de primeira división (Touriño dixit). E ocorre que nestes temas é mellor falar despois de facer un acto de contrición e pedirlle aos correlixionarios que se apliquen o conto. Así que o presidente do PPdeG fixo mutis polo foro cando lle comenzaron a chover críticas; por certo, algunhas de quen tampouco di que non cando lle ofrecen unha libre disposición. Claro que hai que ter en conta que a política non sempre é un oficio para toda a vida, excepto para uns privilexiados, e cando toca retirada moitos teñen que voltar ao mileurismo xeralizado. Pobriños.

Persoeiro, que non protagonista

Mércores, 5 de Decembro, 2007

A terna de candidatos a persoeiro do ano en Lugo inclúe só a un político que, pese a súa xuventude, conseguíu dar neste 2007 un paso adiante dentro do seu partido e, sobre todo, nas institucións, ao convertirse no primeiro presidente socialista da Deputación de Lugo. José Ramón Gómez Besteiro foi por tanto protagonista da actualidade durante gran parte do ano, o cal o fai acreedor dun título que teñen que adxudicar os lectores de El Progreso. Sen embargo, o máis curioso é que Besteiro logrou logo da súa investidura evitar calquera tipo de polémica, se exceptuamos un conato de enfrontamento cos socios de goberno a conta da representación en determinados actos. O seu perfil baixo dos últimos meses podería restarlle puntos á hora de aupalo como persoeiro do ano, aínda que desde logo no plano institucional está claro que o seu mandato é a envexa de calquera dirixente sen maioría absoluta, teña ou non cintura política.

A voltas co plan xeral

Martes, 4 de Decembro, 2007

Despois da última reunión da comisión de planeamento do Concello de Lugo semella que as datas para a aprobación do novo PXOM non se van a cumplir ante a falta de tempo para pechar os flecos que quedaban, leiras de Liñares á parte. O caso é que as diferenzas nalgúns aspectos do documento entre as redactoras e membros dun dos grupos municipales están tamén a dificultar a negociación, e no pasado encontro houbo algún que outro berro. Non perdan vostede a compostura oh, que postos a esperar, os lugueses son os campións da paciencia.

P.C. (Por certo): Para cabreo o que tiña esta mañá a concelleira do BNG Paz Abraira por unha foto súa do pleno defendendo con vehemencia unha moción nacionalista. Seica tamén hai outras dela rindo, pero é que hai imaxes que por si soas son a mellor crónica do acontecido. ¿Ou non?

Un mal grolo ao mes

Luns, 3 de Decembro, 2007

Duroulle unha fin de semana ao alcalde de Lugo a alegría do pacto orzamentario co PP, xa que o luns cambiou o conto e no pleno xurdiron tódalas combinacións posibles de voto, aínda que as que máis lle doeron ao equipo de goberno foron as que posibilitaron unha maioría con PP e BNG xuntos en temas polémicos como o trazado da nova ponte ou a participación veciñal. Son as cousas das amizades esporádicas, que non sempre están cando se lles necesita, aínda no fondo Orozco sabe que o importante é ter un orzamento que manexar e o mal grolo dun pleno rabudo só ocorre unha vez ao mes.