A lingua de Hércules
Xoves, 27 de Decembro, 2007Vou camiño da Coruña e escoito na radio falar da derradeira polémica que está a afectar aos nosos benqueridos veciños. Os nacionalistas herculinos queren que todos os concelleiros usen obrigatoriamente o galego nas súas intervencións públicas. O rexedor socialista, preguntado por esta iniciativa dos seus socios, resposta nun impecable castelán que haberá que estudiala. Logo chego a un acto ao que estou convidado e na mesa na que me toca comer unha persoa fai unha entusiasta defensa do topónimo La Coruña e critica que o líder do BNG diga que se incumpre a lei cando el fai o mesmo usando o termo Galiza, en lugar de Galicia. Todos asinten menos eu e un bo amigo que me acompaña, e ambos evitamos o debate eloxiando a calidade do segundo prato e cun sorriso cómplice, sabedores de que hai cousas que non merece a pena discutir unha vez pasada a Ponte Pasaxe.