Archivo de Novembro, 2007

Orozco, un ‘llanero solitario’

Venres, 16 de Novembro, 2007

Seguen mandándose recados o PSOE e o BNG de Lugo tan conciliadores como os que Chávez está a enviar ao goberno español logo do incidente de Chile. Porque aínda que Orozco resposta ás arroutadas de Lage dicindo que segue a ter as portas abertas, as condicións son as xa coñecidas e non gustan aos nacionalistas. Pero o caso é que o alcalde de Lugo está a gobernar sen apenas atrancos e esa mensaxe xa comenza a convencer aos socialistas que hai meses discrepaban coa postura do rexedor lugués. Dise que incluso Pérez Touriño xa apoia a decisión de Orozco de gobernar en solitario, sobre todo porque así non ten que aturar casos como o veto imposto polo BNG de Ourense e A Coruña aos seus respectivos alcaldes a asistir a unha reunión en Santiago coa ministra de Vivienda, alegando que esa é unha competencia dos nacionalistas. O rexedor de Lugo foi a ese encontro e non tivo que dar explicacións a ninguén. Son as pequenas satisfacións de quen decide viaxar sen compaña.

Unha coitelada ao muro milenario

Mércores, 14 de Novembro, 2007

Semella que os lugueses non teñamos outra cousa de que falar que da muralla, pero o certo é que, aínda que tardaramos en decatarnos delo, é o noso ben colectivo máis prezado e se o apuramos ata un sinal de identidade. Pois iso sen embargo non é o que deben pensar os responsables de protexela cando autorizan unha roza no tramo onde se está a levantar o auditorio do Vicerrectorado, e que supón, por boca dalgún arqueólogo, unha intervención moi agresiva que nunca se lle permitiría a un particular. A Dirección Xeral de Patrimonio, que dirixe o lugués Felipe Arias, semella estar máis preocupada por impedir que prosperen obras como auditorio en San Fernando que en avanzar na posta en valor da muralla, eliminando como xa se fixo hai xa máis de 30 anos edificacións adosadas. Pois non, agora o que se promove é a creación doutras novas, pero ben amarradas ao muro milenario. Unha última pregunta: ¿Quen nos protexe dos que en teoría protexen o patrimonio? Quizais a Xustiza. Vaia vostede a saber.

Un voceiro a 500 quilómetros

Martes, 13 de Novembro, 2007

Algún sector do PP de Lugo está máis que molesto co voceiro municipal pola súa postulación para repetir o vindeiro marzo á fronte da lista popular ao Congreso. Din que unha vez aceptado o reto de facer oposición diante dun Orozco cun equipo cada vez máis debilitado -á marcha de Besteiro unirase en breve a de Liñares- non é lóxico que o líder do principal grupo da oposición estea catro días á semana en Madrid, sen poder recibir no concello aos cidadáns que van con queixas. Claro que as mesmas fontes aclaran que Joaquín García Díez non é dos que lles gusta estar a pe de rúa, como está a pedir o seu presidente provincial.

A arte da provocación

Luns, 12 de Novembro, 2007

Sempre tiven unha certa querencia cara os provocadores, porque son os que nos axudan a espilirnos da rutina informativa, aínda que a súa actitude en certos niveis tamén pode provocar conflitos internacionais de consecuencias ás veces irreversibles. Hugo Chávez é, desde que soubo que esa táctica axuda a gañar votos, un profesional da provocación e o seu doutoramento acadouno o pasado sábado en Santiago ao conseguir que todo un monarca, educado desde neno para selo e ben coñecedor do protocolo, acabase por mandalo calar diante dos xefes de estado e goberno de toda Iberoamérica. O presidente venezolano sabía que a cita en Chile era unha boa oportunidade para reactivar diante da antiga metrópoli ese espírito bolivariano que lle axudou a acceder a un poder no que tenta manterse cunha contestada proposta de reforma constitucional. Co que non contaba Chávez é con que ía ter unha impagabel axuda por parte do Rey de España para conseguir o apoio dos venezolanos frente ao que el considera unha nova invasión da soberanía do seu país. É por iso que calquera resposta á provocación acaba sendo anotada no haber do instigador, sobre todo se hai unha premeditación como é o caso. O certo é que Chávez non deixaría de quedar coma o aspirante a ditador que é se non fose por esa mestría coa que domina a provocación, un arte coa que Albert Camus dicía que había que espolear a limitada capacidade de atención do ser humano.

Lugo, capital da maxia e o jazz

Sábado, 10 de Novembro, 2007

Dous festivais lugueses que celebran en semanas consecutivas están a converterse nun referente a nivel nacional. O quinto Lugo Máxico, que remata hoxe, volveu a xuntar na cidade a algúns dos mellores ilusionistas do panorama internacional. O Festival de Jazz, que cumpre xa 17 temporadas, arranca o luns con protagonismo para algunhas das mellores bandas de Nova Iorque. Parabéns aos que fan posible certámenes desta calidade.

Búscanse pedáneos

Venres, 9 de Novembro, 2007

O PP de Lugo acaba de pedirlle ao goberno local que abra o proceso de renovación dos pedáneos, unha figura herdada do perfil rural dunha provincia con problemas de incomunicación e que precisaba contar cunha representación institucional naqueles nucleos de poboación máis alonxados das capitalidades. No contexto actual, no que podemos ata tramitar por internet papeleo oficial, non tería moito sentido esta figura se non fose porque segue a ser un instrumento de presión para conseguir dotacións aló onde non chegan os coches oficiais, pero sobre todo, porque soe ser un inmellorable axente para cando é preciso movilizar ao electorado. O PP xa se decatou de que está a perder o seu tirón na zona rural, onde precisamente os seus pedáneos eran os que mellor facían ese traballo que un ex presidente do partido definía como “sacar ao grilo do buraco”, e seguramente por iso pídenlle a Orozco que convoque eleccións nas pedanías, unha demanda á que se suma tamén o BNG. Ademais, os populares buscan a reconquista da zona rural no momento máis axeitado, coa próxima saída do goberno do concelleiro Francisco Fernández Liñares, quen despois de oito anos controlaba as parroquias case coma un arcipreste e abofé que tamén aos pedáneos.

Vivamos como galegos

Xoves, 8 de Novembro, 2007

Veño de ver as instalacións de Gadisa en Betanzos e impresiona ver como algunhas empresas galegas foron quen de medrar e adaptarse a un mercado sempre competitivo como é o da distribución alimentaria. A queixa principal que plantexan os seus directivos é que en Galicia está máis liberalizado este negocio que noutras autonomías onde eles tentan expansionarse. Roberto Tojeiro, fillo do fundador do grupo, recorda que Lugo foi o xerme dos Gadis, pois nesta cidade abriron os dous primeiros supermercados. Os xornalistas alí convocados tamén expresamos a nosa felicitación pola campaña de promoción que están a desenvolver, na que saen á luz todos os tópicos que sempre nos colgan máis aló de Pedrafita. Vivamos como galegos, pero eso si, sen olvidar mirar como o fan os demais, non vaia ser que nos tomen por parvos.

O auditorio segue sen data

Mércores, 7 de Novembro, 2007

Nos despachos de San Caetano estase a negociar estos días o futuro dunha dotación cultural que, como se dicía antigamente, parece que a viu un torto. Desbotada a opción do cuartel de San Fernando, o futuro auditorio de Lugo semella que vai ir para o solar que a Consellería de Vivenda ten en Magoi, e só falta que se poñan dacordo tres departamentos da Xunta para que se poida cambiar o proxecto e contratar o inicio das obras. Claro que a negociación depende de dous socios de goberno que nos últimos tempos están a utilizar a capital luguesa como un ring onde dirimir as súas liortas, así que de novo teremos que esperar con paciencia a que os nosos gobernantes lle dean unha salida a esta enmeigada infraestrutura. Outra cousa é que guste ou non a ubicación nun barrio dormitorio e sen apenas actividade comercial dun espazo que debería servir de dinamizador da vida cultural luguesa. Pero a necesidade obriga, así que só queda pedir dilixencia a quen ata o de agora non amosou demasiada.

P.C. (Por certo): A outra gran dotación cultural prometida, o Museo Interactivo da Historia de Lugo, segue en fase prehistórica, e o solar continúa como quedou trala demolición do matadeiro de Frigsa.

O auditorio, pendente do bipartito

Mércores, 7 de Novembro, 2007

Nos despachos de San Caetano estase a negociar estos días o futuro dunha dotación cultural que, como se dicía antigamente, parece que a viu un torto. Desbotada a opción do cuartel de San Fernando, o futuro auditorio de Lugo semella que vai ir para o solar que a Consellería de Vivenda ten en Magoi, e só falta que se poñan dacordo tres departamentos da Xunta para que se poida cambiar o proxecto e contratar o inicio das obras. Claro que a negociación depende de dous socios de goberno que nos últimos tempos están a utilizar a capital luguesa como un ring onde dirimir as súas liortas, así que de novo teremos que esperar con paciencia a que os nosos gobernantes lle dean unha salida a esta enmeigada infraestrutura. Outra cousa é que guste ou non a ubicación nun barrio dormitorio e sen apenas actividade comercial dun espazo que debería servir de dinamizador da vida cultural luguesa. Pero a necesidade obriga, así que só queda pedir dilixencia a quen ata o de agora non amosou demasiada.

P.C. (Por certo): A outra gran dotación cultural prometida, o Museo Interactivo da Historial de Lugo, segue en fase prehistórica, e o solar continúa como quedou trala demolición do matadero de Frigsa.

A senda de Elías Valiña

Martes, 6 de Novembro, 2007

O peor que fode facer un xornalista cos seus días libres é usalos para seguir exercendo. Será que vai no soldo, coma no dun policía ou un bombeiro, que de libranza non poden deixar de perseguir a un ladrón que pillan in fraganti ou de correr cara o lume en canto ven arder. Así que gustoso acudín a un acto de presentación do libro doutro colega, Luís Celeiro, quen ven de publicar Elías Valiña, o Valedor do Camiño. Trátase dunha biografía sobre o cura do Cebreiro, considerado un dos grandes impulsores da ruta xacobea durante o pasado século. Nos discursos, Celeiro, destacou a faceta intelectual de Valiña, quen pese a doutorarse en Dereito seguiu exercendo a súa labor pastoral nunha parroquia rural, e tamén a práctica, posto que foi o deseñador desas frechas amarelas polas que os pelegríns se guiaron durante anos e que hai pouco incluso elexiu o Xacobeo para o seu novo logotipo. Dixo Celeiro que Valiña se valía de ir a buscar os cubos de pintura que lles sobraban aos operarios que sinalizaban a N-VI para usalos logo para trazar o Camiño. Hoxe as súas frechas seguen visibles ao longo do Camiño Francés en Galicia indicando non só a dirección correcta a Compostela, senón tamén a boa senda pola que hai que ir para conseguir aquilo que nos propoñemos.