Archivo de ‘ecoloxía’ Category

Un futuro lonxe

Sábado, 5 de Maio, 2012

Será que levo desde os tenros vinte anos dando o callo que non imaxino levantarme unha mañá e atoparme sen nada que facer. E seguramente isto lle pasaba á gran maioría deses máis de 5,6 millóns de españois en idade de traballar antes de que a EPA os colocase fóra do mundo laboral. Para eles, un consello dos quen di que tiveron durante algún tempo esas vacacións non desexadas: o importante é non perder a fe, manter a rutina familiar, empregar o tempo que antes se dedicaba ao choio en visitar empresas, enviar currículos e, sobre todo, seguir formándose. Pero terapias á marxe, o que eu non concibo é que un país desperdicie unha masa traballadora tan ampla, que non faga un esforzo colectivo por pórlle remedio e que apenas ofreza xa aos seus mozos oportunidades como as que eu tiven. A alternativa que se lles presenta é a mesma que se lles ofreceu hai décadas a seus avós ou pais: a emigración. E aínda que xa non resulta tan traumática como daquela, porque hoxe en día pódese chegar a Galicia máis rápido desde Londres, Berlín ou Xenebra que desde Bilbao ou Barcelona, creo que iniciar unha vida lonxe da contorna onde te criaches sempre debe de ser unha elección persoal, nunca unha obriga. Se cadra por iso cando escoito un pai orgulloso de que o seu fillo teña un bo posto de traballo a centos de quilómetros dubido entre darlle os parabéns ou consolalo

Non, grazas

Xoves, 17 de Marzo, 2011

O mundo desenvolvido enléase con papel de fumar cada vez que un desastre atravesa as fronteiras dun dos grandes. Porque se un terremoto devasta Haití ou acaba coa vida de 120.000 indonesios, Occidente tómao como un fenómeno da natureza e non se para a pensar que a prevención podería evitar moitas mortes. Esa reflexión só se produce cando as catástrofes ocorren no primeiro mundo. Pasou co furacán Katrina e a falta de previsión do Goberno estadounidense á hora de evacuar a poboación de Nova Orleans e, hai uns meses, coa vertedura de petróleo na costa de Luisiana provocada pola irresponsabilidade dunha multinacional.
Agora as alertas tras a tripla catástrofe de Xapón –terremoto, tsunami e explosión nuclear– tamén se desataron entre os gobernos que ata onte apostaban polo futuro da enerxía atómica e que xa rescatan do arquivador as moratorias nucleares para as vellas centrais. Seguro que a maioría dos 127 millóns de xaponeses, que hai 65 anos souberon como as gastaba a fisión do átomo, pagarían por ter lonxe das súas illas esas inquedantes centrais. Nós aínda o estamos pensando, aínda que algúns seguimos repetindo aquel slogan: ¿Nuclear? Non, grazas.

Somos unha reserva

Domingo, 2 de Novembro, 2008

O oso pardo atropelado esta semana na autovía A-6 acabounos de confirmar que a provincia de Lugo estase a consolidar como terra de acollida. Pero non de inmigrantes, porque o número deles que chegan ata acó é irrisorio comparado cos doutras zonas do Estado, nin tampouco de emigrantes retornados, que prefiren asentarse nas cidades da franxa atlántica. Aquí o único aumento de censo que estamos a rexistrar é o dos animais salvaxes.
E aínda que a maioría dos lugueses, sobre todo os da zona rural, ben poderían ser catalogados como ecoloxistas, pois son moitos os que crían ou criaron animais e polo tanto saben o que é terlles cariño e protexelos, aqueles que aínda viven nas aldeas da montaña non están para nada dacordo en cederlles terreo ás bestas. Din que o seu gando está en perigo e non hai axudas dabondo cando se producen ataques de alimañas e tamén consideran que a protección de zonas para permitir o asentamento destes animais afecta ao desenvolvemento das súas explotacións agropecuarias.
E por se esto fora pouco, a partir de mediados de outubro moitos veciños do rural teñen que pecharse as fins de semana nas súas casas, con portas e fiestras ben trancadas para resgardarse doutra especie que está a meterlles o medo no corpo con actuacións ás veces irresponsabeis. Falamos do cazador domingueiro.
Por iso non é de estranar que de aquí a uns anos algunhas zonas da provincia de Lugo acaben convertidas en reservas de caza ou en parques naturais nos que a especie humana só será visible en forma de turistas de todoterreo. Claro que estes amantes da natureza tampouco poderán nin siquiera aloxarse en hoteis ou albergues, pois as poucas instalacións que ata agora había como a do Club Ancares ubicada en Degrada está pechada logo de que ninguén se queira facer cargo do seu mantemento.
Este mesmo verán estiven nese albergue logo de 25 anos de  visitalo por primeira vez e a pesares de ter unha situación privilexiada, moi preto do famoso pico Tres Bispos, puiden comprobar como a falta de interés por sacarlle partido a unha riqueza natural como son os montes de Lugo pode acabar por facer esmorecer a toda unha comarca.
En definitiva, seica voz xa se correu entre toda a fauna da Cordilleira Cantábrica e xa son moitos os animais que están camiño deste novo santuario para a ecoloxía. Os amantes da natureza seguro que celebran esta nova, pero haberá quen algún día se lamente por exemplo de que ardan os montes por falta de mantemento, de que non haxa nenos para manter abertas as escolas rurais ou de que os maiores teñan que marchar das súas casas por falta de servizos de asistencia. Daquela Lugo será só noticia para a ‘National Geographic’.

Parque natural dos Ancares

Domingo, 8 de Xuño, 2008

Tiña só 14 anos cando na compaña de dous amigos nos aventuramos a pasar unha semana de verán percorrendo a pé os picos dos Ancares. Daquela as referencias que tiña sobre o que está considerado un dos ecosistemas mellor conservados de Europa non pasaban do lido en libros sobre unha forma de vida en pallozas que se asemellaba á dos antiguos moradores dos castros. Pero unha vez alí descubrimos ata que punto a natureza ten agochadas sorpresas para os sentidos e como aquela experiencia vital acaba por facerlle a un comprender a importancia de preservar estes espazos onde debe ser o home quen se adapte ao entorno sen tentar transformalo.
Agora un anuncio da Consellería de Medio Ambiente para convertir estes montes en parque natural levantou as protestas dalgúns veciños, que ven unha ameaza nas medidas proteccionistas que traerá a catalogación. Os máis alarmistas falan de que a especie en extinción acabará sendo o ser humano e nunha reunión celebrada en Navia de Suarna unha avogada asegurou que non haberá compensacións para os propietarios afectados nin subvencións. Por contra, o conselleiro de Medio Ambiente prometeu que a medida virá acompañada dun investimento importante para mellorar as condicións de vida dos habitantes e dixo que a declaración como parque natural suporá un alicerce para o desenvolvemento económico dos veciños dos Ancares.
Pero se uns e outros se cren en posesión da verdade, como soe pasar en todas as polémicas, resulta chamativo o argumento dalgúns voceiros veciñais que plantexan que o proxecto de preservar este espazo só debe ser decidido se o aceptan os seus habitantes, explicando que Os Ancares non son de todos os galegos, senón dos poboadores de Cervantes e Navia. Vamos que se por exemplo os lucenses deciden en asamblea derrubar a muralla para facer dous carrís máis na Ronda o resto do mundo deberían aceptalo porque aínda que é Patrimonio da Humanidade, os auténticos propietarios son os veciños de Lugo.
Ao final seguramente se imporá a razón e Os Ancares serán algún día parque natural e se cadra co tempo se convirta no segundo parque nacional de Galicia, xunto co das Illas Atlánticas. E tamén pode que eses que hoxendía se lamentan do que poden perder co proxecto acaben reconvertidos en empresarios aproveitando o tirón turístico que supón unha declaración deste tipo. Eso si, a polémica fíxome acordarme daquela apaixoante aventura de adolescente e facerme anotar na axenda unha próxima escapada ata eses montes nos que descubrín a beleza creativa da natureza.