Archivo de ‘Xeral’ Category

Masterchefs

Xoves, 3 de Setembro, 2015
Se hai algo no que gusto de malgastar o tempo durante as vacacións é en consumir televisión, se cadra para descansar da rutina laboral de lectura e escritura. Desta vez volvín atopar na miña atrevida incursión na TDT os típicos refritidos veraniegos e enlatados doutras temporadas, pero o que máis me chamou a atención foi esa morea de chefs estrelados que tentan convencernos de que a súa pericia facendo un revolto de allos ten tanta ciencia como unha cirurxía cardiaca.
Que vale, que cada un vende o seu traballo como mellor pode, aínda que o que non acabo de dixerir é ese xeito arrogante co que algúns tratan aos alumnos que reclutan para converter en chefs, por moi birriosos que poidan parecer os pratos que preparan. Porque igual que non me imaxino a un compañeiro abochornando a un becario por ter escrito un parágrafo infumable, tampouco me apetece ver nunha televisión que pagamos entre todos a un pontífice do cachelo encebolado humillando a un rapaz por tratar de ser orixinal coa súa atrevida ignorancia.
E logo están eses chefs que asumen o papel de cabreados co mundo e que converten a cociña nunha especie de campo de concentración, dando que pensar se a súa vocación frustada non será a de sarxento chusqueiro.
Non dubido de que cociñar sexa un oficio apaixonante e tamén estresante, pero calquera non iniciado sabe distinguir o gato da lebre.

Un televisivo chef

Nomes

Venres, 8 de Maio, 2015

Hai uns días tiven que enseñar unha escritura nun organismo oficial no que aparecía o nome que para min elixiron meus país e que eu decidín galeguizar ao pouco de que a lei mo permitiu. Dixéronme que non tiña validez e que debería ter que facer unha nova, se cadra para darlle traballo a eses notarios que coa crise do ladrillo viron diezmada a clientela. Finalmente imperou a lóxica e o funcionario decidiu que eu viña sendo o mesmo, tanto co nome en castelán como en galego, pero recordoume que cando se muda algo hai que facelo con todas as consecuencias. E eu asentín.

No Concello de Lugo acaban de decidir o cambio de nome de sete rúas, catro delas cun criterio que excede á Lei da Memoria Histórica, porque se trata de persoas vinculadas a un réxime político do que non queremos acordarnos, pero que no seu momento fixo moito dano aos que pensaban doutro xeito. Esos persoeiros serán susbtituídos por outros dos que ningún lucense nunca se terá que arrepentir, porque a memoria que deixaron non dá pé a iso.

A única mágoa é a de ver que a decisión tomada no pleno non fose unánime, porque no PP cren que as persoas homenaxeadas nalquel réxime sen discrepancias merecen estar na memoria colectiva.

Entre o resto da cidadanía, nostálxicos á marxe, os máis afectados polo cambio, residentes e empresas, lamentábanse do incordio de ter que mudar documentos. E tamén asinto.

A rúa que se adicará ao xenial Isaac Díaz Pardo

O máis

Xoves, 23 de Abril, 2015

Se hai algo que me chama a atención dos xornais dixitais son os apartados de ‘o máis visto’, unha especie de guías rápidas sobre o que de verdade lles importa aos internautas, malia que a maioría sexan novas intrascendentes ou frívolas.

Unha revisión do ‘top ten’ das principais webs amosábame onte un panorama descorazonador logo de ver como entre as novas máis visitadas estaban o cambio de peiteado da raíña Letizia, os soldos dos protagonistas de ‘Supervivientes’ ou que Google se une á busca do monstro do lago Ness.

A luz acendéuseme ao ver que nun dos dixitais más lidos da rede o máis visto era o último artigo do blogueiro de viaxes Paco Nadal, e non porque estivera a describir unha paradisíaca praia low cost na que solazarse este verán, senón porque o seu contido sacaba as cores de editores de novas e tamén de lectores. «¿E se o titular fora ‘700 turistas europeos afogados ao volcar un cruceiro fronte a Malta’», propoñía. Nadal reflexionaba sobre a repercusión dunha traxedia coma do sábado, pero na que fosen protagonistas cidadáns deste lado do Mediterráneo, con pasaportes, contas correntes e declaracións da renda ao día, e tamén sobre os cambios lexislativos que se producirían.

Malia que non guíe as miñas inquedanzas informativas polo trending topic, nunca deixo de mirar eses apartados sobre o que lle interesa á maioría, porque sempre agochan gratas sorpresas.

Os barcos que menos importan

Leis

Venres, 17 de Abril, 2015

Os cambios legais como o que se está a debater no Congreso para modificar a lei do aborto non nos deberían sorprender nunha democracia onde as dereitas e esquerdas se turnan no goberno, xa que o que fan uns, tratan de mudalo despois os outros para acentuar o seu perfil.

De feito, un recente informe encargado pola patronal Ceoe e que se titula ‘Legislar menos, legislar mejor’, di que de 1970 a 2014 se adoptaron en España 40.046 normas estatais, a razón de máis dun milleiro por ano, malia que nos últimos exercicios a tendencia foi á redución da febre lexisladora. Así, en 2014, as novas normas apenas pasaron de 700.

E mentres se produce o debate impulsado polo PP para mudar a lei do aborto que impulsou Zapatero, o líder do PSOE acaba de comprometerse cos sindicatos de educación a que, se chega ao Goberno, derogará a Lomce, voltarase a impartir a asignatura de Educación para a Cidadanía e eliminarase a de Relixión.

Nada novo no panorama, pero o problema é que con tanta mudanza lexislativa non parece que haxa máis beneficiados que a teima da igrexa católica por seguir influíndo nun Estado aparentemente laico e o negocio das editoriais de textos educativos. Eso si, as cuestións nas que non hai consenso arranxaríanse con consultas específicas á cidadanía coincidindo coas eleccións, como fan noutros países, pero que aquí nin se plantexan.

A fábrica de leis

A labazadas

Xoves, 5 de Marzo, 2015
A aceptación que hai na sociedade coas imaxes de agresións e trifulcas nos eventos deportivos demostran o pouco interese por previr que as xeracións futuras sexan intolerantes, sobre todo porque esas estrelas que nos venden como triunfadores son para os mozos iconas as que buscan emular.
Logo da morte dun ultra do Deportivo en Madrid a mans doutros descerebrados, os responsables do millonario negocio do fútbol déronse conta de que eran eles os que tiñan nas súas mans evitar en grande medida este tipo de incidentes, impedíndolles a entrada aos campos aos afeccionados máis agresivos e prohibindo insultos a xogadores e público. Houbo diversas reaccións, pero foi curioso que algúns futbolistas xustificasen como lóxicas as agresións en quente, alegando que quedaban no campo, malia que miles de persoas seguen os partidos.
Hai uns días, nunha cancha de baloncesto, volveuse ver un xogador provocando unha trifulca logo de pegarlle un puñazo a un rival que o empurrou. Na pelexa, á que se uniron os banquiños, levaron por diante un cativo que estaba sentado nas primeiras filas, as mesmas onde se sitúan tamén as persoas en cadeiras de rodas. O energúmeno disculpouse despois co neno, que, aínda asustado, seguro que pensou que, visto aquel espectáculo, o mellor que pode facer para resolver as diferencias cos seus compañeiros é repartir labazadas.

Mr. López

Mércores, 11 de Febreiro, 2015
Din que ao CD Lugo lle pasou por diante dos fuciños a toda velocidade un fórmula un que nin deu tempo a ver, pilotado por un tal míster López que, como na película de Berlanga, prometía cambiar as vidas dos protagonistas. Pero como por estas estradas nosas de grava e xeada córrese mellor en perolos tuneados, ao patrón do equipo Lotus e aos seus patrocinados saíulles un competidor de última hora para animar a competición que, como na carreira da lebre e a tartaruga, cruzou a meta por diante aproveitando que o rival no lle dera a importancia debida.
E como a derrota é máis difícil de dixerir canto menos esperada é, míster López e a súa escudería parece que van pasar de largo por Lugo, deixando na parroquia unha sensación entre a decepción e o alivio ao ver o rápido que se desmontou o teatrillo.
Non é a primeira vez nin será a última que vemos pasar pola porta en Lugo vendedores de ilusións que se esvaecen como a néboa do Miño a mediodía e por iso non nos sorprende que Mr. López xa non queira nada cunha cidade que ousou enfrontar un perolo co seu fórmula un.
Menos mal que o luguiño, afeito como está a sacar puntos fronte aos rivais fachendosos, segue a vivir o seu soño de competir cos grandes orzamentos do fútbol cun proxecto modesto que, malia estar cada temporada no aramio, pode gabarse de non deberlle nada a ninguén.

A feira

Mércores, 4 de Febreiro, 2015
Se cadra moitos coma min pensaban que nunha cidade que durante séculos e ata antonte estivo controlada polos bispos e que se gaba de ter a única catedral onde está exposto permanentemente o santísimo sacramento ía desatarse unha polémica relixiosa pola celebración dun salón erótico onde tamén haberá exposición permanente de carne e fieis fitando cara os altares do pecado capital que máis cartos xera nos nosos días.
Pero nada diso, porque de momento só coñecemos o comunicado dun traballador social que compara o evento cunha feira onde a muller se presenta como mercadoría, mentres nas rúas tampouco se palpa moito morbo polo evento, se cadra porque Pandora e o seu can xa deixaron vacinados hai dúas décadas aos lugueses máis veteranos contra calquera sorpresa sexual, mentres que os mozos teñen agora na rede todo canto un se pode imaxinar e máis.
Será por iso que nin sequera se chegou a cuestionar, como ocorrera hai tres anos en Ferrol ou en Xixón, o uso dunha instalación pública como é o Pazo de Feiras para acoller un evento deste tipo, e que nos casos citados levou ás institucións a anular os eventos. Aquí en Lugo, desde os tempos en que María Alvarado poñía o grito no ceo polas rapazas que saían lixeiras de roupa na portada de La Hoja del Lunes, xa ninguén lle pon pegas ás cerimonias de exaltación do sexo, e menos cando ameaza neve.

O espello

Mércores, 28 de Xaneiro, 2015
Non me sinto moi capacitado para opinar dun país que non coñezo, por moito que se teña falado del desde que se extendera pola Europa rica a idea de que os seus poboadores viviran do conto. Pero aínda que non son grego, recibo con sorpresa e admiración os resultados dunhas eleccións nas que unha maioría de cidadáns afogados polas políticas de austeridade impostas deron un golpe na mesa do poder económico e xeopolítico a sabendas de que é un órdago con poucas probabilidades de gañarlle a partida á Troika.
E se hai algo que me chama a atención ademais do triunfo de Syriza é o seu pacto cos conservadores independentes nada máis gañar as eleccións, e que deixa descolocados a todos os que aínda miden a política entre forzas de esquerdas e dereitas. Porque esa catalogación esmorece do mesmo xeito que esas vellas siglas e os seus líderes, que aínda non se decataron de que a maioría dos cidadáns xa non se move por sentimentos, cores ou bandeiras, senón que busca dirixentes que non os tomen por carneiros, que lles solucionen os problemas e que o fagan xa.
España, que non se fixaba tanto nunha votación de Grecia desde que nos daban os doce puntos en Eurovisión, mirouse agora no espello heleno á espera de que ese señor que anda a pedir grazas polas portas convoque eleccións. E claro que aquí non somos gregos e só arriscamos ata que a auga chega ao pescozo. Pero fatos tampouco somos, oia.

O electricista

Xoves, 22 de Xaneiro, 2015
O dono dun restaurante da Lanzada onde acostumaba ir o electricista da catedral de Santiago contoume que a personalidade do personaxe que estes días é portada dos diarios galegos xa lle facía intuír que o desaparecido Códice Calixtino non podía estar noutro sitio que non coñecese Manuel Fernández Castiñeiras. O hostaleiro conta que mesmo cando saía no telexornal algunha nova sobre o suceso, bromeaba con el dicíndolle que xa lle valía, que o entregase, mentres o electrictista agochaba a cabeza coa mesma pose penitencial que presenta agora diante das cámaras no xuízo.
Daquela os investigadores xa tiñan pistas suficientes para intuír que o Códice fora agochado polo electrista, aínda que foi o rexistro na súa casa o que deu co valioso libro e cunha cantidade de cartos difícil de xuntar nunha vida cun traballo dese tipo. Castiñeiras confesou entón diante do xuíz Taín, quen usou o eco mediático do caso para cubrirse de fama e mesmo iniciar carreira literaria. Pero o electricista di agora no xuízo que declarara baixo presión e basea a súa defensa na anulación das probas, algunhas delas obtidas de xeito peliculeiro pero nada procedemental, como a instalación de micrófonos no domicilio do acusado.
A diferencia dos investigadores, Castiñeiras para nada dá o perfil de protagonista dunha película de ladróns de arte ou bens culturais e, como moito, a súa historia podería valer como secuela da Pantera Rosa.

‘Je suis’

Xoves, 15 de Xaneiro, 2015
Ao igual que ocorreu tralo 11-S e o 11-M, as chilabas e os hiyab non pasan estes días desapercibidos polas rúas das nosas cidades occidentais. A barbarie que practican uns fanáticos iluminados que interpretan o libro sagrado mulsulmán como se dun manual do terror se tratase, voltou estimagtizar a todos cantos pertencen a esa cultura e relixión milenarias, malia que a gran maioría só busque vivir con dignidade nesa Europa da diversidade.
Porque o ataque contra a revista Charlie Hebdo non foi só un atentado contra á liberdade de expresión, senón un xeito de enfrontar cidadáns que en moitos casos teñen a mesma desgraza de estar a vivir penalidades para saír adiante.
Non olvidemos que a comunidade musulmá en Europa é unha das máis castigadas pola crise, a que ten máis dificultades para acceder a empregos e a que sofre máis discriminación, un caldo de cultivo para que os grupos extremistas capten mozos, lles laven o cerebro e os empurren cara o abismo.
Eu tamén son Charlie Hebdo, por suposto, porque aínda que poida considerar máis ou menos atrevido ese xeito de ridiculizar aos fanáticos, defendo o dereito a expresarse libremente. Pero tamén son Abdul, Haifa, Mohamed ou cada un deses mozos que non cre na violencia como xeito de esixir igualdade de oportunidades e que, como calquera, ten dereito a vestir e vivir conforme as súas crenzas.