1 de Outubro , 2015
Xa me gustaban máis os coches do que me gustan. Serán cousas da idade, pero ese é o comentario que fago cada vez que alguén me fala sobre o último modelo multiválvula ou common-rail. O caso é que as familias españolas gastan unha media de 610 euros ao ano en pagos pola compra dun coche novo, segundo os datos dunha enquisa do Ine correspondente a 2013, e aínda que esta cifra se reduciu en máis de 300 euros con respecto a 2012 -debido ás prioridades que marca a crise-, aínda estamos a falar dunha cantidade importante do orzamento para un capítulo no que moitas veces manda máis o capricho que a razón.
E aínda que sexa unha cuestión de gustos o tipo de modelo no que nos decidimos a meter os aforros, o que menos pensa un é que despois de pasar uns seis meses visitando concesionarios -porque esa é a media que din que se tarda en facer a compra desde que se comezou a argallala- nos metesen gato por lebre logo de firmar letras e deixar a conta corrente tremendo. Os directivos de Volkswagen aínda están facendo contas do número de vehículos nos que trucaron motores para enganar aos clientes e, sobre todo, ás administracións que subvencionan a eficiencia enerxética, pero estaría ben que xa se empezase a informar directamente aos timados e, sobre todo, se inspeccionara ao resto de marcas, porque dáme a espiña que o calote é xeralizado nun sector que move tanto carto.
Cae antes o mentiroso...
Tags: motor, trucado, Volkswagen
Categoría: economía | Comments Off
3 de Setembro , 2015
Se hai algo no que gusto de malgastar o tempo durante as vacacións é en consumir televisión, se cadra para descansar da rutina laboral de lectura e escritura. Desta vez volvín atopar na miña atrevida incursión na TDT os típicos refritidos veraniegos e enlatados doutras temporadas, pero o que máis me chamou a atención foi esa morea de chefs estrelados que tentan convencernos de que a súa pericia facendo un revolto de allos ten tanta ciencia como unha cirurxía cardiaca.
Que vale, que cada un vende o seu traballo como mellor pode, aínda que o que non acabo de dixerir é ese xeito arrogante co que algúns tratan aos alumnos que reclutan para converter en chefs, por moi birriosos que poidan parecer os pratos que preparan. Porque igual que non me imaxino a un compañeiro abochornando a un becario por ter escrito un parágrafo infumable, tampouco me apetece ver nunha televisión que pagamos entre todos a un pontífice do cachelo encebolado humillando a un rapaz por tratar de ser orixinal coa súa atrevida ignorancia.
E logo están eses chefs que asumen o papel de cabreados co mundo e que converten a cociña nunha especie de campo de concentración, dando que pensar se a súa vocación frustada non será a de sarxento chusqueiro.
Non dubido de que cociñar sexa un oficio apaixonante e tamén estresante, pero calquera non iniciado sabe distinguir o gato da lebre.
Un televisivo chef
Tags: chefs, cociñeiro, televisión
Categoría: Xeral | Comments Off
17 de Xuño , 2015
Abrín hai catro anos conta en Twitter, case ao mesmo tempo no que o dimisionario concelleiro de cultura madrileño enviaba ao infinito os seus desafortunados contos de humor negro. Desde entón, a miña actividade foi bastante discreta, ata o punto de que se alguén quixera rebuscar na procura de algo políticamente incorrecto ou denunciable non pasaría máis de dez minutos. Eso si, perdidos, porque os que levamos máis de media vida expoñendo públicamente opinións sabemos que aquilo que se pon negro sobre branco é indeleble e, polo tanto, coidámonos de non meter a pata con comentarios de cantina.
Entendo en todo caso que a polémica sobre a falta de sentidiño co uso dos 140 caracteres do tal Guillermo Zapata só forma parte do ruído que vai presidir o mandato daqueles gobernos xurdidos das plataformas cidadáns, porque o seu foi un asalto ao poder establecido co que non contaban os promotores de ‘tamayazos’ e ‘gürteles’ e que teñen que combatir como sexa antes de que a insurxencia chegue ata os altos poderes do Estado.
A dimisión do tal Zapata, que se cadra tamén tería que deixar a acta de concelleiro porque tampouco lle vexo méritos para mantela, vai quedar en anécdota en canto saia á luz o seguinte descubrimento sobre erros pasados dos munícipes indignados. Así que haberá que estar atento ao Twitter, onde os pecadores son os que mellor atinan coas pedras.
Pensando un novo conto
Tags: Guillermo Zapata, indignados, Madrid
Categoría: política | Comments Off
8 de Maio , 2015
Hai uns días tiven que enseñar unha escritura nun organismo oficial no que aparecía o nome que para min elixiron meus país e que eu decidín galeguizar ao pouco de que a lei mo permitiu. Dixéronme que non tiña validez e que debería ter que facer unha nova, se cadra para darlle traballo a eses notarios que coa crise do ladrillo viron diezmada a clientela. Finalmente imperou a lóxica e o funcionario decidiu que eu viña sendo o mesmo, tanto co nome en castelán como en galego, pero recordoume que cando se muda algo hai que facelo con todas as consecuencias. E eu asentín.
No Concello de Lugo acaban de decidir o cambio de nome de sete rúas, catro delas cun criterio que excede á Lei da Memoria Histórica, porque se trata de persoas vinculadas a un réxime político do que non queremos acordarnos, pero que no seu momento fixo moito dano aos que pensaban doutro xeito. Esos persoeiros serán susbtituídos por outros dos que ningún lucense nunca se terá que arrepentir, porque a memoria que deixaron non dá pé a iso.
A única mágoa é a de ver que a decisión tomada no pleno non fose unánime, porque no PP cren que as persoas homenaxeadas nalquel réxime sen discrepancias merecen estar na memoria colectiva.
Entre o resto da cidadanía, nostálxicos á marxe, os máis afectados polo cambio, residentes e empresas, lamentábanse do incordio de ter que mudar documentos. E tamén asinto.
A rúa que se adicará ao xenial Isaac Díaz Pardo
Categoría: Xeral | Comments Off
30 de Abril , 2015
Non creo que a maioría de donos de empresas en España pense como os dous últimos presidentes do Círculo de Empresarios, porque senón poderíamos empezar a facer a maleta en busca dun futuro nun país onde o respecto do patrón ao traballador sexa recíproco
Mónica Oriol, a anterior líder dese lobby que aglutina a empresarios e executivos da gran e mediana empresa, foi quen de facerse notar ao dicir en público o que pensaba: que non contrataría a mulleres de entre 25 e 45 anos para evitar embarazos que, segundo di, serían un «problema». Tamén apostaba por rebaixar o subsidio de desemprego, ese seguro ao que mensualmente fan aportacións todos os traballadores ao longo da súa vida laboral, porque consideraba que ninguén ía aceptar un emprego se tiña dous anos de prestacións por diante.
Logo de varias destas perlas, esta executiva que curiosamente ten seis fillos, cedeulle o posto a Javier Vega, que acaba de estrearse con outra ocurrencia, logo de asegurar que os parados, «esos pobrecillos que están en la calle», di, o que queren é flexibilidade.
Témome que non será a única marca da casa que amosarán tanto el como outros representantes da elite executiva deste país, como foron Rato, Díaz Ferrán ou Blesa, e que pouco teñen que ver coa verdadeira clase empresarial, a que respecta e loita cos seus traballadores por sacar adiante cada día un proxecto común.
Tags: Círculo de Empresarios, Javier Vega, Mónica Oriol
Categoría: economía | Comments Off
23 de Abril , 2015
Se hai algo que me chama a atención dos xornais dixitais son os apartados de ‘o máis visto’, unha especie de guías rápidas sobre o que de verdade lles importa aos internautas, malia que a maioría sexan novas intrascendentes ou frívolas.
Unha revisión do ‘top ten’ das principais webs amosábame onte un panorama descorazonador logo de ver como entre as novas máis visitadas estaban o cambio de peiteado da raíña Letizia, os soldos dos protagonistas de ‘Supervivientes’ ou que Google se une á busca do monstro do lago Ness.
A luz acendéuseme ao ver que nun dos dixitais más lidos da rede o máis visto era o último artigo do blogueiro de viaxes Paco Nadal, e non porque estivera a describir unha paradisíaca praia low cost na que solazarse este verán, senón porque o seu contido sacaba as cores de editores de novas e tamén de lectores. «¿E se o titular fora ‘700 turistas europeos afogados ao volcar un cruceiro fronte a Malta’», propoñía. Nadal reflexionaba sobre a repercusión dunha traxedia coma do sábado, pero na que fosen protagonistas cidadáns deste lado do Mediterráneo, con pasaportes, contas correntes e declaracións da renda ao día, e tamén sobre os cambios lexislativos que se producirían.
Malia que non guíe as miñas inquedanzas informativas polo trending topic, nunca deixo de mirar eses apartados sobre o que lle interesa á maioría, porque sempre agochan gratas sorpresas.
Os barcos que menos importan
Tags: dixitais, inmigración, Mediterráneo, naufraxio, Novas, Paco Nadal
Categoría: Xeral | Comments Off
17 de Abril , 2015
Os cambios legais como o que se está a debater no Congreso para modificar a lei do aborto non nos deberían sorprender nunha democracia onde as dereitas e esquerdas se turnan no goberno, xa que o que fan uns, tratan de mudalo despois os outros para acentuar o seu perfil.
De feito, un recente informe encargado pola patronal Ceoe e que se titula ‘Legislar menos, legislar mejor’, di que de 1970 a 2014 se adoptaron en España 40.046 normas estatais, a razón de máis dun milleiro por ano, malia que nos últimos exercicios a tendencia foi á redución da febre lexisladora. Así, en 2014, as novas normas apenas pasaron de 700.
E mentres se produce o debate impulsado polo PP para mudar a lei do aborto que impulsou Zapatero, o líder do PSOE acaba de comprometerse cos sindicatos de educación a que, se chega ao Goberno, derogará a Lomce, voltarase a impartir a asignatura de Educación para a Cidadanía e eliminarase a de Relixión.
Nada novo no panorama, pero o problema é que con tanta mudanza lexislativa non parece que haxa máis beneficiados que a teima da igrexa católica por seguir influíndo nun Estado aparentemente laico e o negocio das editoriais de textos educativos. Eso si, as cuestións nas que non hai consenso arranxaríanse con consultas específicas á cidadanía coincidindo coas eleccións, como fan noutros países, pero que aquí nin se plantexan.
A fábrica de leis
Tags: lei do aborto, Lomce, PP, PSOE
Categoría: Xeral | Comments Off
8 de Abril , 2015
A fin da crise anúnciase aos catro ventos neste ano electoral no que os dous grandes partidos estanse a xogar o dereito de alternancia que veñen practicando desde a fin da Transición. O crecemento do emprego, a baixa da prima de risco ou o aumento do consumo e do turismo poderían servir para dar por finiquitados os anos de recurtes e pesimismo colectivo.
O problema é que as salvas e foguetes son aínda un espellismo para aqueles parados de longa duración que xa perderon o dereito á prestación, para os que sobreviven con 400 euros ao mes ou mesmo para os que conseguiron atopar traballo neste tempo, pero que integran esa estatística de pobreza laboral, na que se calcula que hai 1,5 millóns de traballadores, a gran maioría mulleres.
A recuperación tamén semella que chegará máis tarde a aquelas rexións ou provincias menos desenvolvidas e nas que a crise tardou en chegar, polo que se corre o risco de que España e os seus habitantes avancen a dúas velocidades se ninguén o remedia.
Nos vindeiros meses escoitaremos todo tipo de propostas para mellorar a situación dunha poboación que, agás en casos contados, sufriu en maior ou menor medida uns anos de crise nos que houbo que mudar hábitos e fixar prioridades como penitencia por vivir por enriba das nosas posibilidades. Pero se esas iniciativas non se basean en xeralizar o crecemento, alo menos comigo que non conten.
Xente á marxe do crecemento
Tags: crecemento, crise, paro, pobreza
Categoría: economía | Comments Off
5 de Marzo , 2015
A aceptación que hai na sociedade coas imaxes de agresións e trifulcas nos eventos deportivos demostran o pouco interese por previr que as xeracións futuras sexan intolerantes, sobre todo porque esas estrelas que nos venden como triunfadores son para os mozos iconas as que buscan emular.
Logo da morte dun ultra do Deportivo en Madrid a mans doutros descerebrados, os responsables do millonario negocio do fútbol déronse conta de que eran eles os que tiñan nas súas mans evitar en grande medida este tipo de incidentes, impedíndolles a entrada aos campos aos afeccionados máis agresivos e prohibindo insultos a xogadores e público. Houbo diversas reaccións, pero foi curioso que algúns futbolistas xustificasen como lóxicas as agresións en quente, alegando que quedaban no campo, malia que miles de persoas seguen os partidos.
Hai uns días, nunha cancha de baloncesto, volveuse ver un xogador provocando unha trifulca logo de pegarlle un puñazo a un rival que o empurrou. Na pelexa, á que se uniron os banquiños, levaron por diante un cativo que estaba sentado nas primeiras filas, as mesmas onde se sitúan tamén as persoas en cadeiras de rodas. O energúmeno disculpouse despois co neno, que, aínda asustado, seguro que pensou que, visto aquel espectáculo, o mellor que pode facer para resolver as diferencias cos seus compañeiros é repartir labazadas.
Tags: baloncesto, Bilbao, fútbol, violencia
Categoría: Xeral | Comments Off
27 de Febreiro , 2015
Entra un rapaz nun bar —e non é un conto— e pregunta se hai wifi. O camareiro respóstalle que non e o posible cliente decide marchar. Ao pouco, unha señora maior abre a porta, achégase ata o recuncho dos xornais, mira que non hai ningún libre, e pega de volta por onde veu. Entrementres unha televisión muda amosaba imaxes do presidente do Goberno falando para a nación. Algúns miraban de esguello cara a pantalla, pero sen moito interese por escoitar o que dicía Rajoy, se cadra porque sabían que alguén llelo resumiría despois.
A escea é toda unha metáfora da situación que viven agora os medios de comunicación e os seus receptores, onde internet abriu novos canles de información e entretemento aos que se tentan adaptar os mass media tradicionais, de xeito que a prensa de papel trata de manter o seu nicho de negocio e as televisións tentan reter ao telespectador copiándose formatos que, canto menos custes de produción poidan ter, mellor.
Os datos aportados polo último informe sobre a profesión xornalística, nos que alerta da destrución de 12.000 empregos en España desde a chegada da crise en 2008, son para tremer. Pero quédome cunha parte da escea vivida nese bar, onde dous cidadáns, de diferentes idades, andaban á precura de algo que só lles poden aportar dun xeito contrastado os profesionais e os medios de referencia: a información. E iso tamén hai que pagalo, como o café.
Tags: medios, Rajoy, xornalistas
Categoría: sociedade | Comments Off