O voto lonxano
Luns, 2 de Febreiro, 2009Acaba de aclaralo a Xunta Electoral Central. Levar o DNI ou algún tipo de identificación para votar desde a emigración non é ningunha “carga desproporcionada”. A polémica xurdiu logo dun recurso do PSOE no que pedía retirar este requisito, porque non se contempla na Ley Electoral e porque podería introducir máis confusión entre os residentes ausentes que quixeran votar. Os argumentos, que desde PP e BNG se consideran peregrinos, foron desmontados coa decisión da XEC, aínda que o feito de que moitos dos chamados a votar no exterior sexan fillos ou netos de emigrantes e non teñan os papeis ao día seguramente vainos botar atrás á hora de participar nas eleccións do 1-M.
Pero o certo é que a obriga de identificarse diante da Administración para calquera trámite nunca debería considerarse como unha carga e menos para garantir que un proceso electoral sexa limpo. O que ocorre é que o voto emigrante sempre serviu de arma arroxadiza para os partidos políticos e os máis apoiados sempre fixeron por manter o ’status quo’ ata que se viron superados polo rival. No actual contexto, cun PSOE asentado no poder no Goberno central e superando en votos a PP e BNG na emigración, é lóxico que pida que non se maree a perdiz e que aqueles que puideron votar sen ningún atranco hai catro anos o poidan volver facer, malia o risco de que alguén chegue a votar mesmo por un morto.
O caso é que se estiveramos a falar dun cento de sufraxios seguro que non se ían poñer tantas obxeccións, pero o problema é que o censo de residentes galegos no exterior con dereito a voto é similar ao electorado das provincia de Lugo ou Ourense. Son 334.000 cidadáns os chamados a votar e a súa capacidade de decisión é tal que arestora mesmo pode supoñer que o vindeiro Goberno galego sexa dunha cor ou doutra. As últimas enquisas falan de que o bipartito vai conseguir restarlle dous escanos ao PP, sen embargo, as porcentaxes aínda danlle esperanzas aos populares, que agora ven no voto emigrante unha ameaza de cara a tentar voltar a gobernar Galicia. Por esta razón e hai que pensar tamén que para garantir a limpeza do proceso, pediron que xa que aínda non posible que o voto no exterior se faga en urna, a lo menos se adxunte coa papeleta algún tipo de identificación, ben a fotocopia do DNI ou do pasaporte.
Seica na Arxentina, onde está a maior colonia galega no exterior, hai bastante cabreo coa decisión da Xunta Electoral e se cadra por iso ao alcalde de Lugo, de xira esta semana pola quinta provincia galega, se lles escapou unha recomendación algo polémica. Animou a ir votar aínda con documentos caducados. Claro que o problema destas invitacións é que se corre o risco de que a papeleta dun acabe no lixo e xa se sabe que un voto ata pode chegar a decidir un presidente.