Posts etiquetados ‘Tribunal de Dereitos Humanos’

Doutrinas

Mércores, 23 de Outubro, 2013

A vida é o máis valioso que se lle pode quitar a alguén e por iso considero que os que son capaces de matar a un ser humano merecen unha pena de cárcere sen beneficios penitenciarios. Quizá por iso dubido de que haxa asasinos máis sanguinarios que outros, porque desde o momento en que se quita unha vida xa se traspasou unha barreira na que non hai volta atrás, nin para a vítima nin para os seus familiares.
Dito isto, non creo que a posta onte en liberdade dunha etarra con máis de 23 cadáveres ás súas costas vaia a xerar máis alarma social co terceiro grao de calquera criminal que reduza unha pena de asasinato no taller da prisión, se de verdade a excarcelación de ambos é conforme á lei. O que ocorre é que este país aínda non soubo darlle unha solución ao problema do terrorismo e hai quen está interesado en seguir poñendo sobre a mesa mortos e presos para evitar unha negociación.
A doutrina Parot o único que buscou no seu día foi intentar desculpar unha mala lexislación sobre os delitos de sangue nun momento no que se trataba de combater o terrorismo con todos os medios ao alcance e o feito de que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos bote por terra esa fórmula só demostra a chapuza coa que se pode actuar a calquera nivel neste país.
E claro que podemos declararnos insubmisos ante ese fallo, como tamén podemos volver usar o garrote.