Rebelión na estrada
Mércores, 18 de Xuño, 2008O paro dos transportistas, logo de case unha semana, conseguiu un dos obxectivos de toda folga, chamar á atención. Porén, o máis importante, que sería pactar un acordo para solucionar o conflito, semella estar lonxe sobre todo polas posturas radicais que están a adoptar os convocantes e a parálise que amosou a Administración, que se viu obrigada a unha reacción contundente trala actuación descontrolada dos piquetes.
Malia a que en Lugo non se rexistraron máis incidentes que rodas picadas e algunha agresión, a polígono do Ceao foi o centro de operacións en Galicia da organización máis belixerante, que non dubidou en protagonizar cortes de tráfico na Autovía A-6 ou manter bloqueos á entrada das principais industrias lucenses. Deste xeito, o que se anunciaba como un peche patronal, convertíase nun problema que acabou por resentir a outros sectores como o gandeiro, que tamén están a atravesar un momento difícil pola suba dos combustibles.
A base da protesta é compartida pola maior parte da sociedade, porque tamén está o sufrir os efectos no seu peto, pero o que voltou a ser incomprensible é que unha situación de crise dun determinado sector que se resiste a asumir unha reconversión acabe por perxudicar a outros, provocando mesmo ameazas de regulamento de emprego.
O transporte arrastra dende hai anos un problema derivado dunha excesiva atomización, tentando competir os empresarios autónomos coas grandes flotas, máis eficientes e con maior carga de traballo. Nun momento de suba do prezo dos combustibles como o actual, a repercusión nas tarifas tarda en chegar, o que provoca o afogamento deses pequenos empresarios que ven que non cubren nin os seus gastos. A situación poderíase comparar á que se lle presenta a un comerciante dun barrio no que se inaugura un centro comercial ou a un hostaleiro a quen lle montan enfronte un restaurante de comida rápida. Nestes casos a competencia acaba xeralmente por afundir ao pequeno, pero no caso dos transportistas contan coa ventaxa de ter capacidade de paralizar en parte un país, cortando as estradas cos camións ou boicoteando aos que non queren parar.
Pero cando se chega a este punto, a solidariedade do cidadán corre o risco de converterse en xenreira, e o que en principio era unha protesta para pedir medidas a o Goberno vóltase nunha revolta gamberra con efectos económicos que acaban por afectar a todo o texido económico. E aínda que as crises dóenlles a uns máis ca outros, non hai por que aplicar o dito de mal de moitos… Digo.